Cando a marea baixa, a pequena praia da Nosa Señora, de 140 metros de lonxitude, emerxe timidamente baixo as augas azul turquesa. Protexida dos ventos fríos do norte, agocha unha das mellores representacións da fauna e flora mariña das Cíes. De feito é, sen dúbida, un dos areais máis fermosos das illas. Aparece e desaparece ao ritmo das mareas e a súa orientación cara ao sur convértea no lugar ideal para protexerse dos fríos ventos do norte que azoutan as illas durante a primavera e o verán.
Illote dos Viños
As rochas e aguas que bordean a praia da Nosa Señora están cheas de fermosas paisaxes e de vida, verdadeiro privilexio para os afeccionados ao mar. Destacamos o illote dos Viños, na súa marxe esquerda, onde os negros corvos mariños (Phalacrocorax aristotelis) sentan nos penedos próximos á auga. A súa característica cor branca débese á acumulación masiva de excrementos destas aves, que acostuman a secarse batendo as ás incansablemente despois das duras xornadas de pesca.

Especies mariñas
Durante a marea baixa, a gran biodiversidade mariña do intermareal faise presente. Cuberta polo mar, propicia un ecosistema específico onde os organismos que a habitan conseguiron adaptarse tanto ás condicións terrestres como ás mariñas. Pegados ás rochas, poderemos ver lapas (Patella sp.), un tipo de molusco que coas súas cubertas piramidais consegue pecharse hermeticamente para resistir a falta de auga, ou arneiróns (Balanus perforatus), un crustáceo que coa súa cuncha calcárea en forma de diminutos volcáns, consegue resistir o embate das ondas. De todos modos, hai moitos máis organismos que forman parte dun ecosistema de fronteira coma este.
A praia da Nosa Señora é, tamén, un lugar especialmente apropiado para mergullarse no mar. A escasa profundidade e nitidez das súas augas fan que a costa rochosa que se estende pola marxe dereita sexa un espectáculo de gran beleza no que observar numerosas especies mariñas. Podemos ver dende algas mariñas de innumerables cores ata ourizos de mar (Paracentrotuslividus; Psamechinus miliaris; Echinus esculentus), e tamén centolas (Majasquinado), nécoras (Necora puber), ou peixes coma o sargo (Diplodussargus), a chaparela (Diplodus vulgaris), a dourada (Sparus aurata) ou o lorcho cabezudo (Gobius cobitis).
Sabías que…?
Os 500 metros da estreita canle que separan a illa de Faro da illa Sur, ou de San Martiño, agochan un dos maiores tesouros deste parque nacional: un bosque de algas xigantes do xénero Laminaria. Estas grandes algas, que poden chegara acadar os 2,5 metros de altura, son auténticas forestas que dan alimento e refuxio a numerosas especies mariñas, creando un rico ecosistema considerado, hoxe en día, unha das comunidades litorais atlánticas de maior importancia.
A Illa de San Martiño
Dende a praia de Nosa Señora vese a illa de San Martiño, a terceira das illas que conforman o arquipélago de Cíes. Totalmente protexida, só pode ser visitada en barco privado, estando o acceso limitado á praia. Na época medieval existiu nela un convento de eremitas, similar ao de Santo Estevo, e xa a finais do século XIX instalouse nela unha fábrica de salgadura con almacén e dársena. Esta fábrica, xunto coa que estaba situada no actual peirao de pasaxeiros da praia de Rodas, permaneceron activas ata principios do século XX.

Descarga aquí a quinta entrega da guía.
