Galicia rompe récords históricos de temperaturas

A alerta vermella mantense hoxe en Valdeorras e nas zonas do Miño en Ourense e Pontevedra, que volverán superar os 40 graos

A calor é insorportable. Malia que o verán adoita ser sinónimo de altas temperaturas, ninguén recorda un fenómeno semellante ao que está a afectar a Galicia. De feito, esta vaga de calor xa se considera histórica, posto que está a romper todos os récords rexistrados. A propia Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) informa hoxe a través do Twitter de que Ourense alcanzou a temperatura máxima absoluta da serie histórica e Arnoia, segundo Meteogalicia, chegou aos 43.7 graos. Ademais, os 40 graos superáronse en boa parte do interior e do sur da comunidade nunha situación de precedentes. A onda de calor, lonxe de remitir, seguirá afectando a Galicia o resto da semana. De feito, Meteogalicia volve activar hoxe a alerta vermella en Valdeorras e as zonas do Miño de Ourense e Pontevedra.

“Con este episodio de calor non é que se nos acaben os cualificativos. O que se acaba é a escala de temperatura”. Así resume Meteogalicia en poucas palabras unha vaga de calor extrema, intensa e prolongada. Sobre todo, porque estas altas temperaturas non só son abafantes durante o día, senón tamén durante a noite. A calor non dá tregua e dificulta tremendamente o descanso. A propia AEMET informa hoxe das temperaturas mínimas que se rexistraron esta noite en Galicia, con valores superiores aos 20 graos en moitos puntos da comunidade. De feito, esta marca é suficiente para ser considerada “noite tropical”. Así aconteceu en Lalín, con 24.3 graos ou en Pontevedra, con 24.9 graos. Este último valor xa está próximo aos 25 graos, que se superaron na zona do Baixo Miño, acadando os 28.4 graos. Unha temperatura excesiva que xa dá conta do que se denominan “noites tórridas”.

Publicidade

Á dereita, temperaturas mínimas rexistradas onte en Galicia. Á dereita, as máximas. Crédito: AEMET

Máis de 35 graos ás 10.30 horas

No que respecta á situación de hoxe, as imaxes de satélite mostran unha xornada con algunhas nubes altas e brétemas costeiras no litoral norte e noroeste. Con todo, Meteogalicia asegura que volverá ser un día forte de calor, posto que xa nas primeiras horas da mañá se rexistraban temperaturas moi por enriba dos valores habituais. De feito, a estación de Lira, en Carnota, xa rexistraba 35.2 graos ás 10.30 horas, segundo Meteogalicia. Ademais, as temperaturas máximas volven dar conta do ascenso sostido dos termómetros. Ourense volverá aos 43 graos e Lugo estará nos 39º. Pontevedra e Santiago chegarán aos 38 graos, Vigo rexistrará un menos e Ferrol estará nos 35 graos. A Coruña será a única por debaixo dos 30 graos, non superando os 27. Respecto ás mínimas, Vigo vivirá unha “noite tórrida” con 27 graos. Ourense, Pontevedra e Santiago superarán os 20. Lugo, Ferrol e A Coruña poderán descansar mellor, con valores por debaixo dos 18 graos.

Ante estes avisos por altas temperaturas, que non remitirán antes do final da semana, cabe recordar unha serie de recomendacións para que a cidadanía poida combater mellor a calor abafante. Segundo o comunicado lanzado onte pola Xunta de Galicia, deberíanse beber máis líquidos do habitual, evitar alimentos e bebidas moi azucradas, comer froita e verdura e evitar comidas copiosas, vestimenta folgada e lixeira de cores claras, evitar as actividades físicas nas horas centrais do día, entre outras. Por suposto, será imprescindible extremar a precaución en persoas con risco de padecer episodios graves relacionados coa calor, como son os menores de 5 anos, persoas maiores e aquelas con enfermidades crónicas como diabetes, hipertensión arterial, obesidade, enfermidades respiratorias, cardiocirculatorias ou mentais.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período

Galicia activa o sistema de alerta ante episodios de calor tras un mes de maio “moi cálido”

O último informe de Meteogalicia recolle o evento extraordinario de altas temperaturas rexistrado durante o mes pasado, que deixou máximas de 37,5 graos en Ourense

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño

▪️ O episodio de calor dispara os termómetros: toda Galicia rexistrará máximas por enriba dos 30 graos

MeteoGalicia activa avisos amarelos que afectarán especialmente no interior, onde tamén se agardan tormentas localmente fortes con sarabia