Publicidade

A variante covid que circula en China xa supón máis do 5% de casos en España

Os expertos explican que BF7 ten unha "altísima taxa de transmisión" pero tamén produce moitos asintomáticos

Os ollos volven estar postos en China. A principios de decembro, a raíz das protestas sociais, o xigante asiático decidiu despedirse da súa política de covid cero e dar un paso brusco cara á normalidade, xa instaurada en boa parte do mundo. Como consecuencia da súa apertura e da fin dos confinamentos, estase a producir unha explosión de casos e de falecementos, malia que os datos oficiais negan a realidade que transmiten médicos e cidadáns chineses a través das redes sociais. A inmunóloga África González e o epidemiólogo Juan Gestal coinciden en que a situación era esperable e aseguran que a variante que circula en China, que ten unha alta transmisibilidade, xa chegou a España e supón máis do 5% de casos rexistrados no Estado.

Máis ca unha variante, BF7 é unha subliñaxe de BA.5, todas elas derivadas de ómicron. “É tan contaxiosa como o sarampelo porque un doente pode infectar entre 10 e 18 persoas”, explica González, tamén catedrática da Universidade de Vigo. Segundo Gestal, ademais da súa alta transmisibilidade, BF7 ten un período de incubación máis curto e un elevado escape inmune en China, así como un alto número de persoas asintomáticas. Porén, esta situación non é extrapolable a Europa e os dous expertos instan á calma, asegurando que as repercusións que poida ter a situación chinesa no noso país nada terán que ver coas vividas en 2020. Sobre todo, polo alto número de persoas vacinadas ou inmunizadas de maneira natural na meirande parte do mundo, que avogou por aprender a vivir coa covid.

Publicidade

Unha “situación oposta”

“Non é o mesmo cando xorde o primeiro virus. Daquela, todos eramos virxes e non tiñamos inmunidade e, aínda así, o 80% dos casos foron asintomáticos e o maior impacto deuse nos maiores”, matiza González. De feito, a inmúnologa asegura que a situación é “completamente oposta” á que se produciu en 2020, malia que o patrón sexa semellante, con China representando unha potencial ameaza. “Eles son os vulnerables, non nós”, insiste a catedrática da UVigo. Tamén recorda que a variante circulante segue sendo ómicron. “É moi boa noticia porque significa que o SARS-CoV-2 muta, pero non tanto como cremos”, engade.

“O SARS-CoV-2 muta, pero non tanto como cremos. Por iso ómicron segue a ser a variante predominante”

ÁFRICA GONZÁLEZ, inmunóloga

A Gestal, por outra parte, resúltalle difícil vaticinar cales poden ser as consecuencias da situación chinesa en Europa e noutras partes do mundo. Cre que é complicado prognosticar se a “enorme afectación de China” pode ocasionar a aparición dunha nova variante que chegue ás nosas fronteiras para volver infectarnos. De todas formas, cre que é “pouco probable” que apareza un virus máis agresivo. “Coa variante ómicron, o coronavirus acadou a súa máxima eficacia biolóxica. As variantes importantes que foron ocasionando as diferentes vagas eran cada vez máis transmisibles, cun período de incubación máis curto e maior escape inmune, e tamén maior benignidade”, apunta o profesor emérito da Universiadade de Santiago (USC).

África González é catedrática da Universidade de Vigo e presidenta da Sociedad Española de Inmunología. Foto: Duvi.
África González. Foto: Duvi.

A este respecto, González recoñece que canto máis circula o virus, máis posibilidade ten de mutar pero que a súa propia presión selectiva fai que cada vez sexa máis contaxioso pero menos letal. “Pode cambiar a situación? Non o creo. Se segue sendo este coronavirus, temos memoria inmunitaria. Aínda que mute e escape aos anticorpos, seguimos tendo memoria celular, que é capaz de recoñecer moitas zonas do virus”, apunta a inmunóloga. Seguindo as súas explicacións, o SARS-CoV-2 pode mutar ou cambiar, o que nos produciría unha infección durante uns días. Logo poríase en marcha a memoria inmunitaria ata que se resolvese a infección. “É o que acontece na xente sa e cun sistema inmunitario en bo estado”, sinala. De feito, os síntomas de BF7 son parecidos á gripe e a calquera outro arrefriado, polo que ás veces resulta indistinguible doutras enfermidades. González insiste en que o foco tense que seguir poñendo nas persoas máis vulnerables.

Limitacións aos cidadáns chineses

A comunidade científica lanza unha mensaxe de calma e pide non alertarse ante o que está acontecendo en China. Porén, hai países como Estados Unidos que xa están poñendo limitacións de acceso aos cidadáns do xigante asiático, que deben presentar alomenos un test covid negativo. “A prudencia esixe que durante un tempo se adopten medidas que impidan a difusión no noso medio de infeccións procedentes de China”, reflexiona Gestal, malia que el cre que a “gran dependencia económica” que ten Europa do país asiático vai condicionar a toma de decisións. Aínda así, o epidemiólogo pensa que en España deberían establecerse controis a persoas procedentes de China, como a esixencia dunha PCR negativa antes de saír do país e unha nova antes de permitir a entrada en España. “Son medidas moito menos esixentes que as que estableceu China no seu momento”, asegura.

