Publicidade

Un novo estudo cuestiona o baño xudeu da Coruña: “Moi dubidoso, senón abertamente incorrecto”

Un traballo de José María Bello Diéguez cuestiona de forma crítica o proceso feito para afirmar que se trata dunha mikvé

O anuncio da compra por parte do Concello da Coruña do número 4 da rúa Sinagoga puxo no foco o pasado hebreo da cidade herculina. O achado nos baixos do inmoble dunha antiga cisterna que podería ter sido un baño ritual do xudaísmo (denominados mikvé) levou ao goberno municipal a dar o paso para converter a casa nun museo arqueolóxico e un centro de interpretación da relixiosidade medieval.

Pero o debate continúa a sobrevoar este asunto. Un novo estudo vén de cuestionar seriamente as conclusións que levan a concluír que se trata dun baño xudeu non están apoiados pola evidencia histórica e arqueolóxica. E, polo tanto, recomenda aos responsables do Concello da Coruña que leven a cabo un proceso de revisión do feito ata o de agora para “fuxir de ocorrencias e aventurismos estraños á lei e á prudencia”.

Publicidade

Porque para arqueólogo José María Bello Diéguez, director durante 20 anos do Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña, a xestión do número 4 da rúa Sinagoga estaría asentado en datos que non se sustentan desde o punto de vista histórico. Nun estudo publicado na revista do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses conclúe que as interpretacións son “moi dubidosas, senón abertamente incorrectas”.

A Biblia Kennicott.

Durante máis de 20 páxinas, o historiador analiza a bibliografía a as características do espazo localizado nos baixos do inmoble, así como as probas practicadas. E sostén que existen moitos puntos de escuridade na argumentación que levou a determinar que se trata dun mikvé, os baños dos templos que os fieis xudeus empregaban para o aseo.

Publicidade

O primeiro dos puntos que cuestiona é que o nome da actual rúa Sinagoga non comezou a empregarse ata mediados do século XVIII, consolidándose de forma oficial xa no século XIX. Así, a rúa Sinagoga non recibiría o seu nome porque alí existise un templo xudeu, senón pola lenda popular de que alí se celebraban reunións hebreas en tempos da Inquisición. Asenta a súa afirmación en que existe un baleiro de 250 anos sobre a suposta rúa Sinagoga, que aparece en documentación xa cando a lenda da persecución dos xudeus se asentara no acervo da veciñanza.

O bacallau do carbono 14

Unha das principais teses sobre as que se asenta a teoría de que os baños do inmoble son unha mikvé recae sobre unha espiña de bacallau. Foi localizada nos traballos arqueolóxicos e sometida á proba do carbono 14, que permite determinar a idade de restos biolóxicos a partir do nivel de carbono 14 que conteñen. O resultado, anunciado pola propia alcaldesa coruñesa, Inés Rey, nunha visita ao número 4 da rúa Sinagoga foi que existen “un 80,9% de probabilidades” de que se trate dun resto cunha cronoloxía comprendida entre 1432 e 1520.

Para Bello Diéguez, a comunicación das datacións feitas sobre esta vértebra de bacallau non cumpren cos requisitos necesarios para ser consideradas válidas. Entende que tamén é “máis que dubidosa” a afirmación de que se atoparon restos de bacallau do século XV e que a identificación de que se trataba deste peixe, realizada na Universidade de León, non se fixo sobre unha espiña, senón sobre unha vértebra caudal.

Por outra banda, apunta que a medición da proba do carbono 14 restrinxe o momento no que tivo lugar a morte do animal, pero non pode servir para marcar o momento no que foi construído o edificio. Isto, continúa, debe corresponder a un arqueólogo a través dun estudo estratigráfico que ten que ser posto a disposición doutros investigadores para que teñan a posibilidade de refutalo.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, visita os baños da rúa da Sinagoga
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, visita os baños da rúa da Sinagoga

O historiador, que durante a súa exposición amósase moi crítico cas “contradicións” que di ter atopado nas informacións difundidas polo goberno municipal da Coruña, subliña que o achado do bacallau o único que podería dicir é que a habitación na que foi localizado estaba en uso nas marxes cronolóxicos apuntados, é dicir, entre 1432 e 1520.

