O primeiro cartógrafo da Antártida era galego? A historia de Francisco Seyxas

Explorador do século XVII, navegante e espía, documentou terras e illas ao sur do Estreito de Magallanes máis dun século antes dos descubrimentos ingleses

Corsario, espía, matemático, escritor, estadista, aventureiro, explorador, xeógrafo, político… Hai xente ás que unha soa vida non lles chega. É o caso do galego Francisco Seyxas e Lovera, autor de numerosas obras e, segundo un estudo do investigador en Historia Contemporánea Felipe Debasa Navalporto, o primeiro descritor e cartógrafo da Antártida.

Francisco naceu na parroquia de San Vicente de Lagoa, a uns 15 quilómetros de Mondoñedo (Lugo), no ano 1647, aínda que esta data é aproximada. Os seus pais, membros da baixa nobreza, faleceron con pouco máis de 33 anos, polo que o pequeno Francisco quedou ao coidado do seu tío, o capitán Juan López de Miranda. “Este será quen ensina a Seyxas os oficios de navegante e de comerciante”, explica Debasa nun artigo publicado en Cuadernos de Estudios Gallegos.

Publicidade

O investigador recompilou as obras orixinais de Seyxas a fin de reconstruír a súa traxectoria e comprender como puido mapear a Antártida a través dos seus propios relatos, recollidos nun conxunto de catorce libros. Estes textos permiten suxerir que os españois coñecían terras situadas por debaixo dos 61 graos de latitude sur, nas actuais Illas Shetland do Sur.

Para afondar na súa historia cunha visión máis ampla, Debasa tamén consultou a historiadores locais de Alfoz, Lourenzá e Mondoñedo, así como bibliografía especializada sobre a comarca natal de Seyxas como sobre o propio personaxe, como Clayton McCarl ou Martinic Beros. A partir destas fontes, o investigador relata a fascinante vida do galego.

Publicidade

Os comezos da súa historia

Con trece anos, Francisco Seyxas e Lovera comezou a súa vida mariñeira ao embarcar como grumete nun barco francés en Saint-Malo, na Bretaña. Nos anos seguintes, percorreu diversos lugares como Róterdam ou A Habana, onde formou parte da flota do xeneral Enrique Enríquez. En 1674, o propio Seyxas afirmou que sería home de mar, chegando tempo despois a converterse en capitán de fragata.

Ese mesmo ano organizou unha expedición comercial cara ao Oriente, e posteriormente navegou entre as Canarias, a illa Terceira, Guinea e Brasil. Segundo os seus relatos, durante esas viaxes foi atacado por piratas e mesmo secuestrado nalgún momento.

Seyxas intentou sen éxito ser nomeado cronista oficial do rei, aínda que en 1691 obtivo o cargo de capitán dun galeón. Anos máis tarde, desempeñou importantes funcións na Nova España, onde chegou a ser alcalde maior e gobernador de Tacuba.

“Seyxas insistirá na necesidade de manter en segredo información sobre rutas, derroteiros e territorios, o que nos permite afirmar que foi un espía”, explica Felipe Debasa. O aventureiro chegou a pagar 4.000 reais para que se subtraese un valioso atlas portugués da colección documental de Lisboa, co fin de poñelo a disposición dos servizos de intelixencia do rei. Este documento, perdido durante séculos, foi redescuberto en 1922 na Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos.

Nin ingleses nin franceses

A pesar das controversias, Felipe Debasa defende que o descubrimento da Antártida corresponde aos españois, e non a outras potencias europeas. Segundo o investigador, este feito tería ocorrido no ano 1603 por Gabriel de Castilla.

Neste contexto, Debasa destaca dúas obras fundamentais de Francisco Seyxas e Lovera. A primeira, publicada en 1690, describe paisaxes marítimos e accidentes xeográficos ao sur de América situados máis aló dos 60 graos de latitude. Isto ocorre máis dun século antes dos descubrimentos atribuídos ao británico William Smith en 1819.

A segunda obra clave menciona diversas illas localizadas ao sur do Estreito de Magallanes, entre elas as chamadas “Yslas de Seyxas”, nome co que o autor as identifica nun mapa de 1678. Nese mesmo traballo, o cartógrafo bautiza para si mesmo algunhas destas terras, incluíndo a mítica illa Elisabeth, buscada sen éxito ata 1935.

Non obstante, Seyxas non se limita a nomear illas co seu propio apelido: tamén atribúe outras a persoas próximas, como as “illas de Juan Carvallo”. Segundo Debasa, podería ser unha homenaxe ao seu amigo e compañeiro de viaxes Antonio Carvallo, empregando o nome “Juan” como posible simplificación do nome composto Juan Antonio.

Analoxía coas illas antárticas

Un dos documentos manuscritos de Seyxas que confirman a existencia da Antártida.
Un dos documentos manuscritos de Seyxas que confirman a existencia da Antártida. Foto: Felipe Debasa Navalporto

As illas dedicadas a Antonio Carvallo poderían corresponder coas actuais illas Elefante e Clarence, as máis setentrionais do arquipélago das Shetland do Sur. A primeira sitúase aos 61 graos de latitude sur, coincidindo coa latitude indicada no mapa elaborado por Seyxas. Pola súa parte, a illa Clarence conta cun monte de 2.300 metros de altura, o que facilita o seu recoñecemento dende o mar mesmo a gran distancia.

