Publicidade

A segunda viaxe á Antártida dun catedrático de 75 anos

Augusto Pérez Alberti partirá a finais de xaneiro para estudar o proceso de deglaciación na illa de Livingston ao abeiro dun proxecto estatal

Nunca é tarde para aprender. Ese parece ser o lema de vida de Augusto Pérez Alberti, catedrático de Xeografía Física da Universidade de Santiago ata 2018. Ese mesmo ano, pouco antes da súa xubilación, fixo a súa primeira viaxe á Antártida en calidade de experto. Agora, con 75 anos, repite experiencia e volverá ao inhóspito continente a finais de xaneiro de 2023 para estudar o proceso de deglaciación na illa de Livingston ao abeiro do proxecto PARANTAR, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación. Pero esta vez Pérez Alberti non visitará a Antártida como catedrático, senón como alumno, posto que está a realizar a súa segunda tese de doutoramento. “Coñeces algún escritor ou pintor que se xubile? Atópome ben física e mentalmente. Por que non vou seguir investigando?”, reflexiona o experto, que ademais ostenta o cargo de profesor ad honorem da USC.

Aínda que a viaxe a Antártida e a realización da súa tese non teñen unha vinculación directa, estar embarcado en dous proxectos tan significativos dá conta do nivel de actividade ao que está acostumado Pérez Alberti. De feito, non quere perder o tempo e asegura que dedicará os seus ocos libres durante a viaxe para continuar coa redacción da súa segunda tese, que xa se atopa nun estado moi avanzado. “Probablemente partiremos a finais de xaneiro dende Ushuaia e estaremos un mes na Antártida”, detalla o investigador. Alí estudarán as dinámicas paraglaciares ou, o que é o mesmo, que acontece cando se funde o xeo. “Imos analizar como inflúe a deglaciación na circulación da auga e no transporte de sedimentos. Tamén observaremos as evolucións ao longo do tempo”, continúa explicando. Traballarán, sobre todo, na illa de Livingston, aínda que noutros sectores diferentes aos de 2018.

Publicidade

“Estudaremos a influencia da deglaciación na circulación da auga e no transporte de sedimentos”

AUGUSTO PÉREZ ALBERTI, profesor ‘ad honorem‘ da USC

A parte da investigación na que Pérez Alberti posúe máis competencias está relacionada coas costas rochosas e como os sedimentos parten do continente ata chegar ao mar. El trata de estudar como o mar volve traballar con eses materiais, caendo o papel desenvolvido ata ese momento polo xeo continental. “Analizo cando se conxela e se fragmenta en primavera para mover os icebergs”, apunta o profesor ad honorem da USC. Segundo continúa detallando, farán levantamentos topográficos e tomarán mostras. Pero o traballo incansable de Pérez Alberti non remata aquí. Recentemente adquiriu un dron e aprendeu a manexalo. Levarao á Antártida para poder crear modelos dixitais e de alta resolución dos seus achados. “Outro exemplo de que sempre me apeteceu estar ao día. Son quen de manexar o dron con 75 anos”, asegura.

Unha experiencia única

A tan só un mes de partir cara ao xeado continente, Pérez Alberti lembra con agarimo a súa primeira viaxe. “Foi unha experiencia única e enriquecedora”, declara o experto. Segundo relata, puido traballar en na illa de Livingston e na de King George, así como ver moi de preto o continente. Tamén tivo a sorte, como el o cualifica, de navegar entre os icebergs, observar a fauna autóctona e ver dende o barco illa Decepción. “Está todo moi contolado e non puiden visitala, posto que se esixe un permiso especial, pero foi realmente extraordinario”, asegura Pérez Alberti. Para completar a experiencia, conviviron nunha gran base chinesa asentada en King George, da que salienta o satisfactorio do encontro cultural e o “trato exquisito”. “A Antártida está deshumanizada, con pouco impacto humano, agás nas bases. É un medio cambiante e dun momento a outro muda a paisaxe. Pódese cubrir todo de neve e, de repente, o mar queda libre de xeo e entran os icebergs. Todo é incrible”, continúa explicando o investigador.

