Anatomía do desxeo da Antártida: “Necesitamos saber canto retroceden os glaciares para entender o futuro”

O proxecto PARANTAR, do que participa o xeógrafo Alejandro Gómez, pretende obter unha cartografía das fases de deglaciación e recrear a estensión do xeo

Que os desxeo da Antártida é inevitable xa o apuntan os últimos artigos científicos que trasladan que o planeta terá que adaptarse á subida do nivel do mar que se aveciña, especialmente, as rexións costeiras. Cando e como ocorrerá é algo que aínda se está investigando. Un dos traballos que verán a luz este ano é o de PARANTAR, que pretende obter unha cartografía das fases de deglaciación da Antártida e recrear a extensión glaciar para coñecer a evolución da vexetación e o impacto a nivel global. Saber como desaparece o xeo destas zonas servirá para adaptarse a un novo escenario no que o nivel do mar podería aumentar ata cinco metros polo derretemento da Antártida Occidental. A hipótese da que parten este grupo de investigadores, entre eles o galego Alejandro Gómez Pazo, xeógrafo pola Universidade de Santiago (USC), é que a erosión aumenta coa deglaciación e que existe unha colonización unha vez que o xeo non está. “Sabemos que o xeo seguirá reducíndose, pero necesitamos saber canto e como retroceden os glaciares para entender o futuro”, sostén.

PARANTAR é un proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Ciencia que estuda a deglaciación e resposta paraglaciar nas Illas Shetland do Sur. O grupo de investigadores, que xa volveron a España trala expedición de cinco semanas, tomaron mostras en tres campañas de traballo en tres áreas distintas de Livingston (Punta Elefante, Punta Hannah e o extremo sur da Península Hurd) e as illas Snow, Media Luna, Robert, Nelson, Esperando e Dee. O proxecto está liderado por Jesús Ruíz Fernández, da Universidade de Oviedo, e nel participan ata 11 universidades e centros de investigación de todo o mundo. A súa viaxe comezou o 15 xaneiro, cando colleron un barco dende Ushuaia, e xa de volta, están a analizar toda a información recompilada no traballo de campo. Na actualidade, Gómez Pazo é profesor axudante doutor do departamento de Xeografía e Xeoloxía da Universidade de León (ULE), e en PARANTAR encárgase dos sensores de radiofrecuencia, que captan o movemento dos regatos e dos voos do dron.

Publicidade

O proxecto estuda a reposta paraglaciar das áreas libres de xeo xeradas a distintas escalas temporais dende o Último Máximo Glaciar Global —a época de maior extensión das capas de xeo, hai aproximadamente 20.000 anos—. No arquipélago, as zonas libres de xeo representan o 16% da superficie. A Universidade de Oviedo, entidade que lidera PARANTAR, apunta que o arquipélago é un “excelente laboratorio natural para estudar os procesos e interaccións que ocorrerán como posible consecuencia da aceleración no proceso de deglaciación asociado ao cambio climático”. “Traballamos coas alteracións que suceden no xeo, como nos regatos, que teñen unha dinámica distinta, e estudamos a súa transformación. Así como a erosión costeira”, explica o investigador. Na Antártida colocaron tamén sensores de temperatura, e recollen datos no “mínimo tempo posible” para despois pasar á fase de análise en profundidade. “O obxectivo é caracterizar a perda de xeo. Non é algo local na contorna da Antártida, é algo que afecta en termos globais. Vimos unha deglaciación nos últimos anos bastante acentuada”, engade.

Ademais, entre as principais actividades tamén se enmarcan o mantemento e descarga de datos de cámaras time-lapse que foron instaladas na anterior campaña; voos de dron sobre áreas específicas e a aplicación de técnicas fotogramétricas; e o estudo da dinámica das ladeiras a partir da monitorización das condicións morfoclimáticas que condicionan a dinámica xeomorfolóxica. En fotos tomadas por outros investigadores, observaron un claro retroceso dos glaciares. Este derretemento é unha inxección potente de auga de xeo no mar que ten “múltiples consecuencias”. O investigador aclara que é un proceso moi influínte para todo o mundo. Desta maneira, PARANTAR pretende establecer unha liña temporal de como se orixinou a evolución do desxeo a partir de datacións de isótopos cosmoxénicos, que servirá tamén para coñecer o tempo de exposición das rochas ás inclemencias naturais.

Publicidade

30 metros de xeo menos por día

Un estudo publicado en Nature en 2022 xa apuntou que nas zonas costeiras da Antártida Occidental o xeo do fondo perdeuse ata 30 metros por día nos últimos anos. De derreterse por completo, o nivel global do mar podería elevarse en máis de 57 metros. Outro estudio tamén publicado en Nature realizado por investigadores da Universidade de Cambridge e de Newcastle, pretendeu estudar a resposta das capas de xeo na última deglaciación. O traballo, a través de mapas de alta resolución do fondo mariño, revelou que as capas de xeo poden retroceder ata 600 metros ao día. Nun artigo publicado en The Conversation polos autores, expoñen que “estes ritmos son ata 20 veces máis rápidos que a maior de velocidade de retroceso da capa de xeo que se mediu ata agora na Antártida dende satélites”. É dicir, que os achados demostran que si que é posible que o xeo poida retrodecer de maneira moi rápida. As simulacións nas que traballan na actualidade investigadores de todo o mundo buscan predicir exactamente o cambio nas capas do xeo e a subida do nivel do mar que se producirá no futuro.


Referencias:

Unavoidable future increase in West Antarctic ice-shelf melting over the twenty-first century, publicado en Nature.

Rapid, buoyancy-driven ice-sheet retreat of hundreds of metres per day, publicado en Nature

Rapid glacier retreat rates observed in West Antarctica, publicado en Nature

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O desxeo de Groenlandia, un altofalante do cambio global e dos seus impactos

Máis do 80% da superficie do país está cuberta de xeo pero rexistrou nas últimas décadas unha perda de masa xeada que superou nun 20% as estimacións previas

A velocidade do desxeo nos glaciares aumenta un 36% na última década

Un estudo internacional revela que se perderon 6.500 billóns de toneladas de xeo nos últimos 20 anos

“Cambios climáticos hóuboos sempre pero nunca tan rápidos como o de agora”

Un investigador do GRICA da UDC participa nun estudo sobre o cambio climático publicado na prestixiosa Nature Geoscience

A segunda viaxe á Antártida dun catedrático de 75 anos

Augusto Pérez Alberti partirá a finais de xaneiro para estudar o proceso de deglaciación na illa de Livingston ao abeiro dun proxecto estatal