O estudo analiza a situación da herba da Pampa nos polígonos industriais. Fonte: Fagúndez et. al (2019)/Elaboración propia.
O estudo analiza a situación da herba da Pampa nos polígonos industriais. Fonte: Fagúndez et. al (2019)/Elaboración propia.

A herba da Pampa invade xa máis da metade dos polígonos industriais de Galicia

Un traballo da Universidade da Coruña constata que a "Cortaderia selloana" está presente en case 60 parques, sobre todo no oeste do país

A historia é ben coñecida nos arredores de moitas cidades e vilas de Galicia. Ao abeiro da marea de millóns de comezos do século XXI, miles e miles de metros cadrados convertéronse en áreas industriais que, segundo parecía, se ían encher de empresas e emprego. Mais non en todos os casos foi así, e hoxe fican terreos ermos onde a natureza volve buscar o seu lugar entre asfalto, terra remexida e rotondas sen saída. Ao alterar o ecosistema anterior ao polígono, estas áreas quedan sen cuberta vexetal e cun solo pobre en nutrientes, a expensas de novos actores á busca dun lugar onde medrar. E neste contexto, especies como o toxo ou a invasora herba da Pampa (Cortaderia selloana) están levando a dianteira, ocupando o que a industria non ocupou, tal e como demostran numerosos estudos neste sentido. Paseniño, pero sen pausa.

No caso do plumacho, tal foi o seu avance que, arredor de 30 anos despois das primeiras citas en Galicia, onde foi introducida como planta ornamental nas medianeiras das autoestradas, xa está presente en 59 polígonos industriais do país, ademais dos arredores de vías de comunicación e principais poboacións da Coruña e Pontevedra. Así o constata un estudo que acaba de ser publicado na revista Flora por Jaime Fagúndez e Daniel Pardo, investigadores da Universidade da Coruña.

“A herba da Pampa está presente en máis da metade dos polígonos industriais de Galicia, e a tendencia no curto plazo é a continuar a expansión”, sinala Fagúndez, tamén membro do grupo Biocost (Bioloxía Costeira) e profesor de Botánica na UDC. Así, no traballo exponse que entre 2012 e 2018, a C. selloana estendeuse a un ritmo de 1,86 novas áreas industriais cada ano. Nesta investigación, analizáronse 114 parques industriais de Galicia, moitos deles situados no eixe atlántico, e comprobouse a densidade da especie en cada un deles.

Presenza da herba da Pampa nos polígonos de Galicia. Fonte: Fagúndez et. al (2019)/Elaboración propia.
Presenza da herba da Pampa nos polígonos de Galicia. Fonte: Fagúndez et. al (2019)/Elaboración propia.

Exame con Google Street View

Para analizar a evolución temporal da presenza da especie, Fagúndez e Pardo recorreron a Google Street View, unha ferramenta que lles permitiu ver os polígonos en diferentes momentos dos últimos anos. As imaxes, que están dispoñibles desde comezos desta década ata a actualidade, dá a opción de ver a pé de polígono a presenza da especie. Foi así, complementando esta información co traballo de campo, como detectaron a colonización da herba da Pampa en novos espazos.

Exemplo da evolución do plumacho da Pampa, na avenida Mestre Mateo de Santiago de Compostela.
Exemplo da evolución do plumacho da Pampa, na avenida Mestre Mateo de Santiago de Compostela.

Entre os factores que máis se relacionaron coa presenza da herba da Pampa están a pouca altitude e a proximidade coa costa, con autoestradas e outras áreas previamente invadidas. A presenza no interior de Galicia é menor, debido a unhas condicións climáticas menos propicias, xa que esta especie se adapta mellor ás temperaturas suaves, sen intensas xeadas no inverno.

Así, tal e como se pode comprobar no mapa elaborado con estes datos, establecéronse tres niveis de invasión. A maior presenza da cortadeira atópase nas áreas industriais de Ferrol, Coruña e Vigo e, en menor medida, na área de Santiago, Barbanza, Pontevedra, norte de Lugo e arredores da cidade de Ourense. O mapa amosa do mesmo xeito a tendencia de que canto maior é a distancia das grandes vías de comunicación hai menor probabilidade de que apareza o plumacho nos polígonos.

Autoestradas, as grandes vías de dispersión

Cada femia de C. selloana pode producir ata 800.000 sementes, que debido á súa lixeireza se poden propagar facilmente. As autoestradas e as súas proximidades son, segundo os autores desta investigación, lugares que “ofrecen boas condicións para a invasión”, xa que “o tráfico pesado pode actuar como un vector de transmisión dos propágulos”. E ao tempo, a coincidencia das áreas industriais cos accesos a estas autoestradas incrementan a probabilidade de que a herba da Pampa se espalle.

“A especie emprega o nicho propicio das marxes de estrada para expandir a área de ocupación, e os polígonos serven como fonte de propágulos; é un patrón en rede, con nodos (polígonos e áreas urbanas) e corredores (vías de comunicación)”, resume Jaime Fagúndez.

Os tres niveis de invasión descritos no estudo. Arriba, presenza ocasional (nivel 1); no medio, presenza frecuente (nivel 2); abaixo, ampla invasión (nivel 3).
Os tres niveis de invasión descritos no estudo. Arriba, presenza ocasional (nivel 1); no medio, presenza frecuente (nivel 2); abaixo, ampla invasión (nivel 3).

Stop Cortaderia

Con todo, o problema da herba da Pampa como especie invasora non está só en Galicia. Noutras zonas do norte da Península, como Cantabria, a presenza do plumacho é incluso maior. Así, desde 2018 e ata 2022 está en marcha o plan Life+ Stop Cortaderia, impulsado pola Unión Europea. Céntrase na rexión cántabra, pero tamén están previstas accións en Galicia. Segundo anunciou en xuño deste ano, a Xunta colaborará con 18.000 euros para desenvolver un plan de acción adaptado á comunidade.

Tal e como explica Jaime Fagúndez, “en colaboración con SeoBirdlife, o CEIDA e a Xunta de Galicia, traballamos no deseño dunha estratexia galega para controlar a expansión” da especie. Unha estratexia que, segundo o investigador galego, “debe centrarse en evitar a expansión nas áreas non invadidas, e sobre todo en áreas costeiras sensibles onde pode causar máis dano á flora e fauna autóctona”.

O propio traballo publicado recentemente na revista Flora conclúe que é preciso un plan de xestión, “cun foco especial na detección precoz en zonas como as beiras das estradas e os polígonos industriais”. Do mesmo xeito, os científicos tamén traballan en medidas alternativas de control para a “restauración ecolóxica das zonas ecolóxicas que poden ser invadidas, empregando especies autóctonas”.


Referencia: Assessment of the distribution and recent spread of the invasive grass Cortaderia selloana in Industrial Sites in Galicia, NW Spain (Publicado en Flora).


A herba da Pampa

A Cortaderia selloana é unha gramínea perenne que destaca pola súa florescencia en forma de plumacho, acadando ata dous metros de altura. En conxunto, a planta pode chegar aos catro metros. Florece durante o verán, e o maior risco de propagación ten lugar durante o outono, cando as sementes se desprenden da planta.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.