Xoves 28 Marzo 2024

Un congreso reúne en Vigo a expertos mundiais no estudo da velutina

O encontro reúne aos parceiros do proxecto Atlantic-POSitiVE, que conta con 2,3 millóns de euros de financiamento para conter o avance da especie en Europa

Algúns dos e das especialistas máis destacados na loita contra a avespa velutina arredor do mundo danse cita dende este mércores no campus de Vigo nun congreso organizado polo proxecto Atlantic-POSitiVE (Conservation of Atlantic Pollination services and control of the invasive species vespa velutina). Esta é a maior iniciativa de investigación posta en marcha en Europa para frear a invasión da avespa asiática, liderada polo Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia Norte de Portugal, CEER, unha entidade formada polas seis universidades públicas deste territorio. O proxecto conta cun orzamento de máis de 2,3 millóns de euros e implica a dez institucións de España, Portugal, Francia, Irlanda e Reino Unido, coas que colaboran tamén outros vinte organismos, entre eles asociacións de apicultores de varios puntos de España, Portugal e Francia.

Tras máis de dous anos de traballo, os parceiros do proxecto reúnense no campus de Vigo ao longo das xornadas deste mércores e xoves para presentar as investigacións desenvoltas e tamén os avances que se están conseguindo noutras partes do mundo, para o que contan coa participación de investigadores como James C. Nieh, da University of California San Diego ou Jacqueline Beggs, da Faculty of Science to School of Biological Sciences, de Auckland. En total, ao longo das dúas xornadas desenvolveranse 19 relatorios de expertos e expertas dos EUA, Nova Zelandia, España, Portugal, Francia, Reino Unido, Irlanda e Italia.

Publicidade

O proxecto Atlantic-POSitiVE é á maior iniciativa de investigación en Europa para frear o avance da avespa

Ao proxecto aínda lle queda por diante algo máis dun ano de traballo, xa que a causa da pandemia da Covid-19 moitos dos estudos tiveron que paralizarse, polo que foi prorrogado ata decembro de 2022. Entre os avances que xa se desenvolveron ata agora, neste simposio preséntanse por exemplo a creación dunha cartografía da expansión da velutina en Europa ou melloras nos mecanismos de seguimento e detección desta especie.

A interdisciplinariedade e o carácter internacional foron dúas das características deste proxecto que puxeron en valor na apertura do congreso o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, o director da Fundación CEER, Ángel Miramontes e a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén María do Campo Piñeiro. Miramontes lembrou que se trata do “maior esforzo e coordinación de loita contra esta praga a esta escala territorial” e o coñecemento que del xurda axudará, segundo o reitor, “a desenvolver ferramentas para o control desta especie invasora, que é un problema moi importante nesta área atlántica”.

O responsable da fundación e o reitor tamén coincidiron á hora de poñer en valor o carácter internacional do proxecto, coordinado polo CEER e, polo tanto, liderado dende Galicia e o norte de Portugal, pero con participación de equipos de dez países, formados tanto por universidades, como por administracións e a sociedade, “favorecendo a transferencia do coñecemento e dos resultados da investigación”, como destacaba Miramontes.

O congreso celébrase este mércores e xoves. Foto: Duvi.
O congreso celébrase este mércores e xoves. Foto: Duvi.

Pola súa banda, Belén María do Campo Piñeiro lembraba que este proxecto Atlantic Positive ten o seu xermolo nun convenio asinado pola súa Dirección Xeral de Patrimonio Natural coas universidades de Santiago e Vigo para o estudo do comportamento, do hábitat e do impacto nos ecosistemas da Vespa velutina co fin de mellorar os métodos de control existentes. O proxecto actual, recalcaba, está chamado a “converterse nun punto de inflexión na loita contra a avespa asiática” avanzando en diferentes eidos, como a mellora do coñecemento da súa bioloxía, o estudo do impacto sobre os ecosistemas, a creación de novas ferramentas para a prevención da expansión da especie, etc. Tamén fixo referencia a outras liñas de traballo, como os novos métodos de control a través de sistemas de detección de niños, captura de individuos ou o desenvolvemento de novas técnicas apícolas para minorizar o impacto da V. velutina nos apiarios.

A representante da Xunta avanzou que se está a traballar, xunto coa Universidade da Coruña, nun plan estratéxico transnacional para a prevención, o control e xestión das áreas afectadas no arco atlántico, que irá incorporando os resultados deste proxecto, e que agardan ter rematado na próxima primavera.

