A cova do Rei Cintolo, a máis grande de Galicia, xa ten vídeo 3D para reconstruír a súa historia

O equipo dirixido polo enxeñeiro e espeleólogo Marcos Vaqueiro deseñou un modelo dixital para estudar toda a diversidade do terreo

A Cova do Rei Cintolo está situada en Argomoso, no concello de Mondoñedo (Lugo). Trátase dun complexo cárstico intercalado na serie de Cándana do Cámbrico Inferior —primeiro período da era Paleozoica e momento no que se constitúen as calizas nas que se formará a cova—. No ano 2019 iniciouse o proxecto de cartografía dixital da cova e, aínda que todavía non culminou, xa ten os primeiros resultados: un modelo dixital e fotogrametrías 3D dalgunhas zonas de interese. O labor consistía en realizar o modelo dixital tridimensional da cova e unha cartografía espeleolóxica e morfolóxica actualizada, xa que a última dispoñible era de 1978. Marcos Vaqueiro, investigador e director do proxecto, afirma que esta cova, a máis grande de Galicia, ten moitas singularidades polo que “tratarán de sintetizar todo este traballo para poder entender, estudar e agrupar” todas estas particularidades.

Xunto co enxeñeiro Marcos Vaqueiro participaron moi activamente 30 espeleólogos de sete clubs diferentes. O traballo organizouse en equipos de topografía, exploración e documentación gráfica. O labor é complexo e matizouse moito ao longo das décadas. Para poder cartografar a cova trazaron eixos poligonais tratando de marcar os puntos onde se producen discontinuidades no volume subterráneo. “Facémolo con equipos de telemetría láser, distanciómetros que levan compás e clinómetro integrado, que son utensilios moito máis precisos que os que empregabamos antes”, explica Vaqueiro. Onde se atopan discontinuidades subterráneas se coloca unha estación “e a partir de ahí facemos a medición da cova”, continúa. “No ancho e no teito faríase de forma exactamente igual”, conclúe o espeleólogo.

O proceso de medición é moi lento debido ao elevado número de marcas que teñen que facer. En concreto, o modelo da cova do Rei Cintolo ten preto de 12.000 estacións topográficas. “Para situar as estacións e facer todas as medidas asociadas a elas levamos preto de catro mil horas de traballo” e aí reside a complexidade do proxecto, comenta Vaqueiro; de feito é un labor coa que levan xa cinco anos. O obxectivo non é obter un escaneado da cova, “fanse algunhas fotogrametrías dalgúns tramos con singularidades pero iso non é o que buscamos”. O resultado que se obtén é moi preciso pero require moito tempo medir as 12.000 estacións.

Fotogrametría 3D da cova do Rei Cintolo, a máis grande de Galicia. Vídeo: Marcos Vaqueiro.

O modelo dixital

No proxecto empregouse a técnica cartográfica para construír un modelo dixital. Desta maneira, o que se obtén é unha maqueta 3D da cova a partir da que “se producen os planos que queiramos”, explica Vaqueiro. A maiores de iso constrúese unha cartografía morfolóxica na que se tratan de incorporar aspectos de formas que hai na paisaxe porque teñen que ver con procesos.

A mesma maqueta dixital relaciónase con bases de datos, da que resulta un modelo complexo. Marcos Vaqueiro explica que ese modelo permite “por un lado, casar todos os datos da bioloxía subterránea, do que se poden sacar mapas de distribución de poboacións baixo terra”. Tamén sirve para relacionalo con bases de datos relacionadas co impacto humano dentro da cova, “o que permite ver como se distribúen determinados contaminantes, como poden ser restos de carburo antigo ou de pilas tiradas ou caídas dentro da cova”. Tamén se casan con datos patrimoniais. De xeito, comenta Vaqueiro, como a medición é lenta e faise despacio, vanse obtendo achados paleontolóxicos, “inclusive algún depósito de cerámica”. Tamén dentro deste modelo complexo inclúense todos os elementos relacionados coa paisaxe, elementos singulares que son mostra da diversidade xeolóxica do terreo.

Como todos eses datos están vinculados ao modelo 3D pódese observar como se espallan os diferentes elementos categorizados ao longo da cova. O que permite reconstruír parte da historia da cova. Polo que realmente o labor non consiste só en facer un plano, senón que se constrúe un modelo de datos complexo. O interesante é que ten moitas utilidades: pódense sacar cartografías, modelos interactivos —que poden empregar os guías da cova nas visitas turísticas—, pero “sen dúbida, todos os datos xeográficos, patrimoniais, biolóxicos, etc. darán lugar a un estudo do conxunto que é o máis importante”, salienta Vaqueiro.

Investigacións paralelas

O investigador comenta que, paralelamente, se está facendo un estudo do acuífero que percorre a cova. “Dentro hai partes todavía descoñecidas”, alega Marcos Vaqueiro. No 2023 houbo persoas que empregaron a técnica do espeleobuceo nalgúns puntos en concreto. O interese desta investigación reside na relación co río de Cintolo. “Sempre se dixo que o río sae na Fonte de Teixide, pero nós cremos que non”, apunta. Se iso é así habería plantexamentos alternativos sobre cara onde vai a auga de Cintolo. Iso abriría as portas a descubrir outra gran fonte da zona de Teixide asociada a outro río subterráneo e novas covas asociadas. Tamén se están a realizar traballos de teledetección, “temos detectado sinais de 3G ou 4G nalgúns puntos moi fondos da cova e iso ao que apunta é a que hai zonas descoñecidas”, sinala o espeléologo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catro mapas históricos para percorrer Galicia a través dos séculos

O Instituto Xeográfico Nacional conserva cartografía antiga datada entre o XVII e XIX e amosa a evolución do territorio ao longo de máis de 200 anos

O primeiro cartógrafo da Antártida era galego? A historia de Francisco Seyxas

Explorador do século XVII, navegante e espía, documentou terras e illas ao sur do Estreito de Magallanes máis dun século antes dos descubrimentos ingleses

Galicia antes e despois: esta páxina permite ver os nosos mapas ao longo da historia

A carta creada por Domingo Fontán e atlas de máis de 500 anos son algunhas das pezas que podemos atopar neste sitio interactivo
00:00:30

Un modelo en 3D cartografa os recunchos máis descoñecidos da Cova do Rei Cintolo

O mapa dixital percorre 9.204 metros da cavidade subterránea máis grande de Galicia e o obxectivo é chegar aos 11.000