As colonias de aves mariñas poden concentrar ata 100 toneladas de metais tóxicos

Un equipo da USC analiza os seus excrementos e estima a cantidade de cadmio, mercurio e chumbo que se depositan nas zonas de reprodución

Seres vivos e medio ambiente manteñen unha íntima intercomunicación que vai máis alá daqueles xestos que poñen en evidencia esta relación. A actividade duns inflúe no estado do outro e viceversa, nunha sorte de cadea invisible na que cambios puntuais nun deles ten consecuencias noutras partes do sistema. Mostra deste equilibrio é a influencia que os excrementos das aves mariñas poden chegar a ter no conxunto do planeta polo seu contido en elementos potencialmente tóxicos como son o cadmio (Cd), mercurio (Hg) e chumbo (Pb).

Para dar conta da súa magnitude, un equipo científico liderado por investigadores do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da Estación de Bioloxía Mariña da Graña (pertencente á Rede de Estación Biolóxicas da USC-REBUSC) realizou un traballo, agora publicado na revista Scientific Reports, do grupo Nature, que estima a cantidade de cadmio, mercurio e chumbo que anualmente se depositan nas colonias de aves mariñas de todo o mundo a través dos seus excrementos. 

Publicidade

Concretamente, o estudo apunta que, anualmente, nas colonias de aves mariñas poden depositarse preto de 40 toneladas de cadmio, máis de 35 de mercurio e 27 toneladas de chumbo procedentes das excrecións destes animais. Como resume o profesor Xosé Lois Otero Pérez, coordinador da Rede de Estacións Biolóxicas da Universidade de Santiago (USC) e investigador do Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (Cretus), “as aves mariñas transportan anualmente toneladas de metais tóxicos dende os océanos ata as súas colonias de reprodución”.

Influencia nos ciclos xeoquímicos

Traballos previos do mesmo grupo de investigación, tiñan posto de manifesto que as aves mariñas desempeñan un papel moi importante a nivel global no ciclo xeoquímico dos macronutrientes, especialmente do nitróxeno e fósforo. O dato que achega agora o equipo da USC é a análise da influencia destes animais no ciclo dos elementos tóxicos a nivel mundial. Sumando os rexistros dos tres elementos detectados, o equipo cuantificou un total de algo máis de 100 toneladas destas substancias, o que representa unha magnitude “relevante pola súa capacidade de influencia nos ciclos xeoquímicos do planeta”. Estas cantidades serían da mesma orde de magnitude que as rexistradas para outros fluxos considerados nos ciclos xeoquímicos destes elementos, por exemplo, néboa salina mariña, produción de cemento ou perda de solo nos océanos.

Publicidade

Na Antártida e arquipélagos circumpolares próximos acumúlase o equivalente ao 80% de toda a cantidade de metal que se deposita no mundo

É un dato moi relevante xa que a maior parte dos metais excretados atópanse en formas xeoquímicas moi solubles e biodispoñibles —concepto este último que fai referencia á velocidade e cantidade coa que unha substancia pode interactuar con outro organismo—, o que permite a súa lixiviación cara a augas costeiras e a súa acumulación por parte doutros organismos mariños. Como aclara o doutor Otero Pérez, “estes procesos aumentan drasticamente as concentracións de nutrientes e elementos potencialmente tóxicos en solos, auga, plantas e na atmosfera”.

As aves implicadas

Segundo o estudo realizado, as especies que máis contribúen a esta acumulación son varias de álcidos, entre eles o arao común, certas especies de corvo mariño, o pingüín e o mascato. A súa distribución a nivel mundial “non é homoxénea senón que a maior cantidade dos metais deposítanse na Antártida e arquipélagos circumpolares próximos”. No seu conxunto, nestas áreas acumúlase o equivalente “ao 80% de toda a cantidade de metal que se deposita no mundo”. A explicación é que nesta zona do planeta é onde se concentra o maior número de aves mariñas e de maior tamaño como son os pingüíns. 

Para o desenvolvemento do estudo o equipo tivo en conta traballos propios previos así como información de organizacións internacionais como BirdLife International, segundo a cal o equipo estima que a poboación total de aves mariñas no mundo sitúase arredor de mil millóns de individuos. O equipo de Xosé Lois Otero Pérez intégrano ademais o investigador de Edafoloxía e Química Agrícola, Augusto Pérez Alberti; Saúl de la Peña Lastra, da área de Ecoloxía do Departamento de Bioloxía Funcional da USC; Tiago O. Ferreira, da Universidade de Sao Paulo; e Miguel Ángel Huerta Díaz, da Universidade Autónoma de Baixa California.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A USC deseña un sistema pioneiro de monitorización da humidade en cultivos de mosca soldado negra

O proxecto desenvolve un modelo que permita aumentar a produción de proteínas, graxas e fertilizante de forma máis eficiente e sostible

O CiQUS, na elite da ciencia co selo María de Maeztu: “É un recoñecemento ao traballo dos últimos anos”

O investimento previsto para o centro da USC impulsará a captación de talento, a creación de novas infraestruturas e liñas de investigación

Un estudo galego explora o uso de virus para combater as infeccións de ouriña resistentes aos antibióticos

Un estudo liderado dende Galicia analiza un dos patóxenos que máis preocupa nos hospitais e reforza o potencial dos bacteriófagos

O xenoma do anisakis permite desenvolver unha nova ferramenta para o control do parasito

Un estudo con participación galega senta as bases para mellorar os programas de vixilancia e contribuír a un consumo de peixe máis seguro