Máis árbores e menos asfalto: así deberían ser as cidades galegas para combater as vagas de calor

A subida das temperaturas a nivel global fai cada vez máis necesaria a existencia de medidas de mitigación das altas temperaturas nas urbes

A amplificación de zonas verdes, espazos con auga e o redeseño das vivendas son algunhas das medidas que axudarían a combater as vagas de calor nas urbes
A amplificación de zonas verdes, espazos con auga e o redeseño das vivendas son algunhas das medidas que axudarían a combater as vagas de calor nas urbes

As altas temperaturas que estamos a experimentar nas últimas semanas supoñen un risco para a nosa saúde e son só unha pequena demostración do escenario que nos agarda nos próximos anos. A pesar de que as vagas de calor non son directamente atribuíbles ao cambio climático, os expertos advirten de que a súa frecuencia e cada vez maior duración no tempo ten moito que ver con esta emerxencia mundial e que, se non se levan a cabo as medidas pertinentes para diminuír os seus efectos negativos, a subida das temperaturas será cada vez de maior intensidade e risco no futuro. “Moi pouca xente en Galicia vivira antes unha temperatura diúrna e nocturna tan elevada. Cómpre comezar a tomar medidas de adaptación e mitigación do cambio climático”, expón Dominic Royé, climatólogo e investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Dalgunha maneira, é preciso redeseñar as nosas cidades.

En Galicia, o Informe de Evidencias e Impactos do Cambio Climático (CLIGAL) indica que hai evidencias dun aumento da temperatura media, sobre todo no verán, do aumento da frecuencia de días e noites cálidas e un descenso das noites frías. Desta forma, a finais do século XXI espérase que Galicia continúe na mesma tendencia que o resto do mundo, aumentando cada vez máis a cantidade e intensidade das vagas de calor no verán. Ante esta problemática o Servizo Galego de Saúde expresa na súa páxina web a necesidade de establecer solucións efectivas, que deberían estar destinadas a mellorar as vivendas, a xestión das enfermidades crónicas, a atención institucional a anciáns e persoas vulnerables, entre outras. Todo isto xustifica o deseño de actuacións de prevención e control da vaga, que nos permitirían anticiparnos aos efectos negativos que esta podería ter sobre a saúde da poboación galega.

A importancia das zonas azuis

Algunhas das medidas que poderían axudar a curto e medio prazo a combater os días máis calorosos do verán, nos próximos anos, teñen que ver coa habilitación de espazos verdes nas cidades. As superficies sombreadas pola vexetación arrefrían as rúas e zonas exteriores e, ademais, protexen dos raios do sol. Por outro lado, a existencia de árbores mellora a calidade do aire e reduce a contaminación. “Tamén serían necesarias a existencia de máis zonas azuis entre os edificios, por exemplo”, explica o climatólogo. As superficies de auga e corredores fluviais non son únicamente elementos decorativos, tamén contribúen a mitigar a calor e reducir as temperaturas, xa que refrescan e humidifican o aire.

En 2021, Nacións Unidas presentou durante a Cumbre do Clima de Glasgow (COP26un manual que inclúe exemplos de metrópoles que promoveron medidas para acadar unha refrixeración urbana sostible e equitativa co obxectivo de reducir as emisións e aumentar a resiliencia climática das zonas urbanas. Ademais, un estudo publicado na revista Nature indicou a relación que ten a existencia de zonas verdes e a redución da temperatura media nas cidades. A través da recollida de datos de case 300 cidades europeas, os investigadores evidenciaron que as árbores mitigaban a sensación térmica de moita calor, sobre todo nas cidades onde é máis frecuente chegar a temperaturas extremadamente altas, como é o caso de Madrid en España.

