Alba Fernández, bióloga: “Os biomarcadores estúdanse en grupos que non representan a Galicia”

A investigadora de Porto do Son emprende camiño á Antártida para incentivar o liderado feminino na loita contra o cambio climático

Unha científica galega volverá pisar a Antártida este 2025. Despois de proezas como a de Isabel Blanco ou a da alpinista Chus López, é a quenda da bióloga molecular Alba Fernández (Ribeira, 1988) de acadar este fito. A investigadora de Porto do Son converterase durante o próximo mes de xaneiro na primeira en realizar unha expedición ás terras xélidas do sur coa iniciativa Homeward Bound (HB).

Na oitava edición deste proxecto sen ánimo de lucro participarán un total de 108 mulleres de 21 nacionalidades distintas. Os seus obxectivos son apoderar e interconectar a estas profesionais de diferentes disciplinas da ciencia e tecnoloxía. A través desta rede, HB busca incentivar o liderado feminino na toma de decisións sobre a loita contra o cambio climático.

–Alba Fernández, primeira galega en realizar unha expedición á Antártida con HB. Que sente?

–Resulta moi ilusionante. Non tanto por ser a primeira galega que vai á Antártida con HB, senón por formar parte deste proxecto. Todas as mulleres que participamos estamos moi aliñadas na maneira de entender a ciencia e o mundo. Esta expedición daranos tempo para dedicarnos a pensar máis cousas que poidamos facer xuntas á marxe dos nosos traballos.

–Na súa biografía en HB pódese ler que é a primeira muller da familia en ir á universidade, en ter un traballo remunerado e, agora, forma parte da oitava edición desta expedición feminina.

–Resulta todo un orgullo porque o fago no nome das mulleres da miña familia, que son as miñas referentes. Pero ademais quero realizar isto para poñer en valía o seu esforzo, xa que apostaron por min no que elas non puideron conseguir e resulta moi emocionante.

Galicia é unha influencia na miña especialidade, volvinme bióloga antes de ter a carreira

–Natural de Ribeira, vivindo en Porto do Son e, como vostede mesma di, “irmá de varios cans”. Tivo algunha influencia Galicia sobre a súa especialidade?

–Si, sen dúbida, xa que me volvín bióloga antes de ter a carreira. Son filla única e medrei na aldea, rodeada de moitos cans, polo que sempre os considerei como os meus irmáns. Sempre estiven moi conectada coa natureza e tiven certo apego á nosa terra, pero a medida que paso máis tempo fóra vai crecendo esa idea de que temos que protexer o noso pobo e a nosa cultura.

–Actualmente é investigadora na área de Ciencias da Saúde Poboacional da Universidade de Collage (Londres). En que consiste o seu traballo? Gustaríalle trasladalo a Galicia?

–Dende logo. A miña investigación busca comprender os mecanismos moleculares que vinculan o estilo de vida e os factores externos, como os patóxenos, cos resultados da saúde. O obxectivo final é descubrir biomarcadores para unha mellor prevención de enfermidades comúns e as dianas farmacolóxicas que perfeccionen os tratamentos.

Vexo que a maioría dos estudos fanse en poboacións europeas, inglesas sobre todo, polo que as diversidades étnicas non están representadas. E como non van representar os galegos, a miña intención é, dentro de moitos anos, abrir unha cohorte en Galicia. É dicir, un grupo de persoas que se presten voluntarias para dar datos á ciencia e así poder facer epidemioloxías baseadas nas poboacións, en lugar de en individuos concretos ou en ratos.

–Pensa que as investigacións sobre a poboación galega poden diferir moito doutras sociedades?

–Dependerá moito da pregunta de investigación concreta. Na parte da xenética probablemente non, pero dende logo temos estilos de vida e factores externos que marcan unha diferenza. Estudar o caso concreto da nosa cultura e contorna é bastante importante, aínda que sexa solo para confirmar que os outros estudos tamén son concluíntes e extensibles aos galegos.

–Que a leva a querer formar parte da iniciativa Homeward Bound?

–Lembro que antes de ir a Reino Unido escoitei pola radio unha entrevista a Alba Aguión, que realmente é a primeira galega en HB, pero non foi á expedición da Antártida. As súas verbas e o coñecemento desta iniciativa inspiráronme e dende o verán de 2019 sempre se me pasaba pola cabeza aplicar, pero nunca o facía.

A pandemia levou a que comezase a traballar en remoto, xa que o meu estudo con datos non me obriga a ir ao laboratorio, e foi aí cando comecei a botar en falta esa conexión de traballar coa xente no día a día. Informeime máis sobre HB e vin que facía “clic” con todas as miñas visións, como a de facer algo máis coa miña formación científica a través doutros métodos, e animeime. En outubro de 2022 presentei a miña candidatura.

