Unha masa de aire polar e unha potente borrasca traen neve a Galicia esta semana

Meteogalicia prevé nevaradas nos cumios máis elevados, en cotas superiores aos 1.300 metros, a partir do mércores

Galicia regresa ao inverno despois dunha fin de semana solleira e calorosa. O inicio da semana vén acompañado por unha potente borrasca situada ao suroeste de Irlanda, que marcará o tempo en Galicia de cara aos próximos días e provocará grandes acumulados de precipitacións e incluso neve nos cumios máis elevados. Ademais, as temperaturas serán baixas para a época do ano e non superarán os 15 graos de máxima en boa parte do territorio galego. O drástico baixón térmico, despois dunha fin de semana onde se roldaron os 30 graos, débese á chegada dunha masa de aire polar que, xunto á borrasca situada sobre Irlanda, fará que Galicia retroceda de estación durante toda a semana.

Despois dun luns marcado polas chuvias matinais intensas no oeste, e por unha tarde especialmente chuviosa no leste, o escenario non experimentará cambios significativos de cara ao martes. Galicia continuará baixo a influencia das baixas presións, polo que se agardan precipitacións intermitentes e localmente treboentas, segundo o prognóstico de Meteogalicia. “Cara á noite posibilidade de precipitacións en forma de neve nos cumios máis elevados das montañas de Lugo e Ourense”, salientan na súa páxina web. De feito, prevese que a cota de neve descenda ata os 1.300 metros na metade da semana. As máximas manteranse en valores baixos para a época do ano.

Publicidade

O mércores será unha xornada moi parecida ao martes, con chuvascos intermitentes, treboadas e neve nas montañas. Tampouco se agardan cambios de cara ao xoves, dado que a borrasca situada sobre o suroeste de Irlanda se irá desprazando ata o sur de Francia e as frontes que envíe seguirán afectando a Galicia. Espérase que as provincias atlánticas reciban máis chuvia pola mañá, cando entren novas frontes, e as do leste durante a tarde. No que respecta ás temperaturas, manteranse en valores fríos para o mes de maio, en parte por esa masa de aire polar que dominará o continente europeo.

De cara á fin de semana, Meteogalicia prognostica un descenso progresivo da probabilidade de chuvia aínda que, de momento, segue a situarse entre o 75% e o 90% entre o venres e o domingo, con temperaturas que tampouco superarán os 17 graos. Con todo, os servizos de meteoroloxía advirten que quedan moitos días e é difícil facer un prognóstico ante un panorama tan incerto. Dende Meteored, por exemplo, prevén que a borrasca se debilite de cara aos últimos días de semana, pero que o frío en altura continuará, “o que favorecéra o desenvolvemento de novos chuvascos e tormentas”.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego explora o uso de virus para combater as infeccións de ouriña resistentes aos antibióticos

Un estudo liderado dende Galicia analiza un dos patóxenos que máis preocupa nos hospitais e reforza o potencial dos bacteriófagos

Cantas persoas morren realmente por calor?

En verán publícanse distintas cifras sobre os falecementos asociados ás altas temperaturas, pero non todas as ferramentas miden o mesmo e, en moitos casos, son estimacións

Un método creado na UDC predí a liberación de fibras nos téxtiles para reducir o seu impacto ambiental

A tese de Mercedes Pereira analiza 25 estruturas elaboradas con poliéster, algodón, la, viscosa e elastano en escenarios próximos á vida real

“Perdeu a vista nun ollo pola malleira”: a pegada da violencia machista no arquivo do psiquiátrico de Conxo

A investigadora da USC Noelia Valiño rescata 23 historias clínicas que recollen evidencias das agresións físicas, verbais e psicolóxicas sufridas por mulleres entre 1937 e 1973