Seyxas tamén menciona un grupo de tres pequenas illas ás que chama “o Triángulo”, situadas arredor dos 62 graos de latitude sur. Estas poderían identificarse coas illas Smith e Low, moi semellantes en posición e aspecto. A illa Smith, en particular, posúe montes de máis de 2.000 metros de altitude, o que permite avistala en días despexados. Aínda que leva o nome do inglés que a descubriu oficialmente, Seyxas xa a tería documentado 129 anos antes.

Ademais, nas súas descricións aparece unha terceira illa máis occidental, sen nome, que permitiría completar o triángulo xeográfico ao que fai referencia o mindoniense. Con todo, o ego de Seyxas parecía ser considerable, segundo o que cometa Felipe Debasa no seu artigo: “Pon o seu nome á formación de maior tamaño e reserva as máis pequenas para Juan Carvallo”.

Un mapa máis detallado en 1703

Seyxas parece non esquecer as terras do hemisferio sur que observou anos antes. Así, en 1703, volve crear un novo mapa da rexión, engadindo detalles e clarificando as súas atribucións. “Diría expresamente que as illas bautizadas polo seu nome son descubertas por el mesmo no ano 1678”, explica Felipe Debasa no seu artigo. Nesta nova distribución, desaparecen as illas de Juan Carvallo, que pasan a ser coñecidas como as Illas do Grego.

As illas están debuxadas con montañas elevadas, reforzando a hipótese do autor de que se trate das illas Shetland do Sur, cunha altitude que varía entre 1.000 e 2.000 metros. No mapa inclúe unha lenda na que se atribúe a si mesmo “la gloria de haber sido hasta ahora el que ha recorrido mas hacia el Polo Antártico otro nuevo pasaje de un mar a otro, antes que otra persona alguna de otra nación“.

Deste xeito, Seyxas considerábase a persoa que máis se achegara ao Polo Sur ata ese momento: recoñeceu os 61 graos de latitude sur, atopou terra e descubriu un novo paso ao sur das rexións coñecidas.

O século da Antártida

A relevancia da Antártida comeza a mediados do século XIX, co comercio de peles con China e a pesca de baleas. Con todo, foi durante o século XX cando os distintos países comezaron a reclamar o continente xeado.

Segundo o investigador Felipe Debasa, “o territorio da Antártida non tiña ningún interese xeográfico nin político no século XVIII”, precisamente no período no que foi descrito por Francisco Seyxas. Ademais, explica que Europa carecía dos recursos necesarios para establecer un asentamento permanente nesta rexión remota.

Debasa reproduce as palabras de Seyxas e Lovera nas que sinala que, cando os pasaxes se descubren por casualidade, non adoitan redactar documentación nin elaborar mapas. “O século XIX será o século da Antártida”, conclúe Debasa, principalmente pola espoliación dos recursos animais e polo seu interese xeoestratéxico.

Realidade ou lenda negra?

A pesar do gran número de manuscritos que deixou Seyxas e Lovera, o investigador non pode asegurar que todo o que relata nas súas memorias sexa certo. O que si é verdade é que os mapas do mindoniense coinciden coa cartografía actual da zona antártica, pero ata que punto poden os historiadores verificar palabras escritas hai máis de 300 anos?

“A obra de Seyxas corre cunha serie de ataques nunha sorte de lenda negra“, admite Felipe Debasa. Numerosos autores presentan versións diferentes do achado de terras nestas latitudes. Con todo, o investigador en Historia Contemporánea suxire que é necesario reler a obra do de Mondoñedo dende unha “óptica poliédrica”.

Ademais, engade que a España do século XVII non consideraba estes achados como prioritarios, debido á “imposibilidade de fundar cidades, establecer portos ou utilizalos como base”. Esta falta de interese provocou que a importancia estratéxica do Estreito de Magallanes se reducise a finais do século, coa consolidación da ruta comercial do Galeón da China e da Nao de Manila polo norte, que funcionaba de maneira eficiente.

A raíz desta investigación, o contraalmirante da Armada Arxentina e ex-presidente da Academia da Antártida da República Arxentina, Marcelo Tarapow, contactou co investigador para iniciar colaboracións en novas liñas de investigación que poidan reforzar a súa hipótese. Deste xeito, Debasa introduce no debate un novo protagonista, que podería ser o primeiro descritor e cartógrafo dunha terra tan inhóspita como a Antártida, cunha firma galega.


Referencia: El estadista Seyxas de Mondoñedo, posible primer descriptor y cartógrafo de la Antártida (1678) (Publicado en Cuadernos de Estudios Gallegos)

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catro mapas históricos para percorrer Galicia a través dos séculos

O Instituto Xeográfico Nacional conserva cartografía antiga datada entre o XVII e XIX e amosa a evolución do territorio ao longo de máis de 200 anos

Un estudo galego sinala os pingüíns como difusores de contaminación na Antártida

Unha investigación na que participa a USC revela que as colonias destas aves concentran metais tóxicos e compostos químicos nos solos das illas Shetland do Sur

Un equipo galego analiza uns misteriosos eventos procedentes do xeo da Antártida

Un estudo liderado polo Observatorio Pierre Auge afonda na posible orixe de dous sinais anómalos detectados polo experimento ANITA

Galicia antes e despois: esta páxina permite ver os nosos mapas ao longo da historia

A carta creada por Domingo Fontán e atlas de máis de 500 anos son algunhas das pezas que podemos atopar neste sitio interactivo