José María Baleato, artesán da precisión

Un brillante fabricante de instrumentos náuticos e cartográficos científicos desde Ferrol

Foi un gran construtor de trebellos náuticos de precisión, nunha época na que se estaba a revolucionar a navegación ao tempo que o mundo abría as súas costuras aos catro puntos cardinais. Nacido en Ferrol en 1743, pertenceu a unha escola de antigos artesáns que sobresaíron nos estaleiros más importantes do momento dos primeiros Borbóns.

Fillo dun construtor de instrumentos náuticos, Baleato entrou no Arsenal ferrolán en 1762 e destacando na carpintería, cerralleiría e fundición de metais, acadando o grao de Mestres. Tamén destacou no eido da mecánica, fabricando bombas con tecnoloxía inglesa para apagar incendios ou outras máquinas importantes para a construción naval na Armada.

Publicidade

A finais de 1785, Baleato marcha a Londres co seu fillo Vicente (tamén empregado do Arsenal) para instruírse na construción de instrumentos náuticos e matemáticos e familiarizarse no uso da máquina de dividir limbos graduados, fabricada por J. Ramsden en 1768, que a Mariña tiña moito interese en adquirir.

Ao longo destes case dous anos dedícase ao coñecemento e estudio dos instrumentos náuticos, matemáticos e astronómicos, e das súas mans saen quintantes, sextantes, oittantes así como teodolitos e pantógrafos. Eran a instrumentación necesaria para a revolución científica da xeografía que se estaba a vivir a finais do século XVIII.

Publicidade

Agulla acimutal de Baleato.

Grazas á súa experiencia, ao seu regreso a Ferrol Baleato é nomeado director do obradoiro de instrumentos náuticos do Arsenal, mentres que a precisión dos seus traballos comeza a darlle sona por todo o país, sendo moi apreciado o seu material entre os mariños.

Nunha lista elaborada polo Arsenal de Ferrol en 1796 rexístranse preto de douscentos aparatos construídos na fábrica durante os nove primeiros anos de funcionamento, entre os que figuran numerosos sextantes e octantes, teodolitos, pantógrafos, transportadores de planos, emísgrafos, termómetros, máquinas de dividir, barómetros, unha balanza, un grafómetro, etc., elaborados para as Compañías e Academias de Guardias Marinas de Ferrol, Cádiz e Cartaxena, e para corvetas e barcos de oficiais e pilotos da Armada e de particulares.

A petición do subinspector do Arsenal, José Ezquerra, construíu un quintante, adaptando outro que o propio subinspector trouxera de Inglaterra. O novo quintante foi probado polo director do Observatorio Astronómico de Guardias Marinas de Madrid, que o devolveu en agosto de 1797 cun informe favorable. Este quintante consérvase no Museo Naval de Ferrol.

Sextante de Baleato.

Pero tamén hai pezas importantes de Baleato noutros museos, como é o caso do sextante do Museo Naval de Madrid. Trátase dun instrumento científico utilizado para medir e construír ángulos, preciso, lixeiro e de fácil transporte que se emprega fundamentalmente na mar para medir distancias angulares e alturas de astros e así determinar a situación do observador, despois de realizar o correspondente cálculo co auxilio das efemérides astronómicas publicadas nos almanaques náuticos, ás horas proporcionadas polos cronómetros. Estas medicións eran necesarias á hora de construír cartas náuticas.

Ferrol e os grandes estaleiros navais.

Este tipo de instrumento está composto por un bastidor metálico de forma de sector circular que empezou sendo de 60° de amplitude. Na súa cara anterior, está encaixado un limbo de prata sobre o cal escorrega a  alidada, que vira ao redor do centro da circunferencia do limbo. Perpendiculares ao plano do limbo están os espellos; un incorporado á  alidada e outro a un dos brazos do bastidor. Ao outro brazo do bastidor está incorporado un  anteollo astronómico. O movemento do  anteollo en sentido paralelo ao plano do instrumento foi ideado polo xeneral da Armada José de Mazarredo en 1790, quen así o suxeriu ao fabricante británico John  Bird (1709-1776), primeiro en introducir este perfeccionamento no  sextante. A peza que se exhibe no Museo Naval de Madrid foi realizada polo técnico e fabricante de instrumentos español José María Baleato no Arsenal do Ferrol.

Tamén se conserva no museo madrileño outra peza de Baleato, un medidor de ángulos horizontais provisto dunha agulla e utilizado para medicións topográficas.

En 1799, Baleato ubicou no Faro da Torre de Hércules, o fanal que foi construido na capital británica.

Estivo casado con María Espinosa de los Monteros del Calafate, coa que tivo unha filla que chamou María Josefa. Outro fillo seu, Andrés Baleato (Ferrol, 1766), piloto e cartógrafo, destacou no levantamento de mapas e cartas náuticas do Vicerreinato de Perú.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas