Tres mortes por sarampelo en EEUU: causas e síntomas dunha doenza sen tratamento

O número de defuncións xa é igual ao total dos anteriores 24 anos e a cifra de contaxios é maior que en todo o 2024

Tres persoas morreron nas últimas semanas tras un novo gromo de sarampelo nos Estados Unidos, que afecta sobre todo ao estado de Texas. Dúas das vítimas tiñan apenas oito anos e non estaban vacinadas. O país americano xa ten máis do dobre de positivos por sarampelo que os que rexistrou durante todo o 2024. As tres defuncións dos últimos meses xa igualan as rexistradas no país durante os anteriores 24 anos.

O principal foco destes contaxios atópase no condado de Gaines. Cunha poboación de 22.892 persoas, rexistrou 328 dos 607 casos identificados no país desde xaneiro. O principal motivo desta situación é que o territorio ten unha baixa taxa de vacinación. O medo agora é que se estenda a outras zonas próximas. De momento, tamén se están detectando positivos noutros estados como Kansas, Oklahoma, Novo México, Ohio e Indiana.

Publicidade

A OMS emitiu o pasado outubro unha alerta epidemiolóxica ante os novos datos rexistrados en América. As estimacións apuntan a que no 2023 morreron ata 107.500 persoas no mundo por esta doenza. Antes do descubrimento da vacina, as epidemias eran máis habituais e podían causar ata 2,6 millóns de mortos cada ano.

O sarampelo é un virus altamente contaxioso que se pode transmitir polo aire durante dúas horas. Algúns dos seus síntomas son: manchas na pel, broullas, febre, diarrea, cegueira e, nalgúns casos, inflamacións nos pulmóns e no cerebro. A enfermidade non ten tratamento máis alá do paliativo, de aí a importancia de previr o contaxio.

Publicidade

Polémica visita de Kennedy

O secretario de Saúde dos Estados Unidos, Robert F. Kennedy Jr., visitou Texas tras a morte da segunda menor. O político é coñecido polo seu escepticismo fronte ás vacinas, aínda que a expansión do gromo actual provocou que cedese e recomendase a inoculación da vírica tripla.

“A miña intención é vir aquí tranquilamente para consolar as familias e estar coa comunidade neste momento de dor”, asegurou Kennedy. Anteriormente, o político recomendara tratamentos sen fundamento científico como pode ser a vitamina A, esteroides similares á cortisona e aceite de fígado de bacallau para tratar os síntomas. No condado de maior afectación, as vendas de alimentos e produtos con vitamina A aumentou. O abuso deste suplemento provocou nalgúns nenos episodios de intoxicación.

O sarampelo é unha enfermidade que se consideraba erradicada no país desde o ano 2000 ata que, en 2019, volveron a aparecer novos casos. As taxas de vacinación nos nenos diminuíron tras a pandemia de 2020. Esta doenza pódese evitar coa vacina vírica tripla, que ten unha efectividade do 97% cando se aplican as dúas doses.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

BioSpain converte Bilbao no centro europeo do sector da biotecnoloxía

A feira, que conta cunha importante presenza galega, prevé bater o récord da última edición, que contou con 2.400 asistentes e máis de 1.000 entidades

Vacinas nasais: unha nova e prometedora vía para frear a transmisión dos virus respiratorios

A modalidade xera unha defensa intensa nas vías respiratorias superiores ao administrarse o aerosol ou as gotas directamente sobre a mucosa do nariz

Entre a volta ás aulas e o descenso da vacinación en Europa: cales son as vacinas necesarias na infancia?

O calendario infantil marca que os bebés recibirán a maior parte das súas doses durante o seu primeiro ano de vida

Da gastroenterite á varicela: guía das enfermidades que axexan as aulas

A volta ao cole abre a porta a contaxios frecuentes por mor de patóxenos contra os que se dispón de poderosas defensas