A mestra de Ferrol que foi precursora do libro electrónico: “Era un ben común e universal”

María Luisa Souto conta a historia da súa avoa tras un evento da Universidade da Coruña no que se conmemora o 50 aniversario do seu falecemento

“Tes unha avoa moi importante”. Unha señora dirixíase a unha nova María Luisa Souto que, sorprendida, aínda non entendía moi ben o que quería dicir. Tampouco comprendía de todo cando unha ilusionada Ángela Ruiz, a súa avoa, dicía que quería revolucionar a ensinanza, que os libros ían cambiar. Sentiuse aínda máis descolocada, confusa, “con ollos como pratos”, cando a súa avoa, feliz e ilusionada, abriu o maletín que traía entre mans. Ela comezou a mover as bobinas que había dentro, nun libro con letras, símbolos, debuxos… A pequena María Luisa, que moitos anos máis tarde sería profesora de bioloxía en institutos, quedou fascinada. Non era para menos. Tratábase da enciclopedia mecánica, a precursora do libro electrónico e de diversas tecnoloxías actuais.

“Estábanme ensinando algo tan novo, que rompía con todo, que sendo tan pequena pois claro, non se pode nin imaxinar”, explica María Luisa. A invención de Dona Ángela estaba completamente fóra de época. Os planos patentáronse en 1949, un ano no que en España non había nin emisións de televisión (salvo nalgúns congresos e eventos especiais). Os primeiros soportes electrónicos para a lectura de libros non foron ata os anos 90. Con todo, case medio século antes, Dona Ángela xa tiña unha proposta. E a súa intención non era facerse rica nin gañar fama. O seu obxectivo e a súa paixón era a educación.

Publicidade

Invencións e proxectos realizados por Ángela Ruiz. Cortesía de María Luisa Souto

Mestra do pobo

Ángela Ruiz Robles naceu en Villamanín, León, no ano 1895. Mestra de profesión, foi destinada a Santa Uxía de Mandiá, unha parroquia ao norte de Ferrol. Naquel entón, moitos habitantes de pobos coma ese non sabían nin ler nin escribir. Por iso, cando ela chegou, decidiu facer algo máis que dar clases nas escolas. “Ensinaba aos traballadores a ler e escribir gratuitamente, sen ningunha remuneración nin nada a cambio”, explica a súa neta. Tamén axudaba a ler a correspondencia das mulleres, que en ocasións recibían cartas de persoas próximas que emigraran.

Aínda moza, xa daba os primeiros pasos no camiño dunha traxectoria brillante. Tivo tal impacto no pobo que, en 1925 a Xunta Local de Autoridade distinguiuna “polos seus indiscutibles méritos”. Segundo publicaba o xornal El Ideal Gallego, foi unha petición do pobo por axudar aos cidadáns impartindo clases e leccións a domicilio sen recibir remuneración. “Grazas a eses desvelos, os mozos desta localidade teñen sólida institución e educación esmerada”, rezaba o escrito.

Publicidade

Cos anos acabou na cidade de Ferrol, impartindo clases en distintos colexios. Tamén creou unha academia de oposicións chamada Elmaca. “Era de moita fama porque tiñan un nivel de aprobados nas oposicións moi alto”, recorda a bióloga. Cos anos, a súa paixón pola educación combinouse coas gañas de innovar. “Un día na vida dela sería ir á escola a dar clase, logo impartir clases na academia e pola noite adicábase a inventar”, explica.

A enciclopedia mecánica

A Enciclopedia Mecánica, agora custodiada polo MUNCYT na Coruña. Cortesía de María Luisa Souto

Ángela pasaba moito tempo traballando pero tamén tiña moita vida social. “Ademais, era unha persoa curiosa, fascinada polo seu traballo e cun gran desexo de lograr o que se propoñía”, describe a neta. Autodidacta e crítica do seu traballo, sempre reflexionaba acerca del e sobre que debería de facer diferente para lograr os seus obxectivos. Daba moita importancia á ensinanza dos idiomas, a aprendizaxe intuitiva e o uso de ilustracións.

O que si precisaba a profesora era silencio polas noites, cando traballaba no resto de proxectos. Porque non só se trataba da enciclopedia mecánica. Tamén, por exemplo, do atlas lingüístico gramatical. “É un libro especial, non se abre como todos os demais, son folios que están dobrados e que se volven a dobrar, pero aí está toda a gramática en esquemas”, comenta María Luisa. O libro está feito para poder traballar distintos niveis. María Luisa destaca que iso pode simplificar o comprar libros, xa que en pouco espazo se pode aprender moito.

