A etiqueta verde ou bio está presente en case todos os produtos que consumimos. De alimentos á roupa que vestimos. Mesmo nos produtos e elementos aos que darlle un alcume como tal sona a contradición, a oxímoro; como os ecocombustibles ou os plásticos verdes. Agora, unha investigación da Universidade de Vigo vén de pór de manifesto que as bolsas biodegradables ou os ecoenvases poden ser máis contaminantes que os plásticos convencionais por presentar niveis de toxicidade máis altos que, ademais, libéranse ao medio máis rápido. E fano, precisamente, polas propiedades dos aditivos potencialmente perigosos que, nalgúns casos, se introducen para acelerar o proceso de descomposición.
Estas conclusións forman parte dun estudo realizado dentro dun proxecto europeo coordinado desde Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT), do Centro de Investigación Mariña (CIM), baixo o liderado do seu director, o catedrático de Bioloxía da Universidade de Vigo, Ricardo Beiras. Unha iniciativa europea dotada con 5 millóns de euros de orzamento para analizar o impacto dos plásticos nas nosas vidas na que tamén participa a Universidade da Coruña.
Os traballos, publicados recentemente na revista científica Aquatic Toxicology, suman unha nova liña á evidencia, cada vez máis asentada, de que os novos plásticos bautizados como verdes ou eco son quimicamente máis inseguros que os tradicionais. E que os mecanismos de control administrativo sobre os elementos que se empregan para facelos non están o suficientemente afinados para evitar que compoñentes potencialmente perigosos se comercialicen.
“É moi difícil estudar a priori as consecuencias dalgunhas sustancias. Os efectos son moi complicados de analizar a curto prazo, requiren de anos de exposición“, sinala o profesor Ricardo Beiras, que ve necesario que as institucións melloren os controis aos comercializadores, xa que algunhas do millar de sustancias químicas que a industria está autorizada a empregar como aditivo poden ser perigosas. “Dentro delas hai disruptores endocrinos que alteran o metabolismo das hormonas”, engade.
A investigación levada a cabo desde a sede do ECIMAT na illa de Toralla da ría de Vigo supón un novo fito no estudo das consecuencias para os ecosistemas que causan os novos compoñentes de envases, bolsas ou utensilios de usar e tirar como vasos, pratos ou cubertos. Está comprobado que axudan a reducir a presenza de plásticos nos medios pola súa capacidade para biodegradarse. Pero as dúbidas residen na toxicidade destes compoñentes polos aditivos químicos que se lle engaden para que o produto final cumpra cos requisitos do mercado.

“Os plásticos convencionais teñen o problema de que non se degradan ou tarda moitísimo tempo en facelo”, apunta Beiras sobre a dobre vertente da contaminación: a persistencia ambiental dos contaminantes e as toxicidades, dúas cousas “moi distantes”. No caso dos plásticos, o problema fundamental é que tardan en degradarse moitos anos no medio natural. Para enfrontar este asunto, as administracións fomentaron o desenvolvemento doutro tipo de envases que tardasen menos tempo en desaparecer. A resposta da industria foron novos polímeros con capacidade para biodegradarse.
Do politeleno a novos materiais
As normativas europeas dos últimos anos buscan desprazar ao politileno, o plástico por excelencia para envases. Na lista están poliésteres derivados do petróleo (como o polibutileno-adiptao-tereftalato, máis coñecido polas siglas PBAT) e procedentes da biomasa (como o ácido poliláctico ou PLA), así como polímeros naturais modificados, como o almidón, que se mesturan en distintas proporcións ata acadar un equilibro entre resistencia mecánica, orixe biolóxico e compostabilidade.
Os investigadores analizaron o xeito en que se descompoñen estes elementos empregados nos envases ca etiqueta verde. Baseándose en estudos previos que analizaron os procesos de descomposición dos plásticos para compostaxe no ámbito doméstico e no industrial, chegaron á conclusión de que os novos materiais poden liberar máis tóxicos ao medio natural, especialmente nos mares.
Nas análises de toxicidade feitas empregando a proba do embrión de ourizo de mar, todos os novos materiais deron valores de perigo químico (coñecidos polas súas siglas en inglés CHI) dúas ou tres veces superiores aos dos plásticos convencionais. Asi, os artigos de poliestileno analizados, incluídas mostras recicladas e outras oxodegradables, non deron positivo nas probas de ecotoxicidade en vivo, que serve para medir o impacto tóxico dos químicos nos ecosistemas.
Pola contra, os seis materiais con maior concentración de ftalatos de categoría 1 (que se empregan para mellorar a flexibilidade e durabilidade) foron plásticos alternativos. Entre eles, algúns dos elementos máis cotiás que empregamos nas nosas vidas e que gozan da categoría de elementos verdes, como o saco reciclado, os coitelos compostables, a resina PHB e as bolsas de lixo compostables para uso doméstico.
Os aditivos
“Para facer un plástico que se poida degradar hai que empregar sustancias químicas para que estes polímeros, que son máis delicados que o polietileno, non rompan”, indica o profesor Beiras, que pon como exemplo as bolsas compostables que podemos atopar hoxe en día nas froiterías.

Análises en laboratorio e en ecosistemas veñen a constatar nos últimos anos que os novos plásticos desencadean unha citotoxicidade máis alta que os convencionais. Isto débese aos aditivos que a industria emprega para atallar os problemas que presentan os compostos biodegradables en termos de utilidade.
Ademais, estes plásticos tamén presentan outras carencias que poden requirir de máis aditivos. É o caso das películas a base de alginato, que non teñen propiedades antimicrobianas nin de barreiras de raios ultravioletas, polo que se lle engaden protectores de luz como partículas de óxido de zinc (ZnO).
Pero non só se trata dun problema dos aditivos que se lle enganden aos bioplásticos. O estudo conclúe que, mesmo se os materiais compostables levasen os mesmos aditivos que os convencionais, o seu potencial de liberación de tóxicos ao medio ambiente é probable que sexa maior. A resposta está no seu propio fin: que están feitos para degradarse.
Sen normativa de control
Para o profesor Ricardo Beiras existe un problema nos mecanismos de control dos elementos que a industria pode empregar para fabricar estes novos polímeros. O estudo pon o foco en que non existen regulacións que restrinxan o uso de sustancias químicas como aditivos plásticos alén dos materiais en contacto con alimentos, xoguetes, biberóns ou dispositivos médicos.
O Programa de Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) ten identifacadas máis de 13.000 sustancias químicas vinculadas aos plásticos. Delas, 3.200 son potencialmente perigosas. A nivel europeo, máis de 900 están autorizadas para que poidan ser empregadas en materiais que entren en contacto con alimentos. Incluídas algunhas que actúan como disrutores endocrinos, como so ortoftalatos de baixo peso molecular.
“Hai que mellorar os controis que a priori se lle realizan aos comercializadores. Vese moito nos plásticos, pero pasa en xeral con todos os procesos artificiais”, conclúe Ricardo Beiras, que cre que, na actualidade, a cantidade de probas que se esixen non son suficientes.














