Unha viaxe á Antártida para fortalecer o liderado feminino na loita contra o cambio climático e polo futuro do planeta. Este é un dos obxectivos do programa Homeward Bound, que traballa para constituír unha rede internacional dun millar de mulleres de diversos eidos da ciencia. Para isto, desde 2016 e ata 2026 estanse seleccionando entre 70 e 90 mulleres de todo o mundo. E nesta rede estará por primeira vez unha galega, a bióloga Alba Aguión Tarrío, investigadora do Future Oceans Lab da Universidade de Vigo.
Alba Aguión, que en 2016 foi subcampioa mundial do concurso de monólogos FameLab, acaba de ser seleecionada para a quinta edición do proxecto. Segundo recolle o Diario da UVigo, trátase dunha “oportunidade única de mellorar as miñas capacidades de liderado da man de expertas e expertos mundiais e de contactar con outras científicas, co interese de loitar por un mundo máis sostible e libre de estereotipos de xénero”, explica Alba, que acaba de chegar a Estados Unidos para realizar unha estadía.
A científica considera tamén “un orgullo” ser a primeira galega en participar neste programa internacional. Ao tempo no que participa en Homeward Bound, traballará na elaboración da súa tese de doutoramento sobre a adaptación da pesca artesanal aos impactos do cambio climático, cuestión sobre a que o programa tamén ofrece unha ampla formación.
Financiamento para a viaxe á Antártida
O programa deste ano arrancará oficialmente o vindeiro de mes de novembro e prolongarase durante 11 meses, tempo no que as participantes, entre elas cinco científicas españolas, terán reunións individuais e en grupo para traballar habilidades de liderado, xestión e equipo, comunicación e relacións internacionais. “Ademais recibiremos formación en cambio climático e igualdade de xénero”, explica Alba, que se amosa especialmente ilusionada coa viaxe que a finais do ano 2020 realizarán as 75 seleccionadas desta edición á Antártida, onde ademais terán ocasión de coñecerse persoalmente e descubrir “in situ” investigacións pioneiras en cambio climático.
“A Antártida ten zonas que rexistraron algún dos maiores aumentos de temperatura dos derradeiros 50 anos no planeta. É unha oportunidade única para ver de primeira man os efectos do cambio climático nun lugar especialmente vulnerable e moi importante para o planeta, xa que o avance e o retroceso dos xeos no continente ten influencia a nivel planetario”, detalla a investigadora.
On a mission to promote sustainability and elevate the leadership role of women in science. Wanna support me? https://t.co/K1jNTWvPtS via @Chuffed
— Alba Aguión (@AlbaAguion) September 25, 2019
Alba Aguión, que xa participara durante o seu mestrado nunha expedición ao Ártico para estudar as bacterias e arqueas dos glaciares, terá agora a oportunidade de completa a súa formación viaxando ao outro extremo do mundo. “Agardo traer novas historias que contar ao alumnado e aos adultos nas miñas visitas a colexios e museos”, destaca.
Para poder realizar a viaxe, a investigadora precisa cubrir o prezo da súa participación no proxecto, que é arredor de 33.000 dólares americanos. Alba explica que “xa estou becada ao 50% polo propio programa”, e respecto a outra metade, “máis uns 3.000 dólares de gastos da expedición, é a parte que recadarei cos patrocinadores (entre os que xa está a UVigo) e facendo eventos de divulgación de ciencia en colexios museos e outros lugares, e a través de crowdfunding”.
Para difundir o seu proxecto e buscar estes apoios, puxo en marcha a web albaaguion.com, na que explica a iniciativa e onde é posible financiar directamente a súa participación en Homeward Bound, a partir da cantidade de 1 euro, nos vindeiros tres meses.