Retirada unha acacia de tres toneladas á beira do Tins, o primeiro río de España con dereitos

Un grupo de 16 voluntarios participa na primeira xornada de eliminación de especies exóticas invasoras nas marxes do curso fluvial de Outes

Un grupo de 16 voluntarios retirou o pasado domingo un exemplar de acacia negra (Acacia melanoxylon) de tres toneladas á beira do Tins, o primeiro río de España con dereitos. A actuación, que se levou a cabo no marco do proxecto ReNatur_Outes, ten por obxectivo eliminar o arborado de especies exóticas invasoras á beira do curso fluvial do concello coruñés. Os organizadores cualificaron a primeira xornada de voluntariado ambiental como “éxito absoluto”.

Os traballos xa comezaran en días previos, abatendo as árbores de maior porte. Ao abeiro do proxecto, elaboráronse cadeiras a partir dos toros das árbores que irán destinadas ao patio do CEIP Plurilingüe de Outes, deseñado polo propio alumnado. Tamén se aplicou a técnica de descasque nos tocóns para eliminar por completo estas especies.

Publicidade

Segundo informan dende a organización, as actividades continuarán nos próximos meses para eliminar a totalidade de exemplares de mimosa (Acacia dealbata), robinia (Robinia pseudoacacia) e eucalipto (Eucalyptus globulus) das marxes do Tins, “contribuíndo así a renaturalizar este espazo natural de grande valor”. A acción compleméntase coas realizadas no pasado inverno, cando se plantaron case 300 árbores e máis dun cento de arbustos na zona de ribeira.

Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Publicidade

No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, senón xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dos ventos do sur aos eucaliptos vellos: os factores tras o primeiro grande incendio da tempada en Galicia

A combinación de factores no lume de Herbón-Padrón, con 350 hectáreas queimadas, confirma unha mudanza nos patróns de propagación

Ailanto, estrela de fogo e eucalipto: as 60 especies que ameazan a biodiversidade galega

Un proxecto colaborativo lanzado dende a SGHN reúne datos de máis de 26 autores no 'Atlas da Flora Exótica Invasora' para frear a súa expansión e protexer os ecosistemas

Os datos do eucalipto confirman as sospeitas: a moratoria de 2021 causou un ‘efecto chamada’

A polémica especie crece un 6% en dous anos, o dobre do que a Xunta anticipaba para o período 2021-2025

Como inflúen as especies arbóreas no solo? Un estudo analiza os seus efectos en Rianxo

A investigación da USC mostra que os terreos baixo eucalipto teñen un contido de auga medio do 13%, significativamente menor que o das matogueiras