As Illas Cíes asumen o reto da declaración de Xeoparque Mundial da Unesco

Vigo non renuncia ao Patrimonio da Humanidade pero lanza un novo proxecto baixo o paraugas de 22 científicos galegos

Unha vintena de expertos de diversas áreas científicas conforman os comités que traballarán para lograr a adhesión das Illas Cíes á Rede Mundial de Xeoparques da Unesco. Así o informaron este venres os coordinadores dos equipos e o Concello de Vigo na presentación da candidatura. A mirada está posta en 2024 e os grupos de traballo poñerán en valor o patrimonio xeolóxico do arquipélago, levando a cabo accións para o desenvolvemento económico sostible sobre as illas e buscando un impacto local para a cidade.

Os xeoparques mundiais da Unesco son espazos onde as paisaxes de relevancia xeolóxica internacional se xestionan dende tres eixos: a protección, a educación e o desenvolvemento económico sostible. Un xeoparque deberá presentar un patrimonio xeolóxico salientable e levar a cabo un desenvolvemento baseado na súa promoción turística, cuns obxectivos claros de desenvolvemento económico e social. Este será o labor do comité xeocientífico e o comité socioeconómico liderados por Irene Alejo da Universidade de Vigo (UVigo) e Sebastián Villasante da Universidade de Santiago (USC), respectivamente.

Publicidade

Os principios para a declaración dun xeoparque son tres: a existencia dun patrimonio xeolóxico que sirva como eixo condutor, a posta en marcha de iniciativas de xeoconservación e divulgación e a promoción dun desenvolvemento socioeconómico e cultural a nivel local. Alejo lidera un equipo de 11 investigadores e explica que Cíes conta cun patrimio xeolóxico “suficiente” para lograr a declaración mundial, tendo en conta o tamaño do arquipélago. “O que importa é a relevancia que teñen os elementos xeolóxicos, así como a súa contribución á sustentabilidade e os valores que plantexa a Unesco. As Cíes reúnen unha serie de formacións xeolóxicas que son testigo da evolución da marxe atlántica peninsular”, explica.

“As Cíes reúnen unha serie de formacións xeolóxicas que son testigo da evolución da marxe atlántica peninsular”

IRENE ALEJO, coordinadora do comité xeocientífico

Xunto a investigadora Alejo, integra o equipo Gonzálo Méndez Martínez, doutor en Xeografía da USC que realizará tamén tarefas de coordinación; Marta Pérez Arlucea, directora do Departamento en Xeociencias Mariñas da UVigo; Miguel Ángel Nombela, especialista en sedimentoloxía; Susana Costas, doutora en Ciencias do Mar; Soledad García Gil, do departamento de Xeociencias Mariñas da UVigo; Rita González Villanueva, especialista en sistemas de información xeográfica; Luis González Menéndez, investigador en xeoquímica; Óscar Pazos, xéologo; Ramiro Varela, experto en oceanografía física; Nicolás Villacieros, doutor en Oceanografía; Xosé Antón Álvarez Salgado, investigador no CSIC; Adolfo Fernández, arqueólogo da UVigo.

Presentación da candidatura das Illas Cíes a Xeoparque Mundial da Unesco.

Comité socioeconómico

Por outra banda, Sebastián Villasante e o seu equipo elaborarán un informe para poñer en valor a importancia económica e social das actividades tradicionais que se desenvolveron no arquipélago, buscando oportunidades de negocio relacionadas co xeoturismo e o xeopatrimonio. Villasante sinala a necesidade de consultar e dar a coñecer todas as accións no marco da candidatura coa involucración da población local. “Estamos aquí como expertos e sociedade para traballar todos e conseguir o mellor para a nosa comunidade”, defendeu. Os xeoparques deben ter definidos uns límites e unha extensión para asegurar o desenvolvemento económico da zona, incluíndo as áreas terrestres, marítimas ou subterráneas.

Forman parte deste grupo Gill Ainsworth, científica social da USC; María Loureiro, catedrática de Economía da USC; Jose Antoino Fraiz, experto no sector empresarial e turístico; Noelia Araújo, investigadora en Marketing e Turismo na UVigo; Dolores Garza, catedrática de Economía Aplicada na UVigo; María Isabel Míguez, experta en comunicación e publicidade; Alberto Dafonte, profesor de Comunicación Audiovisual e Publicidade; e Mario Soliño Millán, doutor en economía aplicada.

