Pode o consumo de café reducir o risco de ictus e demencia?

Un estudio sinala que o consumo diario de 4 a 6 cuncas desta bebida ou de té podería estar asociado a un menor risco de padecer ambas enfermidades

Tanto o café coma o té son, a nivel global, das bebidas máis consumidas. Agora, un estudo publicado na revista PloS Medicine explora a relación entre a súa inxesta diaria e o decrecemento do risco de padecer accidentes cerebrovasculares ou demencia.

Definidos como condición médica na que se produce unha falta de rego sanguíneo no cerebro, os accidentes cerebrovasculares causan arredor do 10% das mortes no mundo. Segundo datos da OMS, até 15 millóns de persoas ao ano sufren un ictus, das que cinco millóns falecen e outros cinco quedan incapacitados de xeito permanente.

Publicidade

No caso da demencia, caracterizada por un deterioro progresivo e implacábel da capacidade mental que compromete inevitabelmente a vida independente, esta afecta a preto de 50 millóns de persoas no mundo, principalmente naqueles países de ingresos medio e baixos. Amais, a demencia como secuela é habitual entre os que padeceron algún tipo de accidente cerebrovascular.

Liderado por Yuan Zhang, da chinesa Tianjin Medical University, o estudo contou cunha mostra de 365.682 individuos sans de entre 50 e 74 anos. Para a súa análise, os investigadores acudiron ao Biobanco do Reino Unido, realizando un seguimento entre 2006 e 2010 e ata 2020. Durante este tempo, 10.053 participantes sufriron polo menos un ictus e 5.079 desenvolveron demencia.

Publicidade

O traballo salientou que, en comparación coas persoas que non consumían ningunha destas bebidas, as persoas que bebían entre dúas e tres cuncas de café ou entre tres e cinco de té ao día tiñan un 32% menos de probabilidade de sufrir un ictus, así como vían reducido un 28% o risco de desenvolver demencia. Logo, o consumo de café e té, tanto individual como conxuntamente, asociouse a un potencial menor risco de padecer accidentes cerebrovasculares ou demencia, se ben aínda non é posíbel inferir a causalidade.

Un estudo limitado

A raíz dos múltiples factores asociados á incidencia das enfermidades estudadas, tanto os autores como expertos independientes advirten sobre as limitacións o estudo e as asociacións que formula.“A investigación só amosa unha relación, e non demostra que o té ou o café causen a redución do risco de enfermidade. É posible que haxa outros factores en xogo”, comenta Charlotte Mills, profesora de ciencias da nutrición da Universidade de Reading non vinculada ao equipo investigador.

“Tanto o té coma o café conteñen grandes cantidades de químicos naturais, particularmente polifenois, tamén presentes en arandos ou o cacao—. Demostrouse que estes teñen beneficios para a saúde, e mesmo reducen o risco de sufrir enfermidades neurodexenerativas”, sinala Mills. “É posible que os polifenois presentes no té e no café sexan a causa dos beneficios observados neste traballo”, engade.

Neste senso, o propio estudo sinala a necesidade de levar a cabo máis ensaios clínicos vencellados ás intervencións no estilo de vida para avaliar a causalidade nas relacións observadas.


ReferenciaConsumption of coffee and tea and risk of developing stroke, dementia, and poststroke dementia: A cohort study in the UK Biobank (Publicado en PloS Medicine)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha análise de sangue e un novo escáner cerebral detectan sinais de alzhéimer anos antes dos síntomas

Os resultados de dous estudos publicados en 'The Lancet' abren novas posibilidades para mellorar o diagnóstico precoz da enfermidade neurodexenerativa

Investigadores galegos redefinen as pautas de extubación despois dunha operación por ictus

O estudo, coordinado polo IDIS e o CHUS, mostra que, contrario ao que se pensaba, adiantar o espertar do paciente non mellora a recuperación funcional

Así se distribúen os recursos contra a demencia: este é o mapa por concellos en Galicia

A plataforma dixital Demgal permite localizar centros e servizos sociosanitarios en toda a comunidade e facilita a orientación de pacientes e familias

Non todas as formas de sentar son iguais: actividades para mellorar a saúde cerebral dende o sofá

Unha revisión de 85 estudos amosa que tarefas como ler ou xogar ás cartas fortalecen a memoria e a función executiva