Os restos do furacán Kirk puxeron toda Galicia en alerta por refachos de vento furacanados e precipitacións abundantes e intensas. Con todo, ao longo da mañá deste mércores o sistema comeza a afastarse cara ao leste e a situación comezará a mellorar en todo o territorio. Dende a tarde do martes ata as primeiras horas desta mañá, Kirk deixou cifras de récord. Segundo a última actualización de Meteogalicia, o máximo refacho de vento rexistrouse en Carballeda de Valdeorras ás 9.20 horas deste mércores con 181,1 km/h. En canto á chuvia, varias comarcas da Coruña e de Pontevedra acadaron acumulacións de 100 l/m2 en tan só 12 horas.
“O vento cambiará ao noroeste e tenderá a amainar. As chuvias daranse máis intermitentes e de menor intensidade”. Así é o último prognóstico de Meteogalicia dende as primeiras horas da mañá ata o mediodía. Con esta previsión queda demostrado que o temporal provocado por Kirk comeza a remitir e a situación non será tan adversa como nas últimas horas. De feito, ás 9 desactivouse a alerta vermella no litoral das Rías Baixas, onde se agardaban ventos de forza 10 e ondas que poderían superar os 7 metros. Malia a mellora da situación ao longo desta mañá a alerta laranxa continuará activada, cando menos no interior da provincia de Pontevedra, ata as 15 horas por importantes acumulacións de chuvia. Ata as 12 horas continuarán os avisos en toda Galicia por fortes refachos de vento, que aínda poderán superar os 140 km/h.
Os efectos de Kirk dende o martes
Malia que a situación máis complicada se rexistrou dende a medianoite deste mércores, durante a tarde do martes Kirk xa se deixou notar en Galicia. Así o demostran os valores máximos recollidos nas diferentes estacións de Meteogalicia. En canto ao vento, o máximo do martes acadouse en Castro Vicaludo, en Oia, con refachos de 120 km/h. Valores semellantes rexistraron os seguintes lugares na lista: Punta Candieira, en Cedeira (119,8 km/h); e Muralla, en Lousame (119,7 km/h).
No que respecta aos máximos valores no acumulado de precipitacións, o concello de Forcarei, en Pontevedra, rexistrou o máximo do día, con 121,6 l/m2. O seguinte na lista volve ser Muralla, con 119,1 l/m2. Máis afastado dos anteriores valores foi Entrimo, que acadou unha acumulación de 109 l/m2 ao longo do martes.
Chuvia ata a vindeira semana
Os efectos de Kirk deixaranse de notar ao longo do mércores, dado que o exfuracán continuará o seu camiño cara ao leste. Porén, a situación meteorolóxica en Galicia continuará a ser inestable ata, polo menos, a vindeira semana. Segundo Meteogalicia, o xoves haberá unha situación intermedia entre as baixas e as altas presións, o que deixará chuvascos intermitentes, sobre todo no oeste e durante a mañá. As temperaturas serán suaves. Con todo, a situación complicarase de cara ao venres coa chegada dunha fronte e chuvias que entrarán polo sur de Galicia para desprazarse despois ao resto do territorio. Durante a fin de semana tamén se agarda unha alta probabilidade de precipitacións.