As provincias de Ourense e Pontevedra están esta semana en risco por baixas temperaturas polo seu posible impacto na saúde. Así o corrobora un mapa elaborado polo Ministerio de Sanidade, que sinala que ambos territorios están en nivel 1, é dicir, en “baixo risco”. Pontevedra rexistrará os valores máis xélidos entre o mércores e o venres, mentres que en Ourense serán o mércores e o venres. A predición do mapa só chega ata o día 13, polo que non hai prognóstico de cara á fin de semana.
O criterio para determinar que provincias están en risco baseáse na temperatura limiar de impacto na saúde. Se os valores medios que se prevén acadar están por enriba, non existe perigo. Se, pola contra, están por debaixo, hai risco para a saúde. En Pontevedra o limiar sitúase no 4,8 e a partir do mércores as temperaturas mínimas serán inferiores a este valor. En Ourense a cifra é de 1,5, que só descenderá o mércores e o venres, situándose o xoves lixeiramente por enriba (1,7). Nin A Coruña nin Lugo notificarán temperaturas por debaixo dos seus limiares mínimos: 2 e -5,6 respectivamente.
Novo sistema de avisos
Amais do mapa, o Ministerio de Sanidade anunciou este luns a posta en marcha dun sistema de avisos á cidadanía cando se espere que as baixas temperaturas impacten na saúde, como será o caso de Pontevedra e Ourense a partir da segunda metade da semana. A actuación está enmarcada no Plan Nacional de Actuacións Preventivas por Baixas Temperaturas, activo dende este luns, co obxectivo de establecer medidas que axuden na coodinación entre institucións e que favorezan a atención aos grupos máis vulnerables.
Para iso, Sanidade establece catro niveis de risco segundo os limiares de temperatura, que se obteñen analizando a asociación entre series temporais de mortalidade e temperatura a nivel provincia. O nivel 0, marcado en gris no mapa, indica que non existe ningún risco para a saúde. O nivel 1, en azul claro, no que se atopan Ourense e Pontevedra esta semana, marca un risco baixo. O nivel 2, en azul intermedio, indica risco medio para a saúde. Finamente, o nivel 3 é o máis alto e, por tanto, o que máis perigo supón para a poboación. Está marcado con azul escuro.
As persoas que queiran recibir os avisos do Ministerio por baixas temperaturas que poidan comprometer a saúde deberán subscribise na páxina web e recibirán un aviso por correo e/ou SMS. Dende Sanidade indican que tamén informarán á cidadanía a través das súas redes sociais.
O frío, un risco para a saúde maior do esperado
As altas temperaturas adóitanse asociar cun grave risco para a saúde, mais non adoita acontecer o mesmo co frío. Aínda que os efectos dos valores xélidos non teñen un impacto tan agudo nin repentino, tamén son un factor de risco ambiental: “Poden ser incluso superiores aos do calor extremo”. Así o indica o Ministerio de Sanidade, que por iso elaborou un Plan Estratéxico de Saúde e Medioambiente (PESMA) en colaboración co Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico. Dentro das súas medidas, establece a posta en marcha do plan nacional sobre baixas temperaturas no que se enmarca o mapa.
Nove consellos fronte ás baixas temperaturas
O Ministerio tamén emitiu este luns en nota de prensa unha lista de nove puntos a ter en conta ante os avisos por baixas temperaturas que poden impactar na saúde da cidadanía. Son os seguintes:
- Respira polo nariz e non pola boca nos espazos exteriores. O aire quece ao pasar polas fosas nasais e así diminúe o frío que chega aos pulmóns.
- Extrema a precaución se hai xeo na rúa. Unha elevada porcentaxe de lesións relacionadas co frío están relacionadas con esvarar en placas de xeo. O mellor, usar calzado antideslizante se fose posible.
- Usa varias capas de roupa fina e non unha soa grosa. Protéxete máis do frío ao formar cámaras de aire illante entre elas.
- Se vas empregar chemineas ou outro tipo de estufas, ollo: ventila a estancia con frecuencia para evitar a acumulación de CO2.
- Non tomes medicamentos sen receita médica porque algúns tratamentos precipitan os problemas derivados da exposición ao frío.
- Aliméntate de forma variada, e consume froita diariamente. Bebe líquidos aínda que non teñas sede, sobre todo se están quentes. E evita o consumo de alcol porque diminúe a sensación de frío.
- Consulta as previsións meteorolóxicas antes de saír da casa.
- Presta atención ás persoas que poidan estar nunha situación de maior vulnerabildiade ante o frío e, de ser necesario, contacta co persoal sanitario.
- Recoméndase a vacinación contra a gripe en persoas maiores de 65 anos e nas que padecen algunha enfermidade crónica.