Venres 29 Marzo 2024

Dous equipos galegos lideran un proxecto para mellorar o diagnóstico precoz de tumores cerebrais

A iniciativa DIAGBI, na que tamén participan varias compañías biotecnolóxicas, busca alternativas á detección temperá e non invasiva dos glioblastomas

Un proxecto financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación do Goberno español con máis de 1,4 millóns de euros permitirá que diversos equipos científicos, algúns deles galegos, poñan en común os seus esforzos na procura dunha nova tecnoloxía que permita diagnosticar de forma precoz e facer un seguimento non invasivo dos tumores cerebrais máis agresivos, os glioblastomas.

Así, desde este ano e ata 2024, o proxecto Early molecular nanoDIAGnostics of Brain tumors using ImmunePET (DIAGBI), usará técnicas inmuno-PET para mellorar a resposta fronte a un tipo de doenza que reduce enormemente a esperanza de vida dos pacientes. A iniciativa está coordinada polo CiMUS da USC con dous dos seus grupos: o laboratorio que lidera a profesora María José Alonso, que deseñará e sintetizará nanotransportadores capaces de traspasar a barreira hematoencefálica levando axentes inmuno-PET aos tecidos diana; e o grupo MIBIOPHARM, dirixido por Pablo Aguiar, que desenvolverá novos biomarcadores de imaxe PET a partir do radiomarcaxe destes nanotransportadores e de modelos farmacocinéticos baseados en intelixencia artificial.

Publicidade

Na actualidade, o diagnóstico deste tipo de tumores cerebrais require da realización de biopsias do tecido tumoral mediante neurocirurxía, unha operación que implica moita planificación e que resulta traumática para os pacientes. Noutro tipo de tumores foi posible aplicar técnicas inmuno-PET para a caracterización do tumor mediante anticorpos ligados a radiotrazadores de Tomografía de Emisión de Positróns (PET), que permiten o diagnóstico sen necesidade de extraer o tecido. Con todo, nos tumores cerebrais, a barreira hematoencefálica –unha película que protexe ao cerebro da entrada de substancias alleas ao corpo– impediu aplicar estas técnicas non invasivas.

O proxecto DIAGBI proponse superar esta barreira mediante o uso de nanopartículas, capaces de penetrala, que transporten as trazadores PET xunto cos anticorpos necesarios para a caracterización xenética do tumor. Desta maneira, sería posible acelerar os tempos de diagnóstico e seguimento, e evitar difíciles e custosas intervencións de neurocirurxía. O obxectivo último é mellorar e alongar a calidade de vida dos pacientes e facer un uso máis eficiente dos recursos do Sistema de Saúde.

O consorcio destinará o 40% do orzamento do proxecto para a contratación de mozos investigadores, apoiando así a formación de persoal altamente especializado nunha área punteira da investigación oncolóxica. Espérase ademais que o proxecto teña un alto impacto a nivel internacional polo seu enfoque innovador e multidisciplinar.

DIAGBI foi seleccionado dentro da convocatoria de Proxectos de I+D+i en liñas estratéxicas en colaboración público privada do Ministerio, cuxa finalidade é dar resposta a desafíos que se consideran estratéxicos mediante o financiamento de grandes proxectos nos que participan un amplo número de investigadores con competencias diversas.

Ademais do CiMUS, neste proxecto tomarán parte entidades punteiras na investigación médica e o desenvolvemento biotecnolóxico, varias delas baseadas tamén en Galicia. Nasasbiotech proporcionará a tecnoloxía innovadora ExoGAG para a caracterización extravesicular de marcadores tumorais, Sunrock Biopharma achegará un anticorpo monoclonal patentado para a carcaterización xenética do glioblastoma, e Qubiotech desenvolverá novos algoritmos para a visualización e análise dos axentes inmuno-PET e facilitar a súa translación á práctica clínica.

Outras institucións, como a Fundación Privada do Institut d’Investigació Oncológica Vall d’Hebron, Fundación para a Investigación Biomédica do Hospital Universitario La Paz e a Fundació Hospital Universitari Vall d’ Hebron -Institut de Recerca, achegarán cadanseus coñecementos para impulsar estas novas estratexias de diagnóstico.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Nanotecnoloxía galega contra o tumor cerebral máis común

Un estudo da USC abre a porta a unha nova aproximación terapéutica que podería posibilitar un ensaio clínico nun prazo de tres anos

Yolanda Prezado: “Coa protonterapia erradicamos o 83% dos tumores en estudos preclínicos”

A científica galega referente en París incorpórase ao CiMUS para impulsar a investigación en Galicia da terapia con protóns

José Tubío: “Os científicos deberían saír á rúa como antes facían os predicadores”

O investigador aposta por crear departamentos de divulgación científica, converter a España nun país sen fume e priorizar o cambio climático polo seu impacto na saúde

Pontevedra ensaia fármacos prometededores contra doenzas hepáticas: esta é a innovadora tecnoloxía que hai detrás

Pacientes con hepatite B e fígado graxo proban tratamentos baseados no ARN de interferencia, unha das terapias máis esperanzadoras