“Cunha análise estratigráfica podería chegarse, con sorte e bo oficio, a saber se no momento de morrer o bacallau se estaba a construír, se fora construído o estaban por construír a cisterna e o edificio. Pero nunca, nunca podería dicir nada sobre as funcións nin o uso de ningún dos dous”, subliña o investigador, antes de rematar que, cos datos transmitidos a día de hoxe, “a posibilidade de que fora pescado antes da expulsión dos xudeus en 1942 é moi reducida”.

Os chanzos

Ademais, tamén analiza as características do baño atopado. Incide en que a presenza de sete chanzos non é unha característica dos mikvé na lei xudía nin na realidade arqueolóxica e que a estrutura da cisterna nos baixos do número 4 da rúa Sinagoga (bancos nas paredes, dúas escaleiras en paredes opostas e unha grande lousa con oco por baixo) non ten parangón e non encaixa co modelos presuntamente indicados.

Para o profesor Bello Diéguez, é necesario abrir un proceso de reflexión sobre o suposto baño xudeu da cidade herculina. Máis cando, como subliña, cinco anos despois dos primeiros anuncios “non existe a menor publicación, científica ou divulgativa” sobre esta presunta sinagoga coruñesa.

E pon como exemplo o acontecido en Zaragoza, onde o goberno local adquiriu e musealizou os denominados Baños Xudíos. Tempo despois, unha investigación demostrou que eses baños eran de uso para a poboación xeral, de calquera relixión. E que o apelido de xudeus fora imposto pola lenda e a cultura popular. Hoxe, coñécense como Baños del Rey.


Referencia: Apuntes escépticos sobre el presunto miqweh de la calle Sinagoga de A Coruña (Publicado en  Cornide: revista do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses)

Saúl Iglesias
Saúl Iglesias
Licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago. Despois dunha década facendo de todo un pouco na redacción galega da axencia Europa Press, explorando agora novos camiños desde 2025 en GCiencia.

1 comentario

  1. Ola, rematan de pasarme iste link https://www.gciencia.com/retro/un-novo-estudo-cuestiona-o-bano-xudeu-da-coruna-moi-dubidoso-senon-abertamente-incorrecto/ pero antes de leer o voso traballo o primeiro que fixen foi asegurarme de que se trataba da mesma persoa, e para poñelo canto antes no voso coñecemento quería dicirvos que o segundo apelido de José María Bello non é Díaz senón que é Diéguez. Cunha publicación coa cabeceira que ten a vosa o rigor, aparte de supoñerse é imprescindible. Como afortunadamente son pequenos erros que se poden solventar en tempo real, pois quería deixárvolo dito, inda que estou case seguro de que recibiredes algún máis neste sentido, pero por si acaso.
    Non erra quen non fai ren, de maneira que agora agardo desfrutar do voso artigo unha vez cumprida a miña obriga de poñervos ao tanto por si acaso.
    Moitas grazas pola vosa atención
    Un cordial saúdo,
    Enrique JP Cabarcos

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

De Sargadelos e Bazán ás torres das Pontes e Altri: valoramos o noso legado industrial?

O informe da Xunta que avoga por facer da cheminea de Altri unha "icona" devolve a pregunta da protección e coidado do pasado económico

Dámaso I, o primeiro (e único) papa galego

O legado reformista e transformador de Francisco I contrasta cos cambios na Igrexa adoptados polo pontífice orixinario da Gallaecia

Aquis Querquennis: 50 anos do achado da gran xoia oculta de Galicia

'A Cidá' é unha das infraestruturas romanas máis importantes de Europa e ten case dous milenios de historia

90 anos do día que Parga Pondal ordenou en Porto a historia do granito

A cidade do Douro acolleu en 1935 un encontro entre as intelectualidades lusa e galega no que o xeólogo presentou a primeira cronoloxía da formación do granito en Galicia e o norte de Portugal