Xoves 5 Decembro 2024

Un traballo sobre a fiscalidade da enerxía eólica en Galicia gaña o Valentín Paz Andrade

As profesoras da USC Rosa Mª Regueiro e María Cadaval fanse co galardón na modalidade de estudos publicados en revistas científicas

O xurado do IX Premio Valentín Paz Andrade de Investigación en Economía de Galicia, que convocan o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da Universidade de Santiago (USC) e o Consello Económico e Social de Galicia (CES-Galicia), deu a coñecer o seu ditame para distinguir aqueles traballos de investigación que contribúen ao mellor coñecemento da realidade económica e social de Galicia e ao establecemento das mellores políticas para o benestar da cidadanía. 

O artigo Renewable energy taxes and environmental impacts: A critical reflection from the wind tax in Spain, do que son autoras as profesoras da USC Rosa Mª Regueiro Ferreira e María Cadaval Sampedro, fíxose co galardón na modalidade correspondente aos “Traballos publicados en revistas científicas ou en editoriais recoñecidas”, dotado con 2.000 euros. Publicado na revista Energy and environment, o texto aborda a fiscalidade da actividade eólica establecendo unha análise comparada da situación en Galicia coa doutras comunidades autónomas.

Publicidade

Ademais, caracteriza socioeconomicamente este tipo de tributación e avalía a idoneidade desta fiscalidade para gravar os impactos ambientais asociados a esta xeración de enerxía. A dicir das autoras, “a tributación ‘verde’ é  unha ferramenta chave para o deseño das políticas enerxéticas sostibles do futuro, desde a perspectiva de penalizar as actuacións lesivas co entorno, mellorar a eficiencia produtiva de ditos parques, aumentar a aceptación social por parte da cidadanía e implementar programas para o avance socioeconómico e demográfico no rural de Galicia”.

Elevada concorrencia

Na presente edición, da que o xurado salienta a concorrencia dun gran número de traballos de gran calidade científica, outorgouse tamén un accésit a unha investigación sobre o aproveitamento dos recursos micolóxicos nos montes en man común en Galicia e sobre a súa potencial contribución ao desenvolvemento sostible do rural galego. O artigo, titulado Community forest and mushrooms: Collective action initiatives in rural areas of Galicia, e asinado por Damián Copena, David Pérez Neira, Alfredo Macías Vazquez e Xavier Simón, está publicado na revista Forest Policy and Economics.

Publicidade

Na categoría correspondente ás teses de doutoramento, dotada con 1.000 euros de premio, o certame distinguiu o traballo de Bruno Blanco Varela, titulado Unha análise socioeconómica da vulnerabilidade en Galicia: o camiño dende a escola até a inserción laboral. Esta tese, defendida na USC e dirixida polos profesores María del Carmen Sánchez Carreira e Paulo Jorge Reis Mourão,  permite un maior coñecemento da vulnerabilidade socioeconómica en Galicia e das súas implicacións para os ámbitos educativo e laboral, alén de incidir nas políticas aplicadas neste eido e os seus efectos.

Presidido polo reitor da USC, o tribunal motivou as súas decisións, tomadas por unanimidade, na calidade científica dos traballos, na actualidade e relevancia da temática que abordan e na contribución dos resultados á mellor toma de decisións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia. A relación completa de investigacións premiadas en anteriores edicións está dispoñible na web do IDEGA. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Internet e redes en menores: as razóns dos especialistas galegos para a prohibición

Os expertos alertan dos riscos e consecuencias que ten para a rapazada a utilización excesiva e sen supervisión dos dispositivos móbiles

Rula, choia, paíño… Os 600 nomes de aves en galego que atoparás nesta ferramenta dixital

A RAG estrea unha plataforma para realizar procuras pola denominación, o nome científico ou a familia á que pertence cada especie

Tecnoloxía inclusiva galega: premiada unha aplicación para previr a atrofia muscular

O CITIC celebrou esta semana un encontro europeo no que tamén galardoou o deseño adaptado dunha cesta da compra para cadeira de rodas

Un estudo galego revela o papel clave dos adultos na repoboación do percebe

O 90% dos ocos deixados nas rochas polos mariscadores inician a súa recuperación en menos de seis meses cando se deixan grandes exemplares