Publicidade

  • Unha das paisaxes que visitou Pérez Alberti cos seus compañeiros en 2018.
  • Vista xeral, coa lancha na que ían os investigadores.

Por tanto, non hai nada que free a Pérez Alberti no seu desexo incansable de seguir aprendendo. El loita contra o estereotipo que adoita recaer nas persoas xubiladas, con esas ideas preconcibidas sobre o fin da súa vida útil laboral e o afastamento de certas áreas sociais. “Eu non son da idea de que os xubilados que deixan as tarefas académicas só se teñan que adicar a ver a televisióne dar paseos. Mentres un investigador teña capacidade mental e física e poida seguir innovando, por que non facelo?”, valora Pérez Alberti. Dende que se xubilou o seu labor investigador no cesou. De feito, el asegura que publicou “máis artigos ca nunca”, tanto en equipo como en solitario. A cifra non deixa lugar a dúbidas: el estima que saíron á luz, en tan só catro anos, arredor de 40 papers que el asina. “Hai que reivindicar o papel dos vellos e a importancia de seguir activos”, sinala. E lamenta que en España non haxa suficiente apoio institucional aos investigadores xubilados, agás aos eméritos, como si acontece noutros países como Canadá e Noruega.

Estudar o solo do Courel

Mentres está inmerso nos preparativos da súa segunda viaxe á Antártida, Pérez Alberti non quita a vista da súa segunda tese de doutoramento. Con orgullo, asegura que vai “moi ben encamiñada”. “O proxecto comezou por casualidade. Levaba moitos anos traballando con xente de edafoloxía porque sempre me interesou o tema dos solos”, explica. O seu director, Xosé Lois Otero, ofreceulle a posibilidade de facer unha segunda tese analizando os solos do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Pero como a iniciativa partiu en 2020 e despois estoupou a pandemia, as viaxes eran complicadas. Así é que mudaron o lugar de estudo e escolleron o Courel. “Hai algúns estudos pero non hai nada global sobre os solos do xeoparque”, explica. Pérez Alberti asegura que xa posuía coñecementos da parte xeomorfolóxica e sedimentolóxica, o que lle axudou a desenvolver a tese.

En tan só catro anos, Pérez Alberti asinou arredor de 40 artigos científicos

Estes tan só son dous proxectos que se suman á longa e brillante traxectoria do antigo catedrático da USC. Desenvolveu —e segue a facelo— unha ampla carreira investigadora en diferentes países, ademais de España, como Portugal, Arxentina, Uruguai, Marrocos e Chile, sen contar as súas expedicións á Antártida. Ten máis de 350 publicacións en revistas internacionais e estatais, así como libros, capítulos de libros e contribucións a congresos nacionais e internacionais. Desempeñou o cargo de presidente e vicepresidente da Sociedade Española de Xeomorfoloxía e foi director do Departamento de Xeografía da USC. Todo isto non é máis ca unha pequena escolma do extenso e dilatado currículo de Pérez Alberti. Agora sumará á súa longa nómina de experiencias unha segunda viaxe á Antártida. Pero o máis exemplificador da súa traxectoria é que demostra que os grandes expertos tamén son eternos alumnos.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Alba Fernández, bióloga: “Os biomarcadores estúdanse en grupos que non representan a Galicia”

A investigadora de Porto do Son emprende camiño á Antártida para incentivar o liderado feminino na loita contra o cambio climático
00:01:08

Anatomía do desxeo da Antártida: “Necesitamos saber canto retroceden os glaciares para entender o futuro”

O proxecto PARANTAR, do que participa o xeógrafo galego Alejandro Gómez, busca unha cartografía das fases de deglaciación e recrear a estensión do xeo

Confirmada a presenza de gripe aviaria por primeira vez na Antártida

O virus detectouse en mostras de aves mortas, achadas por científicos arxentinos nas proximidades da base 'Primavera'

Científicos galegos buscan na Antártida procesos naturais que afecten á supervivencia do planeta

Falamos co investigador Mariano Lastra, quen estuda a degradación das algas baixo distintos niveis de radiación e como isto afecta aos nutrientes dispoñibles