O faro de Cíes, dende a súa construción a mediados do século XIX, converteuse no punto de referencia de entrada á ría de Vigo, facilitando a navegación ao longo de toda a costa. Localizado a 175 metros de altitude, conta cunha das vistas panorámicas máis espectaculares de todas as illas que conforman o arquipélago.
Encontrámonos no punto máis alto, e se a visibilidade é boa, conseguiremos ver outras illas como Ons ou Sálvora, e mesmo tamén a peculiar liña de costa que conforman as Rías Baixas. Xunto cos outros tres faros —do Peito, do Príncipe e Bicos— localizados nas outras illas, sinaliza a entrada á ría de Vigo.
A súa apariencia actual é froito dunha reforma realizada no ano 1978, cando foi instalada unha nova lanterna e un sistema de acetileno xiratorio. O faro funciona con enerxía fotovoltaica subministrada por oito paneis solares que poden verse na súa cuberta superior.
En caso de emerxencia conta cun protocolo de seguridade que fai funcionar un grupo de baterías de reserva. Durante a noite, a luz que proxecta, que se propaga en forma de dous flashes brancos cada oito segundos, ten un alcance de ata 16 millas.
Para a observación
O faro das Cíes foi unha obra de enxeñería relevante para a época (1851). O cumio do monte tivo que cortarse varios metros para conseguir unha base horizontal onde se puidese establecer a estrutura e, ademais, a propia execución do camiño enforma de zigzag, que aínda hoxe lle dá acceso dende o peirao, tampouco foi doado de realizar cos medios de que se dispoñían naquel momento.
Comezou a funcionar o 19 de novembrode 1852, dende o solpor ata o amencer, grazas a unha lámpada de aceite. Estaba clasificado como de segunda orde e tiña un alcance de 31 millas e luz branca con eclipses minuto a minuto. En orixe, contaba con catro estancias para os fareiros e as súas familias, dúas cociñas independentes coas súas despensas e aseos, e unha sala de repostos e abastecementos para o propio servizo do faro, e unha cisterna.
As duras condicións de vida dos fareiros, illados durante o inverno, levaron á idea de instalar iluminación permanente de acetileno, que non requiría persoal permanente, tan só visitas periódicas para asegurar un correcto funcionamento. Así foi como no ano 1952 se procedeu a automatizar o faro, e os fareiros e as súas familias deixaron de ocupalo.
A orixe dos faros
A visión do lume en terra firme sempre foi un aviso de perigo para os mariñeiros. Homero, xa no ano 700 a. C. escribiu na Odisea que o uso dos lumes servía para guiar os mariñeiros ata a costa. Esta técnica foi empregada durante séculos polas familias mariñeiras, que colocaban lumes en zonas elevadas da costa para poder avisar da presenza de perigos.
Porén, moitas veces, non se sabía cando estaban prendidos, e sumado a que algúns eran trampas para que os barcos encallasen e así, poder saquealos motivou que os mariñeiros instalaran estruturas na costa que foran visíbeis tanto de día como de noite. Así, os faros convertéronse no mellor aliado dos navegantes, permitíndolles recoñecer a costa e os seus perigos independentemente da claridade do día ou das condicións meteorolóxicas. Cada faro ten unha cor e flashes de luz diferentes, polo que poderiamos dicir que cada un ten o seu propio carné de identidade.
Sabías que…?
Pegado ao faro de Cíes, atópase un potente radar de ata 10 quilómetros de alcance. Forma parte do Sistema Integrado de Vixilancia Exterior (SIVE) cuxa misión é reforzar o control e as operacións de salvamento marítimo en augas costeiras, mediante a detección de embarcacións a longa distancia, a identificación dos tripulantes, a verificación da actividade que realizan e a coordinación do seu seguemento con outros medios marítimos e terrestres.
Descarga aquí a sexta entrega da guía.