“A gran dependencia de Europa do xigante asiático vai condicionar a toma de medidas de control”

JUAN GESTAL, epidemiólogo

Este punto de vista é compartido por González. A inmunóloga xustifica a toma de decisións deste tipo —unha tese que tamén apoia Gestal—, apelando á falta de transparencia das autoridades chinesas. “Non hai confianza nos datos oficiais, non sabemos se xurdiron novas variantes ou se se está secuenciando o virus. É unha cuestión de fiabilidade entre países. Mentres iso non ocorra, entendo que se tomen medidas de control”, valora a catedrática da UVigo. Así mesmo, cre que é preciso esixirlle a China maior transparencia dos seus datos e un preciso seguimento de contaxios e falecementos para que a Organización Mundial da Saúde teña claro que é o que está acontecendo. “Iso é fundamental para controlar a nivel internacional este virus pero tamén outros, como os da gripe”, argumenta. E insiste en que mentres non haxa datos hai que seguir poñendo o freo para exercer presión.

Colapso dos hospitais

De feito, a situación chinesa non vai mellorar a curto prazo, segundo o prognóstico de González. A inmunóloga cre que se vai producir unha explosión de casos e que o pico da onda vai ser ancho, pola elevada cantidade de persoas infectadas. “Vai haber un colapso dos hospitais e seguramente volvamos ver esas imaxes de centros sanitarios que se construíron e se desmantelaron en tan pouco tempo”, apunta. De todas formas, insiste no difícil que vai resultar coñecer a situación chinesa pola falta de fiabilidade da información que achega o goberno. De feito, asegura que as mensaxes que trasladan os cidadáns a través das redes sociais nada teñen que ver coa que difunden as autoridades. “Espérase que nos próximos meses haxa xente moi maior e persoas en UCI que falezan. Tamén sería bo usar vacinas máis eficaces“, indica.

O epidemiólogo e profesor emérito da USC, Juan Gestal.
Juan Gestal.

Esta explosión de casos en China ten unha vertente multifactorial. Un dos aspectos que máis resaltan os expertos é a baixa efectividade da vacina administrada, que tan só rolda entre o 55% e o 60%, segundo os datos ofrecidos por Gestal. Así mesmo, tanto o epidemiólogo como a inmunóloga aseguran que a maioría da poboación chinesa é susceptible porque hai poucas persoas vacinadas e con pouco contacto co virus. É dicir, non pasaron a infección. A este cóctel súmase que as persoas maiores, que tamén son as máis vulnerables, non cren nas vacinas e optan por seguir utilizando a medicina tradicional chinesa. Amais disto, a explosión de casos coincide cunha época de celebracións e grandes desprazamentos polo Ano Novo chinés. “A poboación tamén está moi avellentada e todo isto conforma un cóctel explosivo”, detalla.

Pese a todo, esta situación non supón ningunha sorpresa para a comunidade científica, senón todo o contrario. “Nun primeiro momento, a política de covid cero tivo bos resultados, permitíndolles saír antes á nova normalidade e recuperar a economía. Co que non contaron foi con ter que manter medidas tan estritas durante tanto tempo”, explica Gestal. Ao parecer, as autoridades chinesas tampouco contaban coa aparición dunha variante tan transmisible como ómicron, cuxa única forma de loita eran as vacinas e as doses de reforzo. “Non se prepararon e no momento en que se relaxasen as medidas íase producir o que estamos observando agora”, apunta. Un punto de vista que tamén sostén González, que tamén menciona o aliciente das protestas sociais e o sufrimento económico como factores clave para o abandono desta política.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Reducir ata un 15% o risco de padecer demencia? A resposta pode estar no teu tensiómetro

Un ensaio clínico na China rural marca diferenzas entre a poboación hipertensa á hora de desenvolver esta enfermidade

“A ‘enfermidade X’ pode chegar a ser unha ameaza para a nosa forma de vida”

A doutora María Eugenia Puentes alerta da necesidade de mellorar protocolos e prepararse ante futuros desafíos epidemiolóxicos

Madrid, Portugal e EEUU: esta é a procedencia das distintas variantes da covid en Galicia

O grupo de Filoxenómica do CINBIO, pertencente ao consorcio EPICOVIGAL, amosa nun artigo científico a orixe e introdución de alfa, delta e ómicron na comunidade galega

O cacho dos crustáceos agocha a clave para un fármaco contra virus respiratorios comúns

Varios centros do CSIC colaboran no desenvolvemento dun composto eficaz fronte a infeccións comúns como a covid