*Un artigo de

Non se logrou a inmortalidade, nin a supremacía cuántica, nin vimos a orixe do universo, nin conseguimos a fusión nuclear. Un ano máis, a ciencia deu grandes pasos, pero non fixo milagres. E iso non todo o mundo o conta.

Faltan décadas para lograr emular o Sol

Para lograr a fusión nuclear, se se consegue, haberá que esperar décadas. O recente achado anunciado polo Departamento de Enerxía dos Estados Unidos é só un paso no desenvolvemento de tecnoloxías que buscan o Graal, santo ou non, que consiga unir átomos a forza de empuxar un contra outro, algo que o Sol e as estrelas fan con soltura.

En pleno apoxeo mediático, coa fusión nuclear roubando titulares ao Mundial de fútbol, o catedrático de física da Universidade de Alcalá Antonio Ruiz de Elvira contou en The Conversation algo que ninguén quería contar. Non é só que o fito sexa un entre tantos. Ruiz de Elvira apuntou algo máis delicado:

Un reactor de fusión humano implica un monopolio, ou case-monopolio da enerxía concentrada producida. A enerxía solar, capturada mediante placas fotovoltaicas, aeroxeradores ou centrais termosolares, é unha enerxía distribuída que non permite o sistema de monopolio. Quizais sexa esta a razón pola cal os estados gastaron miles de millóns de dólares ou euros en tratar, só tratar, de conseguir dominar a fusión nuclear.

Apaga e vamos! O Graal non significa que os cidadáns vaiamos ter enerxía gratis e limpa a partir dun cubo de auga.

James Webb non viu a orixe do universo, nin a verá

James Webb encabeza a popular lista dos dez achados científicos do ano que publica Science.

O telescopio máis famoso do mundo tívonos á espera co seu aparatoso lanzamento a finais de 2021. Foi unha fazaña poñelo en órbita, e Estados Unidos non dubidou en usar os seus froitos para exhibir o poderío norteamericano ante o resto do mundo. Biden presentou as súas primeiras fotos con estas palabras:

Estas imaxes van lembrar ao mundo que Estados Unidos pode facer grandes cousas, e lembrar ao pobo estadounidense, especialmente aos nosos nenos, que non hai nada que estea máis aló da nosa capacidade.

A Biden esquecéuselle que o dourado James Webb é froito dunha colaboración internacional na que ata España ten o seu anaquiño de torta.

As fotos do Webb que fixeron historia

Bandeiras aparte, é incuestionable que o James Webb deunos ao longo do ano as imaxes máis asombrosas do máis alá do ceo. Xúpiter azul e os Piares da Creación 2ª parte (a primeira foi obra do Hubble), ilustran pósteres e camisetas, e o pack de fotos do James Webb supera atardeceres e campos verdes nas listas de favoritos de salvapantallas. Pero Óscar del Barco Novillo, profesor asociado da Universidade de Murcia, insiste en que “a instantánea que segue a estas liñas non representa as cores reais de Xúpiter (dado que o telescopio James Webb opera no rango do infravermello)”.

Imaxe de Xúpiter tomada polo telescopio James Webb. É o resultado dun proceso de imaxes usando tres filtros distintos. NASA, ESA, CSA, Jupiter ERS Team; image processing by Judy Schmidt, CC BY

James Webb non viu a orixe do universo, nin a verá. Tampouco tirou por terra a teoría do big bang (que é a día de hoxe só unha teoría), nin despexa dúbidas sobre cal será o final do universo. Todo o que mostran as súas fotos é colorista incerteza, e bellísimas obras que mesturan arte e ciencia.

Para Ruth Lazkoz, profesora de física teórica da universidade do País Vasco, “os datos suxiren que nos diriximos a un final violento do universo”. Con todo, Lazkoz inclúe unha frase no seu artigo que define o estado da física nestes tolos anos 20 do século XXI:

Admitamos humildemente antes de ir máis aló que os nosos modelos disfrazan a nosa ignorancia facéndoa pasar por sabedoría.

O balbordo dos buracos negros e o ataque a Dymorphos

Sobre buracos negros fixéronse grandes avances en 2022. Os investigadores José Edelstein e Iván Martí-Vidal escribiron unha carta a Stephen Hawkins poñéndoo ao día do atopado.

Na súa carta, relatan o que a día de hoxe son só hipóteses, intrigas, desafíos cósmicos, incertezas sobre se vagan ou non nun cosmos ao que o infinito se lle queda curto, se levan dentro unha illa de materia, ou mesmo se algúns dos detectados son en realidade estrelas de neutróns. En 2022 lograron unha imaxe de Saxitario A*, a besta cósmica que vive no corazón da nosa galaxia, e Martí-Vidal confesou: “Cando vexo as imaxes que obtivemos destes buracos negros, sinto vertixe”.