A xeoloxía das Cíes

O representativo mosaico de trazos xeomorfológicos (formas do terreo e procesos) e xeolóxicos (rochas, minerais e fósiles) das Illas Cíes son uns dos elementos máis salientables deste lugar, creados e transformados durante centos de millóns de anos. “As formacións xeolóxicas que marcan a singularidade deste arquipélago constitúen as últimas etapas da historia xeolóxica, o Período Cuartenario, asociados a movementos interglaciares”, expón Alejo. Son varias as investigacións que demostran a orixe tectónica das Cíes: a formación da cordilleira Varisca (hai 300 millóns de anos), a apertura do Océano Atlántico (hai 180 millóns de anos) e a formación da cordilleira Cántabro-Pirenaica (entre os 65 e 20 millóns de anos atrás) influíron no seu desenvolvemento. 

Despois de converterse en Xeoparque Mundial, o Concello de Vigo buscará a declaración das Cíes como Patrimonio da Humanidade

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou na presentación da candidatura que remitiu ao ministro de Exteriores, José Manuel Albares, e á secretaria de Estado de Cooperación Internacional, Pilar Cancela, a súa intención de presentar as Illas Cíes á proxima convocatoria para declaralas Patrimonio da Humanidade. “Queremos estar seguros de que esta protección se vai producir e de que vai ser un coñecemento mundial”, expuxo, lembrando que o Concello intentou converter ás Cíes en Patrimonio da Humanidade dende 2014. “Houbo un movemento político que nola bloqueou de maneira clandestina ás persoas que levabamos anos traballando dende tantos ámbitos para conseguilo. Imos ser Patrimonio da Humanidade”, alega. Mais antes, o arquipélago converterase no terceiro Xeoparque Mundial da Unesco de Galicia.

Cantos xeoparques hai?

En España hai 15 xeoparques mundiais da Unesco: Maestrazgo (Teruel), Cabo de Gata-Níjar (Almería), Sobrarbe-Pirineos, Sierras Subbéticas (Córdoba), Costa vasca (Entre os municpios de Zumaia, Deba e Mutriku), Sierra Norte de Sevilla, Villuercas Ibores-Jara (Extremadura), Cataluña Central (Manresa, Barcelona), Molina Alto-Tajo (Guadalajara), El Hierro(Illas Canarias), Lanzarote e Archipiélago Chinijo (Illas Canarias), Las Loras (Palencia e Burgos), Origens (Lleida), Montañas do Courel (Lugo) e Granada.

Na actualidade Montañas do Courel é o único xeoparque de Galicia. Alberga inmensas rochas paleozoicas deformadas outrora por grandes formacións como o Monumento Natural de Campodola, de interese internacional. No interior das rochas existen fósiles de máis de 300 millóns de anos, e sobre elas pódense percorrer vales fluviais e ascender polas escarpadas ladeiras ata coñecer o legado dos antigos glaciares. Nesta primavera poderá confirmarse se Cabo Ortegal, na Coruña, se sumará á lista de xeoparques da Unesco. Actualmente, a Deputación promove a iniciativa xunto con sete concellos e agarda que se converta no primeiro xeoparque de costa de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:03:35

A titánica loita dun polbo por sobrevivir ao ataque dun congro nas Rías Baixas

Un estudo describe as grandes habilidades destes moluscos para escapar e loitar contra os seus depredadores

Así é como unha cría de polbo trata de camuflarse nas profundidades das Cíes

O biólogo mariño Jorge Urcera captura a imaxe dun individuo que levanta dous dos seus tentáculos para facerse pasar por unha alga

A Unesco considera unha “acción destrutiva” o proxecto de praia fluvial en Lugo

O comité científico do organismo emitiu unha resolución demoledora sobre o impacto medioambiental na Reserva da Biosfera Terras do Miño

Faro de Cíes, o gardián dos mares

Dende a súa construción a mediados do século XIX, converteuse no punto de referencia de entrada á ría de Vigo