Publicidade

Aquis Querquennis: 50 anos do achado da gran xoia oculta de Galicia

'A Cidá' é unha das infraestruturas romanas máis importantes de Europa e ten case dous milenios de historia

Moitas veces, as cousas que máis apreciamos son aquelas que vemos pouco. No caso do Aquis Querquennis, quizais podería ser ao revés. O campamento romano que se atopa en Bande, Ourense, é un dos máis importantes da península e mesmo de Europa. Unha xoia parcialmente oculta por baixo das augas dun encoro que, desde os anos corenta, asolaga parte da zona. Agora, celébranse 50 anos desde que a administración comezou os traballos arqueolóxicos e descubriron unha das infraestruturas patrimoniais máis importantes de Galicia.

O Aquis Querquennis, tamén chamado ‘A Cidá’, foi un campamento romano situado na actual parroquia dos Baños. O complexo militar estivo en funcionamento entre o ano 75 d.C. e o século II d.C. Por isto, poderíase dicir que hai 1950 anos, aínda que só son estimacións aproximadas. Tamén se cre que, aproveitando a súa ampla superficie, puido albergar unha cohorte da Legio VII Gemina. Máis de 600 soldados, entre infantería e cabalaría, que axudarían á vixilancia dos camiños.

Publicidade

Un dos eixos da Vía Nova

A infraestrutura situábase na milla 53 da Vía XVIII do itinerario de Antonino, tamén chamada Vía Nova. Servía para conectar Braga con Astorga, o que facilitaba unha rápida comunicación e o transporte de mercadorías no Imperio romano. A súa edificación foi esencial para trasladar o ouro a Roma desde, por exemplo, Montefurado. Por iso, miles de homes participaron na construción dun túnel que desviaba o río, o que permitía producir ao redor de 5.500 quilos de ouro ao ano.

Foto: turismo.gal.
Foto: turismo.gal.

Este impresionante xacemento ocupa unha extensión de 2,5 hectáreas e está rodeado por unha muralla. Os barracóns, o edificio central e unha basílica son algunhas das infraestruturas centrais. Ademais, a poucos metros do campamento atópase tamén unha mansión viaria, unha pousada oficial do Imperio romano creada para ofrecer aloxamento e servizos aos viaxeiros e funcionarios que transitaban pola Vía Nova. Segundo as estimacións, este edificio puido estar activo ata o século III d.C.

Publicidade

Preto desa zona, atopábanse as termas romanas. Os romanos empregábanas polas súas propiedades beneficiosas para a saúde, xa que axudaban a tratar o reumatismo e certas enfermidades da pel. Este feito pon de manifesto a súa importancia na vida cotiá da época. As temperaturas das augas podían oscilar entre os 36 e os 48 graos.

O descubrimento do Aquis Querquennis

Durante centos de anos, estivo oculto, baixo terra. Mauro Ferrer, un militar e escritor de Celanova, foi o primeiro en aludir ao campamento nun escrito do século XVII. En 1921, un grupo de membros da Xeración Nós (como Vicente Risco e Otero Pedrayo) visitaron o lugar de Baños de Bande. Coa axuda dos veciños da zona, fixeron unhas primeiras escavacións que podían suxerir eses vestixios da época romana. Porén, o estoupido da Guerra Civil e a construción durante os anos corenta do encoro das Conchas mergullou estes restos na escuridade.

No ano 1975, na etapa final da ditadura, comezaron a facerse as primeiras intervencións do xacemento romano. 50 anos desde que Galicia coñece un dos seus tesouros máis prezados, aínda que de difícil acceso. Só cando as augas do encoro o permiten, o Aquis Querquennis é visible en toda a súa magnitude.

Conmemoración do seu aniversario

Algunhas institucións decidiron celebrar o aniversario deste descubrimento. É o caso da Universidade de Vigo, que xa organizou unha ruta que incluía a visita á parte non anegada deste complexo arqueolóxico. O organismo prevé a posibilidade de facer máis actos para celebrar esta efeméride de cara aos próximos meses.

O centro de interpretación “Aquae Querquennae Via Nova” ofrece tamén aos visitantes interesados en profundar na súa historia con exposicións que lles permiten entender o contexto do xacemento. Este museo inclúe maquetas e reconstrucións.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un vertedoiro dun quilómetro cadrado xunto a unha xoia do Parque Nacional

Un informe ministerial abre a porta á reapertura da zona preto da illa de Sálvora para depositar a dragaxe do Lérez, cerca da fábrica de ENCE

Volve a calor… pero non por moito: paréntese anticiclónica antes do regreso do aire frío

Fin de semana de temperaturas altas co sur roldando os 30 graos, pero o panorama mudará de novo a partir do domingo

A revolución inminente na escoita do cosmos para achegarse ao Big Bang desde Galicia

O proxecto LISA multiplicará a capacidade de investigadores como os do IGFAE que escudriñan os sinais do cosmos para entendelo

Identificada a misteriosa doenza paralizante que mingua as poboacións de gaivotas

Un estudo con participación do Oceanográfico de Vigo vincula ao botulismo a enfermidade que causa milleiros de mortes en aves mariñas