Sábado 20 Abril 2024

O mexillón de río, en situación crítica: un equipo galego avanza na súa conservación

Investigadores da USC melloran as condicións de cultivo do bivalvo ‘M. margaritifera’, e incrementa en 70.000 individuos o stock de xuvenís

O grupo de investigación Conservación de Peixes e Moluscos (CoPeMol) da Universidade de Santiago (USC) mellora os parámetros de supervivencia do bivalvo de auga doce Margaritifera margaritifera, e incrementa en máis de 70.000 individuos o stock de xuvenís dunha especie que, dada a súa alta capacidade filtradora, vela pola calidade do hábitat fluvial, ao abeiro do proxecto MargaSalmo. Os avances acadados a través desta iniciativa de I+D, financiada pola Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica, insuflan a este mexillón de río renovadas esperanzas de vida e de permanencia nos leitos fluviais de Galicia, segundo sinala a profesora da área de Zooloxía na Facultade de Veterinaria da USC e coordinadora de CoPeMol, Paz Ondina Navarret, que liderou ao longo do último bienio este proxecto, no que tamén participaron os grupos de investigación en Anatomía Patolóxica Veterinaria (Gapavet) e Ambiosol da USC. 

Unha especie singular

M. margaritifera é un bivalvo de auga doce cun tamaño similar ao de mexillón de mar. Trátase dunha especie caracterizada por unha extraordinaria lonxevidade, que incluso pode superar os 100 anos de vida, cuxa presencia é indicadora da boa calidade do hábitat fluvial, explica Ondina. En condicións idóneas, engade esta investigadora da USC, as colonias de M. margaritifera forman extensas alfombras de individuos que, semienterrados no leito do río e cunha alta capacidade filtradora, funcionan como os ris do ecosistema e puntos quentes de biodiversidade. Este mexillón de río posúe asemade un ciclo vital singularizado pola presenza dunha larva parasita (gloquidio) dos salmónidos autóctonos, en cuxas branquias se desenvolve durante un período de nove meses ata desprenderse como xuvenil, cun tamaño inferior ao medio milímetro.  

Publicidade

A situación crítica desta especie de bivalvo de auga doce en Europa é consecuencia, cando menos en parte, do alarmante ritmo de extinción das súas poboacións, unha realidade á que compre sumar unha marcada ausencia de recrutamento en todo o seu rango de distribución. En Galicia, o grupo de Conservación de Peixes e Moluscos coordina, a través dun convenio coa Consellería de Medio Ambiente, a estación de cultivo de M. margaritifera, unha planta emprazada no Veral (Lugo), na que se realizan diferentes investigacións enfocadas a afondar no coñecemento da bioloxía da especie, deseñar técnicas e protocolos dirixidos a producir exemplares para reforzar as súas poboacións e a implementar diferentes estratexias de conservación ex situ.  

Na actualidade mantéñense en catividade preto de 90.000 xuvenís procedentes de sucesivas cohortes

A profesora Ondina Navarret salienta neste senso os importantes logros do proxecto MargaSalmo, que chega ao seu remate logo de favorecer un considerable incremento do stock de xuvenís de M. margaritifera. As modificacións levadas a cabo no equipamento da estación durante este último período, sumadas á experiencia adquirida polo grupo de traballo nun proceso altamente especializado, lograron mellorar tanto as técnicas como as condicións de cultivo. Estes avances, precisa a investigadora, repercutiron nuns notables resultados en relación aos parámetros de supervivencia e crecemento dunha especie da que, na actualidade, se manteñen en catividade e con diferentes técnicas, preto de 90.000 xuvenís procedentes de sucesivas cohortes.  

O 80% desta produción corresponde aos resultados do proxecto MargaSalmo, salienta a coordinadora do grupo CoPeMol da USC, para logo precisar que este número de xuvenís representa aproximadamente a metade dos individuos estimados para o conxunto das poboacións galegas no último censo realizado hai unha década.  

Obxectivos de MargaSalmo 

O programa MargaSalmo centrou varios dos seus obxectivos na relación parasito-hóspede, para o que se avaliaron aspectos como o benestar do peixe, a especificidade da relación en diferentes poboacións ou a eficacia da troita fronte ao salmón como hospedadores. Abordouse así por vez primeira desde o punto de vista morfopatolóxico, a interacción dos gloquidios cos seus hospedadores e a influencia da parasitación (gloquidiose), observándose unha recuperación completa das lesións branquiais asociadas logo dun mes. Tamén se fixo, explica Ondina, un seguimento histolóxico do desenvolvemento dos gloquidios ao longo de toda a fase parasitaria, a fin de describir estruturas descoñecidas ata o momento e que poderían estar relacionadas coa nutrición larvaria e o illamento á resposta inmune do hospedador.

A investigadora Catuxa Varela recollendo xuvenís no laboratorio. Foto: CoPeMol

Os datos obtidos cos salmónidos subliñan a necesidade de contar con poboacións en bo estado de conservación de ambas especies para asegurar a viabilidade da náiade no medio natural, achegando troitas e salmóns aptitudes complementarias que optimizan os resultados do seu ciclo vital. Aínda así, os resultados acadados para a bacía do Ulla, permiten atribuír de xeito preliminar un mellor rendemento do salmón. Esta conclusión débese á súa capacidade para producir un maior número de xuvenís viables e de maior tamaño, ademais de á súa mellor adaptación ás condicións de catividade, o que facilita o seu manexo durante o longo período parasitario, sinala Ondina. 

A integración dos resultados obtidos proporciona unha importante información para deseñar as estratexias de conservación/recuperación das poboacións sureuropeas de M. margaritifera, incluíndo aspectos relativos ao benestar dos peixes hospedadores. Do mesmo xeito, implican á conectividade fluvial como factor clave para favorecer a mobilidade e o contacto de ambas especies hospedadoras coas poboacións de náiades, como vía de reversión do seu actual estado demográfico, asegurando a súa dispersión e un óptimo funcionamento deste complexo ciclo vital.  

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os bebés expostos ao tabaco teñen maior probabilidade de consumir antibióticos

Un estudo galego analiza os factores asociados ao consumo deste medicamento cunha mostra de 18.882 mulleres

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Este mecanismo dana a capa dos nervios en doenzas como a esclerose múltiple

O estudo realizado por un equipo de investigación do CiMUS publícase este venres na prestixiosa revista ‘Science Advances'