Venres 29 Marzo 2024

Ortegal, ás portas do Xeoparque da UNESCO coa selección da candidatura

O Comité Español de Cooperación coa UNESCO informou da decisión de apoiar o proxecto, o qe se fará oficial dentro duns días

O segundo Xeoparque Mundial da UNESCO en Galicia está máis preto. O Comité Español de Cooperación co organismo da ONU anunciou o seu apoio á candidatura do proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal, xunto ao cántabro de Costa Quebrada. A iniciativa impulsada polos sete concellos da zona (Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño co apoio da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, celebrou este mércores unha xuntanza na Casa da Cultura de Valdoviño na que se abordaron os últimos avances diante da publicación oficial das candidaturas, que se anunciará dentro duns días.

O alcalde de Valdoviño e presidente de quenda da asociación promotora, Alberto González, cualificou a noticia como “un fito importante para o territorio” e resumiu que na xuntanza deste mércores se expresara o compromiso de “seguir avanzando no traballo conxunto” en dous sentidos: dunha banda “estreitando relacións entre Administracións” e, doutra, poñendo en marcha de inmediato as tres mesas de traballo o comité científico, a mesa interinstitucional e a de participación social, para que o proxecto estea funcionando como xeoparque xa antes da avaliación -algo que esixe a propia UNESCO- e para conseguir que o territorio “valore, coñeza e comprenda cal é o valor dun xeoparque”.

Publicidade

González insistiu en que a figura Global Geopark á que aspiran os sete municipios “ten unha relevancia ao mesmo nivel que un Patrimonio da Humanidade” que, no caso de que se obteña o distintivo, requirirá “seguir facendo territorio desde todos os puntos de vista, ocio, turismo, vida…” tendo en conta que cada catro anos hai que pasar unha reválida da UNESCO e que é máis difícil conservar o distintivo que conseguilo a primeira vez.

“Nunca tan cerca estivemos e esta nova sitúanos ás portas de entrar na élite mundial dos sitios xeolóxicos” asegurou Xosé Regueira, quen ademais cualifiou de “histórico” o feito de que o proxecto de Cabo Ortegal sexa unha das dúas candidaturas propostas polo Estado español, xunto a Costa Quebrada de Cantabria. O vicepresidente da Deputación tamén lembrou todo o traballo realizado nos últimos anos ata chegar a esta candidatura, puxo en valor a colaboración entre as diferentes administracións, e asegurou que “agora temos por diante moito traballo” de cara ao seguinte paso, que é a visita do comité avaliador prevista para mediados de 2022. De completar o proceso, Ortegal sumaríase ás Montañas do Courel, primeiro Xeoparque Mundial da UNESCO en Galicia. O ano pasado, tamén no mes de novembro, o mesmo comité anunciou que non presentaría ningún proxecto ao organismo, o que pospuxo por un ano este paso que agora si se consegue dar.

Na reunión estiveron presentes representantes dos concellos integrados na asociación promotora, o vicepresidente e responsable da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira Varela, e a directora xeral de Patrimonio Natural da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Belén María do Campo Piñeiro.

No pasado mes de outubro, a área de Turismo da Deputación formalizou un convenio de colaboración cos sete concellos que conforman a Asociación para a xestión do Xeoparque de Cabo Ortegal por un importe de preto de 240.000 euros para levar a cabo as actuacións imprescindibles para a defensa da candidatura. O obxectivo do convenio é propiciar que os sete concellos que forman a asociación do proxecto desenvolvan accións que vinculen a riqueza xeolóxica, paisaxística e ambiental co desenvolvemento económico da comarca.

Segundo se expuxo no encontro de traballo desta mércores, na selección da candidatura do Xeoparque de Cabo Ortegal tivéronse en conta novos criterios que recollen a excepcionalidade xeolóxica do Cabo Ortegal, onde existen ata seis lugares de interese xeolóxica internacional– representativos do contexto da Oroxenia Varisca Ibérica e únicos no mundo para descubrir en superficie un dos capítulos máis apaixoantes da historia do planeta. Neste sentido, o proxecto local obtivo a cualificación máxima: 13 puntos.

O vicepresidente da Deputación tamén fixo mención ao “ronsel de boas noticias relacionadas con este proxecto”, tras coñecerse a semana pasada que o proxecto de Cabo Ortegal é un dos propostos pola Xunta e polo Goberno central para os fondos da convocatoria dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino.

Reunión dos representantes de institucións que apoian a candidatura de Ortegal, celebrada este mércores en Valdoviño. Foto: Xunta de Galicia.
Reunión dos representantes de institucións que apoian a candidatura de Ortegal, celebrada este mércores en Valdoviño. Foto: Xunta de Galicia.

A representante autonómica apuntou que Galicia afronta a recta final cun proxecto sólido e con moitas garantías de éxito xa que cumpre todos os requisitos para superar a deliberación definitiva por parte da Unesco. “Estamos ante unha aposta gañadora”, dixo.

Unha vez coñecida a decisión do Comité Nacional Español de Xeoparques, a candidatura farase oficial ante a Unesco. Así, España deberá informar das dúas propostas seleccionadas e remitir toda a documentación na que se detallan os traballos realizados ao longo das últimas décadas sobre eses espazos, así como a planificación prevista.

O próximo verán, avaliadores independentes visitarán Ortegal e analizarán o grao de cumprimento dos criterios fixados pola Unesco para integrarse na rede mundial de xeoparques, o que sustentará a decisión final do Consello Executivo da Unesco, que se reunirá previsiblemente na primavera do ano 2023.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

▪️ Expertos en tecnoloxía, ciencias e humanidades asesoran a Xunta para o uso ético da IA

A comisión de especialistas elabora recomendacións para impulsar accións formativas e a sensibilización na administación e empresas

O Goberno reúne datos de Xunta e concellos para exixir indemnización polos 'pellets'

O executivo central solicitará unha compensación polos servizos de Salvamento Marítimo durante o episodio de contaminación mariña

Comesaña: "O Centro de Protonterapia tratará pacientes de cancro en 2025"

O conselleiro de Sanidade fala da situación da sanidade galega e dos novos proxectos de terapias oncolóxicas