A imaxe captada do buraco negro do centro da nosa galaxia, Sagintario A* EHT Collaboration, CC BY

Aínda hai máis incertezas na lista. A Dymorphos, o asteroide con forma de améndoa, desviouno minimamente a nave Dart, do tamaño dunha lavadora. A acción guerrilleira de salvamento tamén se gañou un posto na lista dos dez grandes avances de 2022 publicada por Science.

M. Isabel Herreros, investigadora do Centro de Astrobioloxía (INTA-CSIC), participou na misión e non dubidou en afirmar:

A partir de hoxe, todos durmiremos un pouco máis tranquilos.

Con todo, se esa “améndoa” se dirixise hoxe á Terra, nin a NASA nin un enxame de drons ao mando do Capitán América poderían, con certeza, derrubalo.

Os evasivos marcianos

Sobre a vida en Marte, asumámolo, as probas o que indican é que nunca a houbo, por máis que xeoloxicamente, no seu remoto pasado planetario, parecese Islandia ou Tenerife.

Este ano desvelouse que o planeta Marte tivo rexións habitables ao mesmo tempo que a vida se orixinou na Terra. A noticia foi un bombazo. Non houbo quen non se lanzase a publicar: Vida en Marte! Pero que un día fose habitable non significa que fose habitado.

César Menor-Salván, doutor en bioquímica e astrobioloxía da Universidade de Alcalá, decidiu contalo en The Conversation:

A análise dos datos obtidos ata hoxe ofrecen unha verdade incómoda para moitos, pois van en sentido oposto á idea de que o planeta vermello albergase vida.

O certo é que ser unha excepción de vida na brutalidade cósmica que habitamos tamén ten o seu punto romántico.

O entrelazado cuántico que nos fascina

Desengánense, amantes da física de partículas. Delas só saben que non sabemos nada. O Premio Nobel de física a Alain Aspect, John F. Clauser e Anton Zeilinger recoñecen que empezamos a asomarnos (e isto é moi aventurado) a saber que as cousas do pequeno funcionan dun modo tan tolo que quizá non logremos entendelo nunca. Pero nada de teletransportanción, nin telepatía, nin de lonxe unha proba validada sobre outras dimensións.

Desenterrar ADN antigo non é desenterrar dinosauros

Non vai ocorrer. Non imos devolver a vida nin a dinosauros nin a mamuts, nin ao amigo neandertal. O Nobel a Svante Paavo recoñece unha ferramenta científica brillante que permite coñecer máis do pasado das especies, tamén da nosa. Juan Luis Arsuga, catedrático de Paleontoloxía do centro Mixto ISCIII-UCM de Evolución e Comportamento Humanos, explícao sen resucitar a ninguén.

Sobre o amigo neandertal tamén coñecemos outra decepción este ano que agora termina. “Entre neandertais e sapiens houbo sexo, pero pouco amor”, explican Javier Baena Preysler, catedrático de Prehistoria da Universidade Autónoma de Madrid, e Concepción Torres Navas, investigadora postdoutoral na mesma universidade.

A inmortalidade só é para as medusas

A planta da inmortalidade ou a eterna mocidade non se descubriu. Os deuses non soltan peza. A investigación sobre medusas inmortais na que participaron Daniel Maeso Miguel e María Pascual, da Universidade de Oviedo, deu a volta ao mundo. Pero o equipo de Oviedo non nos fará inmortais. Como explican no artigo que escribiron The Conversation, o achado permitiulles coñecer a base do mecanismo que permite a Turritopsis dohrnii burlar a morte e vivir nun bucle perpetuo, pero isto é só cousa de medusas:

Os xenes atopados están asociados con diferentes claves do envellecemento como son a reparación e replicación do ADN, a renovación da poboación de células nai, a comunicación entre células e a redución do ambiente celular oxidativo que dana as células, así como o mantemento dos telómeros (extremos dos cromosomas).

A creatividade ábrese camiño

Este ano, por primeira vez na historia, a revista Science incluíu entre as investigacións destacadas unha palabra que procede doutros xardíns: creatividade. Science non discute que o que fan Dall-e, Midjounie e a lexión de intelixencias artificiais que pintan a partir dun texto, sexa creatividade.

A obra ‘Théâtre D’opéra Spatial’ de Jason Allen, xerada por intelixencia artificial, gañou o primeiro premio na categoría dixital da Feira Estatal de Colorado. @colostatefair, CC BY

Elena Verdú Pérez, da Universidade Internacional da Rioja, destacou que hai case 50 anos que se discutiu por primeira vez se AARON, un robot dirixido por un artista británico, era “creativo”. Arturo Fuentes Cale, da Universitat Politècnica de Catalunya, mesmo discutiu con outra IA se iso que fan é ou non arte. A arte en mans da intelixencia artificial é xa un feito e Science acaba de avalar a creatividade das máquinas. A ver quen conta agora as implicacións que isto ten.

2022 termina cunha lista asombrosa de fitos científicos, pero non milagres. 2023 traerá asombros novos, e está nos nosos propósitos contalos. Que os ventos nos sexan propicios.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.