A metade dos gases contaminantes da industria galega veñen da área da Coruña

A Coruña e Arteixo teñen catro das seis factorías que máis emisións sumaron en 2024, segundo datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica

O peche definitivo da central térmica das Pontes no outono de 2023 mudou o mapa das emisións de gases de efecto invernadoiro en Galicia. Co adeus á queima de carbón, a expulsión de gases á atmosfera concéntrase agora na área da cidade da Coruña. Tanto é así que a metade das toneladas emitidas en 2024 procederon de factorías situadas na cidade herculina ou no veciño municipio de Arteixo.

Estes dous concellos concentran 7 das 33 factorías que están obrigadas a pagar por cada tonelada de dióxido de carbono que expulsan á atmosfera en cumprimento do Réxime Europeo de Comercio de Dereitos de Emisión (RCDE). E, dentro destas, catro están entre as seis que máis contaminan de Galicia, ca refinaría de Repsol á cabeza cun 29% das emisións totais rexistradas o ano pasado.

Publicidade

Así consta no balanzo que realiza o Observatorio Galego da Acción Climática de Galicia (Ogacli), que, con datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica, reflicte unha caída do 24% nas emisións de gases de efecto invernadoiro que realizan as grandes industrias galegas. En 2024 estas factorías botaron ao aire 3,5 millóns de toneladas, a cifra máis baixa desde 2005, ano no que entrou en funcionamento o comercio europeo de emisións.

Delas, o 50% do total procederon da Coruña e Arteixo. As sete factorías da área coruñesa suman 1,74 millóns de toneladas de gases, fundamentalmente polas que emite a planta de Repsol, que o pasado ano acadou 1.009.602 toneladas, o que supón un incremento do 24% nos últimos catro anos. De feito, o refino de petróleo supero en 2024, por primeira vez, ás emisións provocadas polas centrais térmicas ao supor o 55% do total.

Publicidade

O contexto galego nas emisións de gases na industria débese aos cambios estruturais na produción eléctrica co peche definitivo da máis grande central térmica de Galicia, a das Pontes. Como destaca Ogacli no seu informe, este factor súmase a outros de carácter conxuntural, como o cesamento temporal de actividade en Alcoa San Cibrao e a baixada no funcionamento das centrais de ciclo combinado alimentada con gas fósil.

Estas cuestións fan que o descenso das emisións globais leve aparellado unha concentración das mesmas na cidade da Coruña e arredores. Ao crecemento na refinaría tamén se engade o rexistrado nos gases procedentes na produción de aceiro e ferroaliaxe, que medran un 74,2% impulsadas pola actividade da fábrica de silicio de Ferroglobe en Sabón (Arteixo).

A Coruña e Arteixo

Das 33 factorías galegas obrigadas a pagar polas súas emisións, sete están na Coruña ou en Arteixo. Trátase da refinaría de Repsol, a central térmica de ciclo combinado de Naturgy no polígono de Sabón, a planta da multinacional gaseira Air Liquide en Meicende, a planta de Ferroglobe (tamén no parque industrial de Sabón), a de Resonac Graphite na Agrela, a de Sarval Bioindustries e a factoría da cervexeira Estrella Galicia.

Entre todas elas suman a metade das emisións de gases de efecto invernadoiro en Galicia. Malia todo, o reparto é desigual. O 29% do global galego ven só do que emite a refinaría, seguida da central de ciclo combinado das Pontes co 16,6% e a planta de Alúmina de Alcoa. En cuarto lugar aparece a central de Naturgy en Sabón cun 9,2%, xusto diante doutras dúas factorías da área coruñesa: Air Liquide (5,7%) e Ferroglobe Arteixo (4,2%).

Deste xeito, catro das seis empresas que máis contaminaron o aire de Galicia concéntrase nun radio de poucos quilómetros en torno á cidade de María Pita. O peso das emisións da Coruña tamén ten reflexo a nivel provincial: un terzo das que pagan por emisións están nela.

