Sábado 2 Marzo 2024

Estas foron as últimas vagas de calor que superaron os 40 graos en Galicia

Dende o ano 2000 houbo ata cinco episodios de calor extrema similares aos que se están a vivir esta semana na comunidade

Os veráns sempre adoitan ser solleiros e calorosos, mais dende finais do século XX e comezos do século XXI os expertos observan un aumento progresivo dos episodios con temperaturas anormalmente altas. Durante toda esta semana Galicia vai acadar cifras xeneralizadas por riba dos 42 graos, sendo o venres o día no que se rexistren as temperaturas máis altas da comunidade. As provincias de Pontevedra e A Coruña permanecerán as próximas xornadas en alerta laranxa e os municipios ourensáns estarán en risco por alerta vermella. Mais esta vaga de extrema calor non foi a única que sucedeu en Galicia nos últimos anos, nin será o único verán no que saír da casa será todo un acto de valentía.

O aumento da intensidade das vagas de calor na península ibérica aumentará nun 104% entre 2021 e 2050. A extensión media das ondas de calor para o período 1971-2000 aumentou nun 1,71% por década e espérase que continúe no futuro, aumentando entre o 6% e o 8% por decenio para o valor de extensión máxima. Os resultados apuntan cara a un aumento significativo na intensidade, frecuencia, duración e extensión das ondas de calor na Península Ibérica para o século XXI.

Publicidade

Este fenómeno, que está a ocorrer cada vez con maior frecuencia nas últimas décadas, débese a unha expansión da dorsal africana (anticiclón) cara ao norte, o que provoca que unha masa de aire cálida invada pouco a pouco na Península, chegando tamén á comunidade galega. Ademais, o cambio climático producido en gran parte polas emisións de gases de efecto invernadoiro da actividade humana, xoga un papel importante no incremento das temperaturas globais, de forma que os veráns cada vez serán máis calorosos e chegar aos 42 graos de máxima poderá volverse ata algo habitual en Galicia.

Os veráns máis calorosos, dende o 2000 ata hoxe

Facendo una recompilación das vagas de calor máis intensas en Galicia dende o ano 2000 ata o 2022, MeteoGalicia indica que o último rexistro de calor abafante foi en agosto de 2018, no que as temperaturas superaron na comunidade os 42 graos durante tres días consecutivos. A Xunta lanzaba a principios de mes un comunicado alertando desta posible onda de calor que asolou, sobre todo Ourense, Pontevedra, sur de Lugo e Valdeorras, onde chegaron a superar os 40 graos de máxima e os 20 de mínima. Outros puntos do sur e centro da comunidade tamén rexistraban temperaturas altas para a época, superando os 35 graos de máxima.

No verán de 2016 Ourense presenciaba xornadas de extrema calor, acadando os 44,2 graos o 7 de agosto.

Anterior á vaga de 2018, o mundo vivía un dos veráns máis calorosos no ano 2016. Xullo rexistraba o mes máis caloroso dos últimos 136 anos a nivel global, dende que se ten rexistro de datos, dacordo coa análise mensual da temperatura global da NASA. En Galicia as temperaturas chegaban ao seu récord, sendo Ourense onde se rexistraron xornadas de extrema calor, acadando os 44,2 graos o 7 de agosto. Como indicaba no seu momento AEMET, ese mesmo día en Vigo rexistrábanse 40,8 graos, o que constituía un novo máximo absoluto dos datos medidos desde o ano 1956, ao superar en 3 graos ao anterior rexistro observado en agosto de 2013. En 2016, o interior de Galicia superaba os 40 graos a comezos de setembro.

Dende MeteoGalicia explican tamén que a anterior data na que se superaron os 40 en Galicia foi no verán de 2006. En xullo acadábanse os 40,5 graos na provincia de Ourense e superábanse os 35 graos en practicamente toda a comunidade. No ano 2003 tamén rexistraba unha vaga de calor aínda que máis suave, con máximas de 39 e 40 graos no interior. Porén, estas xornadas de moita calor destacaron por abarcar ata 16 días consecutivos.

Tendo en conta as advertencias de MeteoGalicia, que indican que a actual onda de calor durará ata o próximo domingo e que Galicia se atopa en nivel 3 por risco de altas temperaturas en case toda a comunidade, a Xunta lanzou un comunicado no que indicaba varias recomendacións para que a cidadanía combatese mellor a abafante calor. Entre estes consellos destacan os seguintes: beber máis líquido do habitual, evitar alimentos e bebidas moi azucradas, comer froita e verdura e evitar comidas copiosas, vestimenta folgada e lixeira de cores claras, evitar as actividades físicas nas horas centrais do día, entre outras. Ademais, aínda que estas recomendacións están dirixidas á poboación en xeral, terase que extremar a urxencia nas persoas con risco de padecer episodios graves relacionados coa calor, como son os menores de 5 anos, persoas maiores e aquelas con enfermidades crónicas como diabetes, hipertensión arterial, obesidade, enfermidades respiratorias, cardiocirculatorias ou mentais.

https://twitter.com/112Galicia/status/1546792523753959424

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha profunda borrasca atlántica azouta Galicia esta fin de semana con chuvia, vento e neve

O centro de baixas presións situado sobre Irlanda enviará unha fronte fría na madrugada do sábado
00:03:05

R de Revolta: o autogoberno irmandiño de “todos á unha”

Entre 1467 e 1469 a rebelión do poder popular arremeteu contra as fortalezas do Reino, o símbolo material da violencia dos señores

A borrasca Louis activa a alerta vermella en Galicia por ondas de ata 8 metros

As baixas presións situadas en Islandia provocan un forte temporal marítimo e envían chuvia, vento e neve ao noroeste peninsular

Unha potente borrasca traerá chuvia abundante e desplome de temperaturas a partir do xoves

Galicia acadará os 22 graos entre luns e martes mentres que a fin de semana estará marcada por un "temporal invernal"