Galicia, no primeiro mapa de postas

O cartógrafo Alexis-Hubert Jaillot deseñou este espectacular trazado do país

É o primeiro mapa que representa o roteiro das postas en Galicia, o servicio de correos que permitía artellar as comunicacións do país coa Meseta. Foi coa chegada da dinastía Borbón, co rei Felipe V, cando o Servizo de Correos pasou a ser responsabilidade do Estado. Deste xeito, a publicación do primeiro mapa de postas no ano 1721 coincide no tempo coa recuperación por parte da Coroa do Servizo de Correos dentro da reforma xeral da Administración emprendida polo novo Estado borbónico e ao Regulamento Xeral do Correo de 1720.

A súa elaboración foi ordenada polo Marqués de Grimaldo, Primeiro Secretario de Estado no reinado de Felipe V. Considerado o primeiro mapa de postas da península Ibérica, esta obra reflicte a orixe do Correo concibido como un Servizo público.

Publicidade

O mapa foi realizado por un importante cartógrafo e editor francés, Alexis-Hubert Jaillot, quen destacaba pola magnífica factura dos seus gravados e a súa luxosa decoración. Na cartela en cornucopia barroca podemos ler o título do mapa, acompañado do escudo da Casa de Borbón, flanqueada por dous heraldos con trompetas. Na base da cornucopia dous postillóns levan da brida senllos cabalos. O mapa quere así salientar a importancia da Casa Borbón como máxima responsable do Servizo de Correos.

Alexis-Hubert Jaillot.

No mapa establécense os itinerarios de Postas en forma radial co centro en Madrid. Denominada como a Carreira do Noroeste, ou de Galicia, presenta un tronco común ata a posta de Ataquines pasando polas de Escorial – Guadarrama – Espinar – Villacastin – – Adanero e Arévalo. Desde a posta de Ataquines continúa o itinerario para Galicia por Medina del Campo – Val de Castilla – Beja de Troncos – Villalpando – Benavente – Labanera – Val de Launuro – Foncebadón – Ponferrada – Villafranca – Tabadellos – Zebrero – Fuenfria – Gallegos – El Ospital – Geteri – Betanzos – Burgo – Torrio e Coruña. Desde Ponferrada parte unha transversal desta Carrera para comunicar a Pontevedra pasando polas postas de Las Barinas – Casabraira – Zarraceda – Orense – Rosamonde – ¿? – Franquera – Pontares – Sorrino – Redondela e Pontevedra. Esta é a grafía que aparece no mapa, aínda que evidentemente non coincida coa toponimia correcta en moitos casos, por exemplo con Pontares pola correcta Ponteareas.

Publicidade

As casas de postas eran xestionadas polos mestres de postas que tiñan ao seu cargo as cabalerías e os postillóns. A súa responsabilidade era o cambio de cabalerías. O postillón era o encargado de acompañar aos correos ata a posta seguinte e unha vez feito o cambio regresaban, a ritmo lento, co seu cabalo e o do correo. Utilizaba un instrumento de vento, unha corneta que facían soar para avisar da súa chegada.

O Correo Maior era o auténtico xefe de Correos e tiña como función asegurar un transporte do correo seguro, dependendo directamente do Rei cunha gran responsabilidade e converténdose nun cargo de confianza con grandes privilexios.

Alexis Hubert Jaillot (1632-1712) foi, xunto con Nicolás Sanson (1600-1667) e os seus descendentes, un dos principais protagonistas do renacemento cartográfico francés no século XVII. Grazas á súa activa política comercial conseguiu que o centro editorial da cartografía pasase de Amsterdam á capital francesa a finais do século XVII.

O autor deste mapa de postas orixinalmente era escultor pero interesouse polos temas cartográficos tras o seu matrimonio coa filla de Nicolas Berey (1606-1665), un famoso iluminador de mapas e, máis adiante asociouse como editor cos fillos de Nicolas Sanson: Guillaume (1633-1703) e Adrien (1639-1708). Xuntos formaron un taller que, a partir de 1669, procedeu ao regrabado, ampliación e republicación dos mapas do pai en forma de follas soltas e de atlas.

A obra de maior importancia foi o Atlas Nouveau (1674) que gozou dunha gran reputación na época, chegando a ser considerado como o mellor do mundo. Aínda que sen formación cartográfica, o acceso ás panchas de Sanson permitiulle a Alexis Hubert Jaillot publicar numerosos mapas e atlas con só lixeiras modificacións e actualizacións dos orixinais. Con todo, como escultor e artista que era si que soubo enriquecelos con abundante decoración. En 1686 foille concedido o título de Geographe du Roi.

Entre os seus traballos queda este primeiro mapa de postas que retrata as comunicacións do correo en Galicia no século XVIII e a súa comunicación coa Meseta.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas