Hai unha lenda que sitúa a chegada da invasión nas medianeiras da AP-9 entre Santiago e A Coruña. Algo de certo ten, porque a herba da Pampa (Cortaderia selloana) víase nesta autoestrada hai xa moitos anos. Outros sitúan a súa orixe na A-6. Ninguén pode confirmar que esta fose a vía de entrada a Galicia pero foi, sen dúbida, un dos seus principais puntos de expansión.
Logo chegou a febre dos polígonos industriais a finais do século XX e comezos do XXI. O optimismo excesivo, os xugosos contratos públicos para construílos e a chuvia de millóns do Prestige, primeiro; e despois a recesión económica deixaron Galicia salpicada de áreas ermas. Onde debería haber industria, medraron os toxos. E tamén a herba da Pampa. Algo semellante aconteceu nas macrourbanizacións que igualmente quedaron en nada.
Aparece moi rápido nas áreas perturbadas pola acción humana, como os noiros, as gabias ou as áreas industriais sen actividade
Hoxe esta especie, orixinaria desta gran chaira arxentina e da Patagonia, esténdese a carón destas áreas industriais, sobre todo no eixo atlántico. Aquí é onde atopa a ocasión perfecta para facerse dona do terreo. “Aparece moi rápido nos ambientes perturbados pola acción humana, como os noiros, as gabias e os terreos que se limparon para facer os polígonos, e tamén despois dos incendios nalgunhas áreas”, expón Sergio R. Roiloa, experto en plantas exóticas invasoras e profesor da Universidade da Coruña, onde tamén investiga no grupo Biocost.
Nas beiras das estradas da área metropolitana coruñesa está un dos puntos con maior presenza de Cortaderia. Concellos como Oleiros declararon xa a guerra aberta á especie, instando aos veciños á que a eliminen das súas fincas.
Por onde chegou a herba da Pampa?
Hoxe, a herba da Pampa invade o noroeste da península. Ademais da AP-9 e a A-6, a autoestrada do Cantábrico (A-8) foi outra das súas grandes vías de desprazamento. Pero, cal foi o primeiro lugar no que apareceu? “É difícil confirmalo, pero si é certo que se emprega dende hai anos como planta ornamental; sobre todo as femias, que teñen maior valor ornamental pola vistosidade das inflorescencias”, conta Jaime Fagúndez, profesor de Botánica na UDC que leva anos estudando e constatando o seu avance polo país.
A estratexia estatal de control da especie menciona a súa presenza en citas do ano 1953, invadindo espazos silvestres a raíz dun cultivo na baía de Santander. Porén, outras investigación mencionan a presenza de sementes de Cortaderia en cereais chegados desde Arxentina en barcos durante a Guerra Civil española.
E por que medra tanto e tan rápido?
“É unha especie cunha capacidade altísima de reprodución sexual: por cada planta xéranse centos de miles de sementes, e ainda que hai unha mortalidade alta nas primeiras etapas, falamos dunha cantidade tan grande que a expansión non se ve resentida”, expón Fagúndez. O vento tan común en Galicia fai o resto: axita as varas da planta, que poden acadar os catro metros de altura, e os penachos de plumas, de ata un metro de longo, e prodúcese a dispersión das sementes.
En Galicia e no resto da costa noroeste, a Cortaderia atopou vía libre, sen as limitacións do equilibrio ecolóxico que si ten na súa rexión de orixe en Sudamérica. “Crece moi rápido nas primeiras etapas, e en 2-3 anos ten unha estrutura o suficientemente forte para sobrevivir. Ademais, ten unhas follas moi ríxidas, o que dificulta que as poidan consumir os herbívoros“, aclara Jaime Fagúndez.
E o problema esténdese non só a áreas industriais e urbanas, con menor valor natural, senón que xa chega a espazos protexidos como as marismas e algúns recunchos do litoral atlántico. “É unha segunda derivada, máis preocupante aínda, porque aquí xa lle está facendo dano a ecosistemas protexidos a nivel europeo”, subliña o investigador galego.
Solucións
Ante tal invasión, que se pode facer? A Xunta de Galicia, o Ministerio de Transición Ecolóxica, algúns concellos e institucións e mesmo entidades privadas desenvolven métodos de control físico (mediante a corta e destrución da planta) e químico (aplicando herbicidas e outros produtos).
Desde a Universidade da Coruña, o equipo no que traballa Jaime Fagúndez explora diversos camiños para poñer freo á herba da Pampa. “Estamos a desenvolver modelos que nos permitan ver determinados patróns de expansión da especie, para intentar anticiparnos. E por outra banda, buscamos posibles técnicas de control biolóxico, con axentes máis alá dos herbicidas que nos permitan combatelas, e tamén con outras especies que poidan impoñerse a elas na competencia por un mesmo nicho“, explica o científico.
A conclusión dos investigadores é, como en moitos outros casos de especies invasoras que danan o ecosistema en Galicia, que o da herba da Pampa é un problema global, cunha responsabilidade repartida, e que debe abordarse, por tanto, cun enfoque global. “Non deixa de ser a evidencia dunha sucesión de problemas: unha mala ordenación e unha mala planificación nos usos do territorio, a inexistencia de medidas de control e erradicación nas primeiras fases, cando podería ser mais fácil acabar con ela”. Conclúe Fagúndez: “Para combater eficazmente a invasión precísase un plan integral que inclúa a recuperación das zonas degradadas, a monitorización en zonas probables de expansión, e un plan de actuación rápida para a eliminación das plántulas e individuos pequenos”.