Martes 3 Decembro 2024

Volve a Galicia a espectacular Biblia Kennicott creada na Coruña en 1476

Está considerada un fito na ilustración da Idade Media e chega cedida pola Universidade de Oxford

É un das máis espectaculares obras da ilustración medieval e regresa a Galicia cinco séculos despois de ser creada na cidade da Coruña en 1476. Porque a Consellería de Cultura e Turismo anunciou hoxe que a Biblia Kennicott, un dos manuscritos hebreos máis valiosos e fermosos do mundo, será exhibida en Galicia tras un acordo coa Universidade de Oxford.

A Biblia Kennicott formará parte da mostra Galicia, un relato no mundo, a primeira das grandes exposicións internacionais dcon motivo do Xacobeo 2021, que se inaugurará na Cidade da Cultura o vindeiro 14 de novembro.

Publicidade

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, manifestou que a obra “pertence ao patrimonio mundial” sinalándoa ademais como a peza “que probablemente mellor reflicte o obxecto da exposición: amosar obras que resultan esenciais para a historia e identidade de Galicia, algunhas delas nunca antes exhibidas na nosa Comunidade”.

A rúa da Sinagoga, na Coruña.

A Biblia Kennicott rematouse na Coruña o 24 de xullo de 1476, por encargo dun importante comerciante da cidade, Don Isaac, fillo de Salomón de Braga. Isaac e a súa familia tiveron que marchar da Coruña arredor de 1492-1493 por mor do decreto de expulsión dos xudeus promulgado polos Reis Católicos e moi posiblemente levaron a Biblia con eles.

Publicidade

O libro seguiu un azaroso camiño por Portugal, o norte de África e Xibraltar e durante 300 anos estivo desaparecido. En 1771, Benjamin Kennicott, responsable da Biblioteca Radcliffe da Universidade de Oxford, xestionou a súa adquisición para os fondos da institución. En 1872 a Biblia sería transferida ás Bibliotecas Bodleian, tamén da Universidade de Oxford, onde continúa ata hoxe que, 500 anos despois do exilio dos seus propietarios, volverá a Galicia.

Na mesma exposición poderase ver a Biblia Kennicott e ao seu carón dúas versións do Códice Calixtino: os Liber Sancti Iacobi da Biblioteca Apostólica Vaticana e da Biblioteca General Histórica de Salamanca.

A biblia aparece espectacularmente iluminada.

A Biblia Kennicott é a última das grandes pezas confirmadas que formarán parte desta exposición, procedentes de distintos puntos do mundo e cun gran valor simbólico para a cultura e a historia de Galicia. Súmase así a outras máis de 300 obras senlleiras sobre os mitos, a historia e a memoria da identidade galega ao longo do tempo e do mundo entre as que destacan pezas como a Santa de Francisco Asorey, anunciada a pasada semana. Esta escultura en madeira policromada non só é unha das pezas máis destacadas do escultor cambadés, senón tamén unha das obras de arte galegas máis significativas e controvertidas do século pasado, polo potente e provocador simbolismo co que representou a muller labrega galega, rachando cos códigos estéticos da época.

Na mostra poderán verse por vez primeira en Galicia pezas como o Libro das Invasións, –onde se atopa a primeira mención coñecida a Breogán–, o Mapa de Sawley –considerado un dos primeiros mapa mundi enciclopédicos europeos, no que se representa a Catedral de Santiago como o edificio máis importante de Europa–, o Codex Aretinus de Arezzo –que contén o Itinerario de Exeria, o libro de viaxes desta aristócrata galaicorromana que foi a primeira escritora coñecida da Península Ibérica–, ou Cancioneiro da Vaticana, ademais de dous Liber Sancti Iacobi –versións do Códice Calixtino compostelán, procedentes da Biblioteca Vaticana e da Universidade de Salamanca–.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A historia do estraño golfiño que permaneceu agochado 40 anos nun instituto de Vilagarcía

Un grupo de estudantes atoparon os restos na praia de Compostela en 1979 e pensaron que era un arroaz, mais tratábase da especie de augas tropicais 'Steno bredanensis'

O aire frío do Atlántico norte deixará na ponte de decembro temperaturas xélidas en Galicia

Os valores máis baixos rexistraranse o domingo nas comarcas de interior e Lugo non superará os oito graos de máxima

Julio Vilas, deportista con discapacidade: “Tiven atrapamento umbilical, pero son afortunado”

O xogador do Amfiv Vigo, que compaxina deporte de elite con traballo a tempo completo, explica como é a súa vida cunha diversidade funcional física

Galicia emprega IA e venda en farmacias para anticiparse aos virus respiratorios

Una rede de estabelecementos e un modelo matemático servirán para predicir este inverno as necesidades asistenciais derivadas das infeccións