Un equipo de Santiago demostra que o cerebro modula a composición da microbiota

O estudo realizado en ratos e publicado na revista 'Nature Medicine' axuda a comprender mellor a relación entre a actividade neuronal e o intestino

O cerebro é capaz de modificar en cuestión de horas a composición da microbiota intestinal. Así o acaba de demostrar un estudo en ratos liderado polo Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago (USC) xunto ao Clínic-IDIBAPS e a Universidade Católica de Lovaina. A investigación, que acaba de ser publicada na revista Nature Metabolism, representa un cambio de paradigma que amplía a regulación da microbiota intestinal máis alá da dieta e dos ritmos circadianos.

Para levar a cabo o estudo utilizáronse técnicas quimioxenéticas para activar ou inhibir selectivamente neuronas hipotalámicas específicas en ratos, así como a administración de hormonas involucradas na regulación da inxestión de alimentos. Estes enfoques, combinados con análises moleculares da composición da microbiota intestinal, permitiron detectar un novo eixe cerebro-intestino capaz de regular o microbioma intestinal nas diferentes áreas do tracto dixestivo.

Publicidade

A obesidade limita a capacidade reguladora do cerebro

Os resultados mostran que os cambios na microbiota inducidos polo cerebro acompáñanse dunha reconfiguración das vías neuronais que chegan ao duodeno e unha activación do sistema nervioso simpático, a parte do sistema nervioso autónomo responsable, entre outros, das respostas ao estrés. Ademais, esta modulación da microbiota é anatomicamente específica; é dicir, as distintas rexións do intestino responden de forma distinta segundo as neuronas activadas nun momento dado. Finalmente, tamén se observou que a obesidade inducida pola dieta reduciu a capacidade do cerebro para regular a microbiota.

Segundo Marc Claret, coordinador deste estudo e xefe do grupo de Control Neuronal do Metabolismo do IDIBAPS: “Estes resultados axúdannos a comprender mellor a relación entre o cerebro, a microbiota e o metabolismo, o que nos permitirá seguir estudando en maior profundidade os mecanismos que regulan esta interacción. E, a longo prazo, abrirá a porta a novas formas de abordar as enfermidades metabólicas e a obesidade, con posibles implicacións para o desenvolvemento de estratexias terapéuticas”.

Publicidade

Pola súa banda, Sara Martínez e Rubén Nogueiras, do grupo Metabolismo Molecular do CiMUS, destacan que os resultados supoñen un novo enfoque na maneira de entender como a microbiota intestinal se comunica co resto de órganos. “Ata o de agora hai estudos sinalando que moitos dos metabolitos derivados da microbiota poden chegar a outros órganos, incluído o cerebro, e exercer diversas accións. Con todo, os nosos resultados mostran que o cerebro pode regular de maneira moi rápida, en dúas horas, os tipos de bacterias que habitan o intestino, o que podería dalgún modo ser importante para os axustes entre comidas e, a longo prazo, o control do peso corporal”, indican.

O eixo cerebro-microbiota no mantemento do equilibrio enerxético

O cerebro é responsable de manter o equilibrio enerxético do corpo, un proceso complexo que involucra unha multitude de factores. En primeiro lugar, é amplamente coñecido que a microbiota e os metabolitos que produce actúan como sinalizadores no cerebro modulando diversas funcións cerebrais, incluíndo a regulación do metabolismo e o equilibrio enerxético. En segundo lugar, órganos como o estómago, o tecido adiposo e o páncreas segregan hormonas que indican ao cerebro o estado enerxético xeneral do corpo.

Míriam Toledo, investigadora do IDIBAPS e primeira autora do artigo, explica: “O cerebro integra información da microbiota e os órganos metabólicos para orquestrar unha resposta adaptativa adecuada a cada momento que mantén o equilibrio enerxético do corpo”. E engade: “Con este estudo, presentamos unha nova forma en que o cerebro pode regular a homeostase do corpo: mediante o control da composición da microbiota intestinal”.

Este estudo contou con financiamento da Fundación ”La Caixa” para a súa realización.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A fertilidade feminina diminúe coa idade: un 15% en tan só quince años

O CiMUS da USC participa nunha curtametraxe divulgativa que combina ciencia e danza para explicar os efectos de pospor a maternidade

Sonia Villapol: “O cerebro agradece o exercicio, é un dos medicamentos sen receita máis eficaces”

A neurocientífica galega publica 'Cerebro en modo ON', un manual divulgativo de neurociencia para adolescentes con grandes leccións para adultos

Un centro da USC lidera unha rede europea arredor dos mecanismos xénicos das enfermidades humanas

O proxecto DECODES, coordinado polo CiMUS, contará con 4,5 millóns de euros e formará 15 investigadores predoutorais para estudar o papel do ‘splicing’

A escavación no convento de Santa Clara saca á luz un cerebro ben conservado, un achado único na península

O equipo detrás do descubrimento asegura que só hai tres casos máis no mundo en Arxentina, Chile e Italia de características semellantes