Malia iso, a súa maior obra foi a enciclopedia mecánica. Realizada coa intención de mellorar a aprendizaxe dos alumnos, aforrar peso e axudar á labor dos profesores, foi inscrito con dúas patentes. En 1949, patentáronse os planos e no ano 1962 patentouse o prototipo. O modelo orixinal era un maletín metálico de cor verde e de forma rectangular. A enciclopedia quedaba suxeita dentro e está atravesada por varias bobinas con pezas intercambiables con distintas seccións. No modelo pódese observar letras do abecedario e números en forma de roda que se poden mover. “Por que o libro mecánico? Porque vía que era un ben común facilitar o estudo a alumnos e o traballo aos profesores. E era un ben común e universal“, sostén María Luisa.

Recoñecementos internacionais

As súas creacións levárona a acadar numerosos recoñecementos. Xa antes de patentar a enciclopedia mecánica foi recoñecida no ano 1947 coa cruz e o lazo da Orde Civil de Alfonso X o Sabio, que premia os méritos en educación, ciencia, cultura, docencia e investigación. Isto foi unha constante nas últimas décadas de vida. Era algo do que Ángela, malia que agradecida, non presumía. “Decatabámonos a través dos xornais. Ao mellor dábanlle un premio e saía ao cabo dalgúns días ou dicía miña nai ‘á abuelita déronlle un premio’, pero nós non comentábamos nada”, explica. Ao longo da súa vida fóronlle concedidas medallas de ouro, prata e bronce no Salón Internacional de Inventores en Xenebra e en Bruxelas e o Oscar á invención na Feira Oficial e Nacional de Zaragoza entre outros recoñecementos.

A pesar de todos estes logros, nunca conseguiu vender o que sempre fora o seu gran proxecto, a enciclopedia mecánica. O motivo era o investimento que se precisaba. Tamén, que Ángela quería que se fixese no país. “A nivel internacional era distinto: en Washington, por exemplo, si tivo ofertas, pero ela dixo que non, que o quería para Galicia e para España”, explica a profesora.

Ángela Ruiz xunto a súa enciclopedia mecánica. Cortesía de María Luisa Souto

Entre o silencio e a curiosidade

Máis aló de cando traballaba, a inventora apreciaba o silencio. “Recordo estar sentada vendo as ondas do mar cando subía a marea sen dicir nada. E estabamos felices”. A memoria de María Luisa recrea o momento na cabeza. O silencio era interrompido pola curiosidade. Ángela facía preguntas para espertar ese sentimento humano. Por que se producen as ondas do mar? Por que as rochas estaban alí?

Quizais poderíase dicir que Ángela acadou ese obxectivo, como tantos outros na vida. Na súa descendencia hai unha licenciada en inglés, outro en pedagoxía terapéutica, un especialista en pedagoxía e en lingua e a propia María Luisa, que foi profesora de instituto licenciada en bioloxía. “As miñas clases estaban baseadas nos esquemas, e iso aprendino dela”.

Tras 50 anos do seu silencio máis longo, a figura de Ángela Ruiz Robles volveu a estar presente nun acto da Universidade da Coruña. Na mesa redonda, que se celebrou na biblioteca homónima á inventora, asistiu a propia María Luisa Souto. E é que a neta de Dona Ángela agora entende mellor. Entende mellor por que innovar na ensinanza é importante, por que chegou tan ilusionada con aquel maletín aquel día e, tamén, comparte esa paixón pola educación. Pero, sobre todo, María Luisa xa pode entender aquelas palabras que resoaron como un eco na súa cabeza. “Tes unha avoa moi importante”. E a historia non o esquecerá.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Román Rodríguez: “A pandemia puxo enriba da mesa a necesidade de apostar pola ciencia”

O conselleiro de Ciencia defende a aposta do Plan de Investigación polas tecnoloxías da bioloxía, cuántica e verde: “Galicia non pode ser boa en todo”

O método pedagóxico galego que promete revolucionar o estudo da gramática

“Sintaxe” propón un sistema máis innovador e inclusivo no que os nenos de entre 6 e 11 anos aprenden con recursos que poden tocar

Intelixencia artificial para detectar TDAH nas aulas e outros proxectos de Galiciencia 2024

A feira científica reúne un centenar de traballos de alumnado de Secundaria, Bacharelato, FP e Primaria de toda a comunidade

PÓDCAST | A intelixencia artificial, o gran desafío do eido educativo

O investigador da UDC Francisco Bellas analiza no sexto episodio de O Descodificador o impacto do cambio tecnolóxico na educación