“Cambios climáticos hóuboos sempre pero nunca tan rápidos como o de agora”

O investigador da UDC Armand Hernández participa nun estudo sobre o desxeo de Groenlandia publicado na prestixiosa Nature Geoscience

Como variou o clima no pasado? Que nos di iso do presente? Ese é o punto de partido dun estudo liderado por Celia Martín-Puertas e no que participou Armand Hernández, investigador Ramón y Cajal do GRICA (Grupo de Investigación Ambiental) da Universidade da Coruña (UDC). O estudo conclúe que o desxeo no hemisferio norte tras o último período glaciar alterou a variabilidade climática medida en décadas no Atlántico e o sector europeo. Por tanto, estas alteracións que xa se produciran anteriormente poderían trasladarse ao actual desxeo de Groenlandia e modificar as actuais predicións.

Para obter estes resultados empregaron información climática rexistrada nos depósitos anuais de sedimentos acumulados no fondo de Diss Mere, un lago de Norfolk. O investigador do grupo galego explícanos en profundidade os achados recollidos en Diminución das flutuacións climáticas decenais predicibles do Atlántico Norte debido ao derretemento do xeo, publicados na prestixiosa Nature Geoscience.

Publicidade

—Cal era o obxectivo da investigación?

—Nós somos paleoclimatólogos. O que facemos é estudar o clima do pasado para entender o presente e o futuro. É dicir, saber como foi a variabilidade climática no pasado, antes de ter instrumentos de medida das variables meteorolóxicas, pois utilízanse rexistros naturais para facer esas reconstrucións e ter períodos de tempo máis longos onde poder estudar como variou o clima.

Publicidade

Nós utilizamos sedimentos de lagos para facer iso, neste caso, sedimentos de lagos barbados, que quere dicir que teñen laminacións anuais —cada par de láminas significa un ano: temos unha lámina de inverno e unha de verán—; iso permíteche reconstruír con moita precisión o clima do pasado. Fomos a un lago do Reino Unido, coa influencia importante das frontes que chegan do Atlántico e o Atlántico condiciónao moito. O que facemos é recoller eses sedimentos, datalos e o que nos saíu é que temos uns 11.000, que é o Holoceno, o actual período interglaciar. A partir de aí faise unha análise que é o que axuda a reconstruír o clima.

—Por que desprazarse ata este lago de Norfolk para recoller os sedimentos?

—Hai varias razóns. Eran sedimentos de tipo barbado, e iso xa se sabía por un estudo previo. Logo, o Reino Unido ten un clima moi afectado pola variabilidade do Atlántico Norte e, non menos importante, porque Celia traballa alí, en Reino Unido, e é un proxecto financiado pola Royal Society.

—A intención era, entón, medir os efectos do desxeo sobre o Atlántico?

—Non, iso foi unha consecuencia. Nós queriamos ver que pasa co clima no pasado, entón contamos o espesor das laminacións, das capiñas milimétricas que se forman e viamos que o cambio de espesores podía ter certa recorrencia. Aplicamos unha análise de máxima entropía, que é o nome técnico, pero o que fai ver é se hai algún tipo de ciclicidade entre sedimentos e comprobamos que si que a había. O que nos sorprendeu foi que reflectían ciclicidade desde 10.500 ata 8.000 anos antes do presente. Esa ciclicidade desaparecía no 6.700 e chegaba ata hai 2.000 anos, que é ata onde chega o rexistro. Parecía que eses ciclos a escalas de décadas de ano coincidían con ciclos solares, pero desaparecían e a actividade solar non o fai. Miramos unha simulación que hai baseada en modelos da circulación oceánica no Atlántico Norte e pasáballe o mesmo. Empezamos a investigar que pasou nesas datas a nivel climático e vimos que coincidía coa época máis importante de desxeo no que era a antiga plataforma xeada que había, o último glaciar.

Empezaba unha época cálida, interglaciar, entón desfíxose o xeo que había nos casquetes polares e a baía de Hudson, que estaba pechada porque era todo xeo, empezou a desxearse. Iso sábese, pero os seus efectos non se coñecen tanto. Por que? Si se sabe que pasa cando o desxeo é de auga do propio océano. Aquí o interesante é que se produce desxeo das masas de auga doce que hai no propio continente e esa métese no océano. É auga continental que pasa ata o océano. Iso é o que está a pasar hoxe en día en Groenlandia tamén. O desxeo da auga continental ten efectos moi distintos e ten máis dificultade á hora de calibrar os modelos de predición, é complicado aplicar técnicas para simular ese efecto. Entón, coincidía que nesa época onde entre máis auga do desxeo continental coa apertura da baía de Hudson co final do desxeo da capa que estaba encima de Groenlandia, pasaba iso. Agora que está a pasar iso con Groenlandia, ollo, as previsións decenais poden estar a fallar porque no pasado xa pasou.

