Xoves 25 Abril 2024

As formigas, unha sociedade sen ocio?

O entomólogo Carlos Otero asegura que as formigas obreiras traballan arreo pero que tamén descansan, aínda que cumprindo sempre algunha tarefa

Traballar como unha formiga, con esforzo, previsión e organización. Esta é a ensinanza moral da fábula que Félix María de Samaniego escribiu no século XVIII seguindo a tradición de Esopo e La Fontaine que se inspiraron nos animais e na natureza para escribir os seus relatos. A curiosidade que estes célebres fabulistas sentiron polas formigas non sorprende ao Profesor Emérito Ad Honorem da Universidade de Santiago de Compostela Carlos Otero, investigador incansable e figura esencial da entomoloxía europea. 

No Museo de Historia Natural da USC, onde se atopa hoxe a súa colección de insectos, Otero descríbenos as formigas como uns animais extraordinarios: viven en colonias cunha importante división e especialización do traballo dependendo do seu grao de evolución, manteñen a súa morfoloxía orixinal desde hai millóns de anos e como todos os insectos teñen cabeza, tórax e abdome. Por último, aliméntanse de materias vexetais, fungos e ata de micromamíferos dependendo da especie. 

Publicidade

“As formigas teñen tamén un aparato sensorial realmente extraordinario. A súa enorme capacidade de ter unha linguaxe baseada en substancias químicas é algo único entre os insectos. A combinación de feromonas que emiten é inhabitual. Como viven no chan onde hai moitísimos olores diferentes, a combinación de substancias coas que se comunican ten que ser absolutamente orixinal. Guíanse polo rastro dos seus conxéneres, pola información que lles facilitan outros membros do formigueiro con esta combinación de centos de substancias químicas que, naturalmente, ten un significado”, explícanos Otero. 

Cada formiga ten a súa tarefa

A distribución das 10.000 especies de formigas que se coñecen hoxe no mundo depende das condicións ambientais e é na zona tropical onde atopamos a maioría delas. O entomólogo da USC asegúranos que hai formigas ata no deserto pero que os niños destes insectos, os formigueiros, teñen sempre unha estrutura semellante: unha zona central que Otero chama a “fábrica” onde se atopan a raíña, as crías e as obreiras que as alimentan e despois está todo o que rodea a esa zona, a “fortaleza”, cos soldados que copulan coa raíña e defenden a colonia e miles de obreiras entrando e saíndo do niño para levar o alimento ao corazón do formigueiro. 

“Isto determina xa dúas e ata tres castas en formigueiros evolucionados e indícanos as tarefas e o funcionamento da colonia. Hai especies pouco evolucionadas con pouca especialización do traballo pero outras, como as formigas cortadoras de follas que case todo o mundo coñece, chegan a ter ata subcastas. Na especialización do traballo cada formiga cumpre a súa tarefa, xa non só pola información xenética senón tamén polas substancias químicas que segregan e coas que se van dicindo unhas ás outras que hai que poñerse a traballar”, subliña o profesor de Bioloxía. 

O ocio intelixente das formigas obreiras

Das páxinas de Samaniego ou La Fontaine, a idea da formiga incansable e traballadora trasladouse ao noso imaxinario creando un mito inamovible, unha ensinanza difícil de poñer en xaque. Pero o certo é que os formigueiros están cheos de túneles polos que circulan as obreiras e que Otero tamén chama lugares de “descanso”, unha palabra pouco empregada para falar destes insectos. O científico confírmanos que hai formigas chamadas ociosas na parte da fortaleza, fóra da parte central onde se encontra a raíña, pero sinala que incluso cando reducen a súa actividade, cando descansan, están facilitando o bo funcionamento da colonia

O entomólogo Carlos Otero, na sala de coleccións da USC.

“É só certo en parte que todas as formigas traballen sen descanso. O que acontece é que non o fan ao mesmo tempo. Nos formigueiros hai millóns de formigas e se todas se puxesen a traballar sería un caos. Isto é algo que aprendemos destes insectos, as quendas de traballo. Só un 30% delas traballa e os grupos van rotando. Mentres descansan tamén están patrullando, agardando a que sexa necesario facer algunha tarefa. A formiga Solenopsis, por exemplo, sae á superficie cando vai bo tempo para tomar o sol pero a calor que garda despréndea máis tarde no interior do niño, incluso coas crías”, afirma Otero.

O delgado fío que nos une ás formigas

Pero ademais de inspirar as quendas de traballo nas empresas ou o funcionamento dos nosos semáforos, o investigador da USC asegura que aínda podemos aprender moito destes insectos, sobre todo do extraordinario control da enerxía nos formigueiros. “Aqueles que estudan os formigueiros saben que son estruturas que non perden calor. Nós pensamos que temos edificios intelixentes pero non somos capaces de chegar nin á metade do aproveitamento da enerxía que se consegue nun formigueiro. Deberiamos estudar e coñecer como constrúen os seus niños para poder aplicalo nas nosas vivendas”, asegura o entomólogo. 

Carlos Otero, que segue marabillándose co mundo dos insectos que descubriu cando era neno, lémbranos, por exemplo, que sen eles a superficie da Terra cubriríase de feces de animais e que non habería herba porque esas feces afogaríano todo. “Somos nós os invitados na casa dos insectos, entre eles as formigas. Cando paseas polo monte é moi raro encontrar micromamíferos mortos no chan. Lexións de insectos enterran o animal ofrecendo alimento ás larvas e aportando nutrientes ao solo. Temos que ser conscientes de que vivimos nun mundo de total interdependencia e que se cortamos o delgado fío que nos une e non protexemos aos outros organismos dos que dependemos, teremos un serio problema”, advirte o entomólogo da USC. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un tratamento da USC para deixar de fumar logra a abstinencia do 77% de participantes

O estudo demostra que o uso de recursos tecnolóxicos, como as videochamadas e aplicacións móbiles, son efectivos para abandonar o tabaco

Os bebés expostos ao tabaco teñen maior probabilidade de consumir antibióticos

Un estudo galego analiza os factores asociados ao consumo deste medicamento cunha mostra de 18.882 mulleres

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844