O método pedagóxico galego que promete revolucionar o estudo da gramática

“Sintaxe” propón un sistema máis innovador e inclusivo no que os nenos de entre 6 e 11 anos aprenden con recursos que poden tocar

“Por primeira vez vin que o alumnado entendía realmente a función de cada clase gramatical”. Esa é a reacción de Carla Ordóñez, docente no CEIP ADR Castelao de Rianxo, ante un método que pode axudar a moitos docentes. Trátase de “Sintaxe”, unha ferramenta para aprender creada polo galego Emilio Neira e que busca facilitar a comprensión da linguaxe.

Sintaxe é un método educativo que busca ser innovador, inclusivo e transversal. Está pensado para o ensino da gramática básica en alumnado de entre 6 e 11 anos e utiliza unha serie de materiais manipulables e outros dixitais. A través de recursos con forma de frechas, casas e diferentes obxectos permítese facilitar o entendemento de, por exemplo, as estruturas sintácticas. O sistema trata de abarcar o desenvolvemento da escritura, da comprensión e da expresión oral e escrita. Consta de tres módulos: un dedicado ás clases gramaticais, outro para as súas funcións e un último para a conxugación.

Publicidade

O sistema desenvolvido por Neira é unha alternativa ás técnicas de memorización habituais. O estudo científico publicado por Peter Lang amosa algúns destes resultados. Segundo Sondaxe, despois da súa aplicación, o coñecemento total (para o esixido nesa idade) nos ámbitos da gramática ou da concordancia alcanza o 100% de éxito. No caso dos grupos nominais e as oracións, chega ao o 64,3%, mentres que antes de executar este programa ningún tiña unha completa comprensión neste aspecto. Esta estratexia pedagóxica busca promover a inclusión e a accesibilidade do alumnado nas actividades educativas.

A capacitación do persoal que utiliza este método tamén é fundamental. Tras a formación, poríanse en funcionamento as actividades prácticas co asesoramento e observación dos formadores. O proxecto final implicaría a aplicación desta estratexia e a análise dos resultados. Despois da formación, expídese un certificado de capacitación.

Un método con ADN galego

O sistema de Sintaxe comezou a realizarse en Suiza, na escola Sainte-Croix, no cantón de Vaud. Alí lograron mellorar rapidamente as capacidades dos alumnos. “Dunha noción gramatical aburrida, Emilio
Neira fixo un proxecto de establecemento innovador e dinámico”, asegura Fabian Zadory, Director do EPS
Sainte-Croix et environs en Suíza. Anos despois, profesores de Rianxo interesáronse por este proceso e xa está en aplicación en varios colexios da zona.

Agora pretenden lanzar unha sondaxe a todas as escolas galegas para ver se estarían interesadas en poñer en funcionamento este método para axudar así ao alumnado a comprender mellor un concepto tan abstracto como é a gramática. Sintaxe comezará a enviar as propostas a partir da semana que vén.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Da pandemia á economía circular: así nace o proxecto REHEAL para reducir os residuos sanitarios

O SERGAS participa xunto a outros sistemas europeos nun consorcio que impulsa cadeas de subministración máis sostibles

Nova ameaza para a píllara das dunas: as chuvias intensas reducen a súa supervivencia

Un estudo galego conclúe que os episodios meteorolóxicos adversos poden agravar o seu estado de conservación como especie vulnerable

A contaminación atmosférica podería estar detrás do aumento das crises de xaqueca

Un estudo internacional sinala que o número de visitas ao hospital de persoas con síntomas aumenta durante os días nos que hai maiores niveis de polución

Por que se debe declarar o salmón en perigo de extinción en Galicia: isto din os expertos

Dende o ano 2000 apenas se capturan 55 exemplares de media anual nos ríos galegos, menos dunha décima parte ca hai cinco décadas