Primeiros resultados do proxecto

Sandra Rojas, investigadora do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo e María Shantal Rodríguez, do Grupo de Investigación Solo, Planta e Valorización de Subproduto, son dúas das expertas implicadas neste proxecto en representación da UVigo e ambas expuxeron no simposio os avances das súas liñas de investigación.

Os equipos científicos implicados en Atlantic Positive, como explica Rojas, realizaron avances en varias frontes, por exemplo, na avaliación dos impactos ecolóxicos da velutina asiática sobre a biodiversidade e, en particular, sobre os servizos de polinización. En concreto, o Grupo de Bioloxía Ambiental da UVigo, liderado pola profesora Josefina Garrido, centrouse na avaliación dos efectos ecolóxicos de Vespa velutina, detectando “impactos importantes sobre a entomofauna nativa e a polinización de plantas que serven como sustento para unha diversidade de insectos e aves, a través de interaccións de competencia e depredación”.

Os investigadores xa acadaron avances na avaliación dos impactos ecolóxicos da velutina sobre a biodiversidade

Outra liña de traballo consiste no desenvolvemento e avaliación de métodos de control, que inclúen detección temperá de niños con sistemas de radio-seguimento, en colaboración coa Universidade de Exeter. “Da man deste traballo de campo”, engade Rojas, “realizáronse avaliacións socio-económicas sobre os efectos nocivos deste insecto para determinar as principais vías de afección dos sectores económicos e buscar maneiras de mitigar eses impactos”.

A científica tamén destaca avances no desenvolvemento de ferramentas para a monitoraxe da poboación desta especie invasora a grande escala e a creación de protocolos e iniciativas de divulgación para previr a súa introdución en áreas non invadidas do arco Atlántico. Por exemplo, o equipo da USC formado por Andrés Baselga, Carola Gómez-Rodríguez e Victoria Formoso-Freire, traballa nun mecanismo que permita a predición das áreas de Europa que teñen maior risco de invasión de Vespa velutina. Para isto, explica Formoso-Freire, “estamos dedicando un grande esforzo na compilación de datos co fin de crear unha base de datos completa da súa distribución”.

Este proceso ten tamén unha vertente de ciencia cidadá, xa que “persoas de diferentes países encárganse de rexistrar presencias da especie nas súas localidades”. Actualmente están na “fase de calibración dos modelos predictivos de distribución”, que se basea na selección das variables climáticas que se relacionan coa actual distribución da avespa, “o que, mediante diferentes algoritmos matemáticos, nos permitirá predicir a distribución futura”, explica.

Neste congreso tamén se presentan os resultados sobre a eficacia dos métodos de control nos apiarios para a supervivencia e a saúde das abellas, grazas ao traballo conxunto do Grupo de Bioloxía Ambiental da UVigo co equipo de investigación do profesor da USC Xulio Maside. 

Pola súa banda, María Shantal Rodríguez, do Grupo de Investigación Solo, Planta e Valorización de Subproduto, explica que o seu equipo leva dous anos traballando con esta especie invasora en diferentes eidos, como o comportamento das colmeas baixo diferentes presións da velutina. “Os resultados que estamos a obter poderían ser de grande axuda para aprender a manexar unha colmea que está a ser atacada por esta especie invasora. O traballo directo cos apicultores, grazas á colaboración coa Agrupación Apícola de Galicia, fai que este estudo sexa práctico e real xa que estamos a traballar en alvarizas existentes coas súas necesidades individuais e únicas”.

Este grupo ten xa varios artigos a piques de ser publicados sobre o comportamento da velutina na colmea. Con todo, un dos resultados máis directos, remarca a investigadora, é o traballo diario cos apicultores, que lles permite “monitorizar as condicións de traballo, as condicións das colonias de abellas e poñer en práctica técnicas de manexo para que as perdas das poboacións de abellas sexan as mínimas posibles”, conclúe.


Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CIM impulsa a súa presenza na investigación mariña europea

O centro vigués busca converterse nun referente establecendo colaboracións con persoal investigador e institucións internacionais

A nova ameaza das velutinas: o abandono dos pequenos viñedos

Investigadoras da UDC analizan por vez primeira o impacto desta especie invasora sobre a produción de uva

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos

Por que a clonación é tan rara na natureza

A partenoxénese é un tipo de reprodución asexual que empregan as femias dalgunhas especies para realizar copias de si mesmas