—Que consecuencias ten agora sobre este océano?

—Naquela época había moito máis xeo que agora e a cantidade de auga doce que entrou foi maior que a que entra agora. Pero tamén foi moito máis lenta. Aquí estamos falando de cambios en 2.000 anos e hoxe en día, estamos a falar de décadas ou anos mesmo. Esa é unha razón e a outra é o punto no que se produce. Non é o mesmo que a entrada de xeo se produza ao leste que ao oeste de Groenlandia. Esa é outra cousa que habería que valorar, onde se produce a entrada de xeo de Groenlandia, onde se achega máis auga ao océano.

“Ao falar da subida do nivel do mar, o que afecta é a temperatura da auga é a auga que non había no mar”

ARMAND HERNÁNDEZ, investigador Ramón y Cajal do Grica

—Que nos din estes achados sobre o cambio climático no presente?

—As cousas que pasaron no pasado producíronse a unha escala de tempo moi diferente. Cambios climáticos houbo sempre. A gran diferenza do actual é a velocidade á que se está producindo. Nunca se producira un tan rápido, e isto ten consecuencias, claro. Por exemplo, cando falas da subida do nivel do mar, a xente non o entende ben. Non se trata do desxeo dos icebergs que están xa no océano; ese desxeo non afecta á subida do nivel do mar. O que afecta á subida do nivel do mar é a temperatura da auga, que o que fai é que haxa dilatación da auga e suba o nivel, e a outra, é a auga que non había no mar, a que está nos continentes. É o caso de Groenlandia ou a Antártida, por exemplo. Iso é o perigoso e por iso lle damos tanta importancia ao noso traballo. Ollo, pode cambiar moitas cousas; tamén o sistema climático no aspecto xeral.

Fotografía durante a recollida dos sedimentos no lago Diss Mere. Crédito: Cedida por Armand Hernández

—Cales son as liñas de traballo de cara ao futuro?

—Seguimos traballando neste e outros lagos e temos que ver como o sinal climático se transmite aos sedimentos. Non presentamos ningunha medida cuantitativa, é dicir, que cantidade de variacións hai. Si que hai unha explicación de que en inverno e en verán pasan cousas distintas, pero nós podemos utilizar indicadores de ambas estacións para cuantificar eses cambios climáticos. Entón, igual ese sería o seguinte paso: dar un número do que vai pasar ou do que pasou. É o seguinte movemento que temos que facer os paleoclimatólogos, o de pasar ao nivel cuantitativo. Se nos damos de man a comunidade que utilizamos rexistros naturais cos que utilizan modelos climáticos e vemos como funcionan no pasado, serviranos para tentar predicir o futuro.


Referencia: Dampened predictable decadal North Atlantic climate fluctuations due to ice melting (Publicado en Nature Geoscience)

1 comentario

  1. No se entiende muy bien lo de “Entón, coincidía que nesa época onde entre máis auga do desxeo continental coa apertura da baía de Hudson co final do desxeo da capa que estaba encima de Groenlandia, pasaba iso. Agora que está a pasar iso con Groenlandia, ollo, as previsións decenais poden estar a fallar porque no pasado xa pasou.”

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rompe o tópico: en 2025 rexistráronse máis horas de sol do habitual

O documento confirma o aceleramento do quentamento global ao recoller unha temperatura media de 1,1 graos por enriba do promedio anual normal

A UDC participa na creación dunha compresa intelixente para mellorar a detección da endometriose

Un equipo do CICA colabora nun proxecto europeo para identificar sinais temperás da enfermidade a partir de análises do fluxo menstrual

A UDC propón unha combinación de fármacos contra unha das bacterias máis resistentes aos antibióticos

O equipo investigador identificou unha molécula como unha candidata prometedora para actuar contra infeccións intracelulares

A segunda vida da roupa: a colaboración galega que transforma residuos téxtiles en decoración

Un equipo da UDC e unha 'start up' de Bergondo desenvolven novos materiais con descartes procedentes da industria