Nos últimos días son moitas as imaxes de satélite que nos sorprenden coa virulencia do furacán Lorenzo. O seu diámetro e a súa anómala traxectoria, converténdose nun dos furacáns máis potentes que se formaron no leste do Atlántico, centran a atención de moitos ollos estes días.
Pero nas últimas horas comezou a circular polas redes unha imaxe que evidencia a forza do furacán Lorenzo: un baleiro de miles de quilómetros cadrados no medio do Atlántico que coincide co diámetro da tempestade, e polo que non pasa nin un só barco. E non é para menos: a semana pasada, o remolcador Bourbon Rhode afundiuse a algo máis de 100 quilómetros do ollo de Lorenzo, e só puideron ser rescatados con vida 3 dos 14 tripulantes. As imaxes das páxinas de seguimento dos barcos, como Vessel Finder ou Marine Traffic, exemplifican como os buques están evitando a traxectoria do fenómeno. A diferenza é notable debido, sobre todo, á densidade que adoita ter esta zona do Atlántico, pola que discorren moitos dos barcos que unen América e Europa, tal e como amosan os datos de Marine Traffic:

O furacán Lorenzo nos Azores
Mentres, no arquipélago dos Azores, sobre todo na illa das Flores, a máis occidental, prepáranse para a chegada do furacán. O Instituto Português do Mar e da Atmosfera emitiu un aviso especial pola situación. Na actualidade, o furacán Lorenzo ten unha categoría 2, e agárdase que pase a 1 ao longo do mércores. Aínda que o impacto será máis notable no oeste do arquipélago, en todas as illas se sentirán os efectos.
Así, na parte occidental haberá ventos de arredor de 190 km/h, con posibilidade de superar os 200 km/h e ondas de altura significativa de entre 10 e 15 metros, podendo acadar unha altura significativa de entre 9 e 12 metros e unha máxima de 25 metros.
Na parte central agárdanse refachos de ata 160km/h, e ondas cunha altura máxima de ata 22 metros. E na zona oriental os ventos chegarán aos 100 km/h e ondas de altura significativa entre 7 e 9 metros.
En Galicia, tal e como recolle MeteoGalicia, o efecto do furacán Lorenzo só se notará en forma de aumento da altura das ondas a partir da madrugada do xoves ao venres.
Seguimos sen grandes novidades con respecto a #Lorenzo. Pasará esta tarde preto dos Azores onde deixa avisos de nivel vermello. Despois seguirá o seu movemento cara a Irlanda. En #Galicia unicamente notaremos un aumento das ondas na tarde-noite do xoves e na madrugada do venres. pic.twitter.com/1Ltmc88GOu
— MeteoGalicia (@MeteoGalicia) October 1, 2019