Publicidade

Dámaso I, o primeiro (e único) papa galego

O legado reformista e transformador de Francisco I contrasta cos cambios na Igrexa adoptados polo pontífice orixinario da Gallaecia

A morte do papa Francisco I deixa atrás unha etapa de transformación na Igrexa católica. O pontífice, que faleceu este luns aos 88 anos, aproveitou o seu liderado para criticar o populismo, as inxustizas do sistema económico e as políticas contra os inmigrantes. Tamén deu os primeiros pasos para a aceptación das persoas transexuais e homosexuais, aínda que nese senso queda moito camiño por percorrer.

Os cambios realizados polo papa Francisco contrastan cos de Dámaso I, o único galego. O seu mandato abarcou do ano 366 ao 384, e a Igrexa enfrontaba outro tipo de desafíos, como a proliferación de antipapas. Durante o seu pontificado, compilouse a Biblia practicamente como hoxe a coñecemos. Ademais, incorporou a palabra aleluia nos ritos da Igrexa.

Publicidade

Grabado de Arrio, defensor do arianismo

A unificación do cristianismo foi un dos seus obxectivos principais. Dámaso condenou algúns dos movementos alternativos populares na súa época, como podería ser o arianismo. A diferenza principal deste co cristianismo tradicional é que se considera que Xesús é fillo de Deus, pero non Deus. Os arianos foron excomungados e perseguidos, ao igual que apolinaristas, luciferistas ou macedonialistas.

Prisciliano, bispo de Ávila e tamén galego, criticou no seu mandato os excesos e luxos dunha parte da curia eclesiástica. Nun primeiro momento, conseguiu a aprobación do emperador romano Graciano. Porén, a morte deste nas mans do seu sucesor, Magno Clemente Máximo, provoca un gran cambio. Máximo apoia a Dámaso e Prisciliano morre axustizado no ano 385.

Publicidade

Un punto no que destacou Dámaso foi a preocupación pola cultura cristiá, así como pola memoria dos mártires. O pontífice encargou a restauración de catacumbas romanas para embelecelas. Tamén encargou inscricións para honrar a cristiáns perseguidos. As súas accións axudaron a reforzar a identidade relixiosa en pleno momento de consolidación da fe no Imperio romano.

O papa galego tamén promoveu a participación das mulleres na Igrexa (de forma limitada). A loita por acadar unha maior presenza e implicación das mulleres segue a ser un tema delicado. O propio papa Francisco I chamou a “desmasculinizar a Igrexa”, aínda que non aprobou a ordenación das mulleres, algo solicitado por algúns sectores progresistas.

O camiño a Roma

A Biblia Vulgata.
A Biblia Vulgata.

Dámaso I naceu no ano 304 en Gallaecia. Algúns historiadores afirman que é natural de Guarda, no norte do actual Portugal. Outros afirman que é da contorna de Lugo, onde o seu pai, Antonio, era sacerdote.

O fillo do clérigo emigrou a Roma e comezou a escalar na xerarquía da Igrexa. Consegue ser o secretario de san Liberio, e, na súa morte no ano 366, o galego logra ser nomeado sumo pontífice. Ao mesmo tempo, tamén foi designado outro papa, Ursino. A liorta entre estes nunha basílica causa ata 137 mortos entre seguidores dun e doutro.

Unha das maiores achegas do papa á Igrexa foi a Vulgata. Encargada a Xerónimo de Estridón, supuña reescribir os textos do Antigo Testamento, que estaban en hebreo, ao latín vulgar, de cara a que o pobo puidese entendelo. A inclusión desta no Novo Testamento deu lugar, practicamente, á Biblia que hoxe coñecemos.

San Dámaso morreu en Roma no ano 384 tras 18 anos de cambios e transformacións na Igrexa. Na actualidade é o patrón dos arqueólogos católicos, que o festexan o 11 de decembro.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Lactosa, xofre e clorato de potasio: a fórmula (contaminante) da fumarola do Vaticano

Os compoñentes dos fumes varían segundo a cor e foron modificados en diversas ocasións para mellorar a súa visibilidade

De Sargadelos e Bazán ás torres das Pontes e Altri: valoramos o noso legado industrial?

O informe da Xunta que avoga por facer da cheminea de Altri unha "icona" devolve a pregunta da protección e coidado do pasado económico

Un novo estudo cuestiona o baño xudeu da Coruña: “Moi dubidoso, senón abertamente incorrecto”

Un traballo de José María Bello Diéguez cuestiona de forma crítica o proceso feito para afirmar que se trata dunha mikvé

Esta aplicación de IA axudarache a mellorar o teu galego

LanguageTool é unha ferramenta informática que permite a corrección de textos en galego e noutros 30 idiomas.