A comunidade científica europea rexeita a “inxustificada oposición” ao Regulamento de uso sostible dos produtos fitosanitarios (SUR) e á Lei de restauración da natureza, propostas pola Comisión Europea no marco do Pacto Verde (Green Deal) da UE e que están en fase de debate e tramitación. Son iniciativas pioneiras que buscan reducir un 50% o uso de praguicidas químicos de aquí ao ano 2030 e restaurar os ecosistemas terrestres e marítimos danados e recuperar a natureza en Europa no horizonte do 2050. Van camiño do Parlamento Europeo.
Máis de 3.300 investigadores europeos, entre eles sete galegos, asinaron xa unha “carta aberta” na que contrapoñen datos e evidencias científicas ás críticas e descualificacións que suxiren que as novas normativas terán efectos adversos sobre a agricultura, a pesca e a sociedade en xeral e ademais ameazan a seguridade alimentaria e o emprego.
Unha das asinantes é María Jesús Iglesias Briones, doutora en Ciencias Biolóxicas e catedrática da Universidade de Vigo (UVigo), quen sinala que “cada vez que se fala de protexer a natureza e controlar os agroquímicos xérase unha batalla entre a comunidade científica e o lobby das empresas fitosanitarias que priorizan a explotación dos recursos, sen importarlles se acaban ou non con eles, ou o poñer en perigo a saúde das persoas”.
Cuestións como as consecuencias do cambio climático e a perda de biodiversidade, a seguridade alimentaria, a saúde humana ou a actividade económica (agricultura, gandería, pesca) están sobre a mesa. E a forma de afrontar estes retos condiciona o debate.
Voz independente
Para lanzar luz ao contencioso son necesarios pronunciamentos como este apoio ao Pacto Verde da UE da comunidade científica, pois como subliña Iglesias Briones “non somos un lobby, nin estamos asociados a un partido, somos unha voz independente” e expomos “enfoques holísticos” necesarios para explicar e buscar solucións a problemas que son globais.
Os científicos cuestionan os argumentos esgrimidos polos detractores das propostas normativas e así negan que protexer e restaurar a natureza e limitar o uso de agroquímicos reduza o rendemento ou a produción global agrícola e supoña unha ameaza para a seguridade alimentaria. Ao contrario, apuntan, “os principais riscos para a seguridade alimentaria derivan do cambio climático, a perda de biodiversidade e de servizos ecosistémicos como a polinización ou o control biolóxico de pragas”. Os datos falan: o 50% das terras con cultivos dependentes de polinizadores, enfróntanse a un importante déficit dos mesmos, causado polo uso abusivo de pesticidas e a destrución do hábitat.
“Cada vez que se fala de protexer a natureza e controlar os agroquímicos xérase unha batalla entre a comunidade científica e o lobby das empresas fitosanitarias”
MARÍA JESÚS IGLESIAS BRIONES, doutora en Ciencias Biolóxicas
Respecto ao impacto que terían sobre a pesca, os asinantes desta carta lembran que as zonas mariñas protexidas demostraron que son unha fórmula eficaz para incrementar o rendemento da pesca comercial nas zonas autorizadas, ao proporcionar espazos de cría para peces e invertebrados. Estamos nunha dinámica moi perigosa pois, lembran, a fracción mundial dos peixes mariños capturados de forma insostible era do 10% nos anos 70 do século XX, no ano 2017 esta porcentaxe elevouse ao 35%.
Fronte aos que alertan da perda de emprego rural, os científicos apuntan que a agricultura extensiva e a aposta pola innovación para o desenvolvemento de prácticas agroecolóxicas tenden a necesitar máis man de obra que a agricultura intensiva, que unida á globalización dos mercados, o cambio climático e o progreso tecnolóxico, está a condenar o presente e futuro do sector agropecuario.
Os opositores ao SUR e á SNL alertan do elevado prezo a pagar se estas normativas de restauración da natureza e control do uso de produtos fitosanitarios chegan a bo termo. Unha advertencia que os científicos rexeitan, pois tal como lembran “o modelo de produción actual é caro, insostible a longo prazo e con custos de degradación ambiental engadidos”.
“O modelo de produción actual é caro, insostible a longo prazo e con custos de degradación ambiental engadidos”
Por outra banda, os asinantes aseguran que é falso que as novas normativas poñan en dúbida a seguridade alimentaria no mundo, pois esta seguridade non está directamente ligada á produción europea de alimentos, se non que vén determinada, entre outras causas, pola accesibilidade aos alimentos ou o seu desperdicio, ou polo elevado consumo de carne nos países industrializados.
Lamentan, así mesmo, que se tente frear as regulacións coa guerra de Ucraína, apelando a unha posible escaseza de produtos básicos (cereais) en Europa. Un perigo que a realidade desmentiu pero que, con todo, esgrímese como argumento para pedir unha excepción á obrigación de deixar o 4% das terras cultivables en barbeito, claves xunto con outras zonas de interese ecolóxico, para manter a biodiversidade e servizos ecosistémicos. Nestas zonas o cultivo de cereais é insignificante.
Diante da polémica aberta conclúen: “Para facer fronte aos retos que temos por diante, tanto a restauración eficaz dos hábitats naturais degradados como o cambio de paradigma cara a un uso sostible dos recursos, son enfoques esenciais para satisfacer as necesidades dos consumidores e dos produtores, tanto de dentro como de fóra da UE, fronte o proceso de cambio global no que estamos inmersos”.