“Plantar árbores é unha opción rápida de mitigación, sobre todo para paliar a calor, pero non é a única solución”, explica o climatólogo. A maioría das cidades galegas foron construídas para combater as recorrentes choivas, pero non a extrema calor. Por este motivo, existen gran parte de zonas exteriores formadas por asfalto, que provocan o aumento das temperaturas. “Este material o que fai é reter a calor durante todo o día e, logo, vaina soltando durante a noite, o que eleva a temperatura mínima nas urbes e impide que esta poida baixar”, explica o investigador. Neste caso, unha solución sería habilitar máis zonas de céspede e terra, que son solos húmidos e frescos que tamén axudarían a baixar a sensación térmica no verán.  

Cambio estrutural nas urbes galegas para loitar contra a calor

Ligado a esta problemática, Unicef explica na súa páxina web un concepto clave: a illa de calor. Trátase dun fenómeno urbano nocturno producido pola acumulación de calor na superficie e atmosfera da cidade e que provoca un aumento da temperatura polos materiais da cidade e da actividade humana. Este efecto, tal e como indican os expertos, aumenta co tamaño da cidade: a medida que a urbe medra, tamén o fai a súa illa de calor. En contraposición, as zonas rurais non sofren do mesmo modo estas vagas de calor, xa que a terra e a vexetación que as rodea impiden que a temperatura aumente desproporcionadamente.

É o certo é que os materiais que conforman as cidades actuais son maioritariamente formigón, cemento e asfalto, utilizados para a construción de edificios densos e compactos que poidan gardar a calor en inverno. Porén este tipo de edificacións non están preparadas para conseguir un ambiente temperado durante as vagas de calor. “O cambio real conseguirase cando se leve a cabo un redeseño das cidades actuais, que busquen manter unha temperatura estable todo o ano“, expón o investigador. “Ter aire acondicionado é a opción máis barata. O difícil —pero efectivo— sería darlle unha volta á construción das vivendas, á planificación urbana en xeral”, engade.

“O aire acondicionado é un aparello que emite frío cara ao interior da vivenda pero solta calor cara a rúa”

DOMINIC ROYÉ, climatólogo e investigador da USC

Por outro lado, cando chega un día de moita calor, o primeiro que se adoita facer é poñer o aire acondicionado e, tal e como indican os expertos, este é un problema de base que habería que comezar a cambiar. A explicación é sinxela: “Trátase dun aparello que ten un efecto contraproducente, pois emite frío cara ao interior da vivenda pero, ao mesmo tempo, solta calor cara a rúa“, advirte Royé. Ademais, depende do uso de electricidade para funcionar, que na maioría de casos, é xerada a través de combustibles fósiles que liberan á atmosfera gases de efecto invernadoiro, o que fai incrementar os efectos do cambio climático. “Mitigación tamén é intentar reducir as emisións, non só na cidade per se, tamén no interior das propias vivendas”, explica Royé.

2 COMENTÁRIOS

  1. E sabenddo isto porque os concellos ( como o de vigo ainda que non e o unico)estanse desfacendo d e esas pequenas y fermosas zonas verdes que alegraban as nosas prazas e cambiandoas por horribles xardineras co o pretexto do mantenimiento e a excusa de que os arbres estan enfermos a min pareceme que os que están enfermos son os xestores que toman estas decisions
    Claro que hai honrosas excepcions como o da estrada donde mirei que fixeron reformas na praza da feira donde cambiaron o asfalto por una zona de terra

    • Sencillo porque hay que hay que mantenerla y da poco beneficio politico. Da mas beneficio politico poner jardineras y tener que cambiar cada poco tiempo las flores o plantas. Ademas se trata de hacer una ciudad bonita, que no quiere decir que sea habitable. Vigo pasa por ser la ciudad que ha talado arboles bi centenarios protegidos durante los dias de confinamiento estricto. Ha sido la ciudad que ha creado una via verde sin zona de arboles ni sombra. Es la ciudad sin fuentes para beber, con mas carriles de coche y mas trafico intenso que genera mas polución y es la ciudad que mas maltrata a sus ciudadanos. Teneis pocas alternativas. Suerte.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.