 –Como reaccionou cando lle dixeron que formaba parte do proxecto?

–Con alegría e terror. Comunicáronme que fora seleccionada unha semana despois de comezar a miña investigación en Londres, no medio dunha mudanza e con bastante caos de tránsito vital. Malia isto, fíxome moita ilusión, porque levaba emocionada con HB dende que escoitara a Aguión na radio e, aínda máis, despois de presentar a miña candidatura.

Pola contra, tamén o sentín con terror, xa que ía ser todo un reto. A iniciativa é sen ánimo de lucro e temos que afrontar os gastos de todo. Aínda que somos seleccionadas e queremos apostar pola igualdade, hai mulleres que non poden asumir o custo de 13.000 dólares pola expedición. Eu usei todos os meus aforros, pero hai outras que nin iso teñen.

–Ao igual que outras compañeiras, está a realizar unha recadación de fondos para a expedición.

–Si, é un xeito de crear compromiso en equipo que vai moi en liña cos meus valores e cos de HB, que se orixinou en Australia. As culturas anglosaxoas, a diferenza das nosas, teñen moito máis naturalizado o altruísmo neste tipo de iniciativas que son polo ben común. O obxectivo é implicar a sociedade nos nosos proxectos e que cada un achegue o que poida.

Por iso estou realizando esta recadación de fondos, que servirá para facer fronte a parte da miña expedición e poder establecer novos proxectos e colaboracións. Algúns xa están comezando e outros iniciaranse durante a viaxe.

–O 28 de xaneiro embarcan en Ushuaia (Arxentina) rumbo á Antártida. Unha expedición que durará 16 días. Que proxectos e iniciativas levarán a cabo?

–Hai que ter en conta que non é unha expedición a unha base científica para facer un proxecto de investigación típico. Nós non imos facer iso. Ademais da formación que recibiremos de liderado e cooperación, a idea é deseñar ou comezar a realizar proxectos innovadores.

Ademais, tamén se levarán a cabo outro tipo de iniciativas, máis divulgativas, para concienciar que o cambio climático é real. Cando se poida, xa que dependerá moito da climatoloxía, baixaremos á Antártida, rexistraremos o que vexamos, documentándoo de diferentes maneiras, e compartirémolo coa xente.

De xeito individual colaborarei en dous pequenos proxectos sen financiamento. Un está centrado nos problemas que afectan a saúde mental por estar expostos á crise climática, como a ansiedade climática. O outro estudará como chegaron os microplásticos á Antártida. Ademais, tamén intentarei divulgar o máximo posible a través das miñas redes para concienciar sobre o cambio climático.

–Que espera aprender desta viaxe máis aló do científico?

–A conexión coas miñas compañeiras. Vivimos nunha sociedade que so está preocupada en executar e ás veces a revolución non vén disto, senón de pensar ben cousas innovadoras. Como di unha colega: “Os problemas aos que nos estamos enfrontando, se só dependese dos datos e do modo de execución, xa estarían solucionados dende hai moito”. Ao final non somos robots e hai unha parte de emoción e conexión humana que falta no xeito que ten de funcionar o mundo agora, por iso este proxecto busca realizar conexión reais de confianza e que poidamos innovar dende a compaixón e a empatía.

Gloria Montenegro
Gloria Montenegro
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Valladolid. Comezou a súa andaina profesional en Faro de Vigo e Si Radio de Galicia. A súa experiencia profesional levouna polas redaccións de Nós Diario e Metropolitano.gal, mais tamén pola comunicación de festivais como Revenidas ou de grupos como Banda Crebinsky. Sempre cunha cámara de fotografía na man, retratou artistas como Rodrigo Cuevas ou Tanxugueiras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Preocupación polos varamentos en Galicia: “A toniña podería extinguirse en 20 anos”

O CEMMA alerta do crecemento exponencial nos últimos anos de animais mariños que chegan ás costas galegas mortos ou en mal estado

Un proxecto da UVigo avanza nunha tecnoloxía máis intelixente para protexer a saúde humana

Un equipo atlanTTic desenvolve unha nova xeración de dispositivos máis sensorizados que poidan adaptarse mellor ás persoas para unha relación "máis natural"

Os incendios forestais xorden cada vez máis preto das casas no norte de España

Un estudo da USC analiza a tendencia e características de máis de 100.000 lumes entre os anos 2007 e 2015 no país e en California

Un estudo con selo galego atopa unha proteína clave para “queimar” graxa

Unha investigación en ratos, na que participa Cintia Folgueira, identifica unha prometedora diana terapéutica contra a obesidade