A Coruña, a provincia con máis emisións

Alén dos concellos de Arteixo e A Coruña, a provincia da Coruña acumula a meirande parte de factorías responsábeis dos gases de efecto invernadoiro. A segunda por volume global é a central de ciclo combinado das Pontes, que expulsou 578.671 toneladas en 2024. O complexo pontino alcanzara as 1,2 millóns de toneladas en 2022, logo de aprazarse o seu peche definitivo.

Nos dez primeiros postos de industrias máis contaminantes tamén está, en sétimo lugar, a planta de Bioetanol de Galicia. Ubicada no complexo de Teixeiro do concello de Curtis, chegou ás 147.169 toneladas o pasado ano. En noveno lugar atópase a química de Forestal del Atlántico en Mugardos (93.371) pecha a clasificación dos dez primeiros a factoría de taboleiros de Intasa en San Sadurniño (65.600).

Tras elas sitúase a pasteira de Ence na ría de Pontevedra, a primeira da provincia pontevedresa con 93.371. De feito, Pontevedra só ten dúas fábricas na lista de 33. Ademais de Ence, tamén figura a fábrica de Foresa, en Caldas de Reis (6.558).

En Lugo, máis aló do centro de San Cibrao, destaca a fábrica de cementos Magnesitas de Rubián, que expulsou 97.860 toneladas o pasado ano. Pola parte de Ourense, só figura na lista Órember, do grupo madeireiro Finsa, unha firma que paga polo que expulsa nos seus centros en Santiago, Padrón, Rábade e no concello ourensán de San Cibrao das Viñas. Todos eles suman 50.000 toneladas en 2024.

Saúl Iglesias
Saúl Iglesias
Licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago. Despois dunha década facendo de todo un pouco na redacción galega da axencia Europa Press, explorando agora novos camiños desde 2025 en GCiencia.

1 comentario

  1. Como se pode apreciar polos datos do artigo , a pasteira Ence ( Pontevedra) é unha das empresas máis contaminantes. Non pode entenderse, polo tanto, que Rueda (Pte da Xunta) e o PPdG estén interesado en impulsar a pasteira ALTRI, en Galicia (Palas de Rei). Sabendo como sabe, ou debería saber, que esa Pasteira portuguesa é moi contaminante polo que non a queren no seu país de orixe (Portugal). De instalarse aquí non so ocuparía unha ampla zona que debería estar protexída por lei ( na de Rede Natura ), ademais de ser moito máis contaminante que Ence ,usaría 46.000 Tm /dia do río Ulla. Auga que é de todos os galegos/as que iria só en beneficio exclusivo dese nefasto capitalismo depredador, que daría beneficios multimillonarios aos inversores: Altri- Grenalia, Abanca, grupo Gadis etc e só crearía unhas decenas de postos de traballo e ademais condicionaría a politica forestal, baseasda no eucalipto como monopolio en detrimento das masas forestais autóctonas que debería ser a que primarara a politica forestal da Xunta .
    HAI QUE DECIR CON CRARIDADE. NON A ALTRI EN GALICIA.
    XAQUIN PENAS PATIÑO. Biólogo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ourense, Lugo e Santiago, as cidades galegas con máis mortes por calor na última década

O informe de 2026 do 'Lancet Countdown' revela que o cambio climático ten consecuencias directas sobre a saúde pública nas urbes europeas

Tres cruceiros coinciden (outra vez) no porto de Vigo: isto é o que contaminan

Colectivos ecoloxistas denuncian o desembarque de 14.000 pasaxeiros provoca un turismo de altas emisións contaminantes, equivalente a que 18 millóns de coches circulen pola cidade

Unha grande obra hidráulica bloquea o caudal do río Umia: estas son as consecuencias medioambientais

Os biólogos alertan da alteración do ecosistema por unha obra que algúns dos afectados sospeitan que pode estar ligada ao abastecemento de auga da Illa da Toxa

Que pasa despois das chamas: a recuperación do monte tras un incendio forestal

No que levamos de ano e ata o 20 de agosto, arderon en España 262.000 hectáreas, fronte á media de 105.600 hectáreas queimadas de 2015 un 2024