Publicidade

Este é o tempo de exercicio físico que necesitas cada día para mellorar a túa saúde

Un estudo australiano demostra que tan só cinco minutos de adestramento de forza son beneficiosos a nivel físico e mental

Cinco minutos. Ese é o tempo de exercicio diario que necesitas para notar cambios positivos na túa saúde. Así o revela unha nova investigación, que aposta polo adestramento de forza para obter beneficios físicos e mentais. Demostrouno un estudo elaborado por un equipo da universidade australiana de Edith Cowan, que someteu a 22 persoas sedentarias a un programa no que utilizaban o peso corporal para desenvolver forza. Os exercicios incluían agachamentos, reclinacións de cadeira e flexións contra a parede.

Catro semanas despois de completar esta rutina, o grupo mostrou unha mellora significativa na forza muscular, na resistencia á forza e na flexibilidade. Tamén unha lixeira diminución da frecuencia cardíaca media despois do exercicio, o que indica unha mellor saúde cardiovascular. Os participantes informaron de que o adestramento de tan só cinco minutos diarios durante catro semanas mellorou a súa saúde mental.

Publicidade

“Este tipo de exercicio é accesible para a maioría das persoas, xa que utiliza o peso corporal e elimina a necesidade de ir ao ximnasio”, indican os investigadores do estudo. Tanto o tempo breve de actividade física como a accesibilidade das rutinas son importantes para as persoas con axendas apertadas, e os autores suxiren que estes exercicios poderían distribuírse ao longo do día, facéndoos máis fáciles de seguir.

O experimento xerou adherencia

O 83% dos participantes continuaron realizando a mesma rutina de adestramento ou actividades físicas similares catro semanas despois de completar o experimento. Os científicos australianos sinalan que isto é unha gran vantaxe, dadas as altas taxas de sedentarismo. Lembran, ademais, que se recomendan polo menos 2,5 horas de actividade física moderada á semana, á que moitas persoas non chegan. Con este estudo, o equipo reforza a idea de que o exercicio, aínda que sexa durante pouco tempo, ten grandes beneficios para a saúde.

Publicidade

“As pautas son de 150 minutos á semana, pero esta cifra pode desanimar as persoas que acaban de comezar. Usar cinco minutos ao día como punto de partida xa permitiría ver resultados”, indican. De feito, estudos anteriores destacaron os beneficios que poden obterse con tan só uns poucos minutos de exercicio, xa sexan 15 con intervalos de alta intensidade ou 12 de actividade física vigorosa.

O programa de exercicios deseñado polos investigadores australianos non tivo grandes repercusións na frecuencia cardíaca en repouso nin na presión arterial, pero é un recordatorio da importancia de manterse activos. A medida que envellecemos, a nosa condición física diminúe entre 1% e o 2% de media ao ano. Por tanto, aos 50 anos a nosa condición física será un 20% menor que aos 30″, lembran. A mensaxe é clara: realiza exercicio con regularidade para reducir o risco de enfermidades crónicas e mellorar a túa saúde mental.


Referencia: Effects of a daily, home-based, 5-minute eccentric exercise program on physical fitness, body composition, and health in sedentary individuals (Publicado en European Journal of Applied Physiology)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un novo fármaco reduce os síntomas previos a xaquecas como sensibilidade á luz ou mareos

O medicamento, en fase de probas, amosouse efectivo para combater o malestar que precede a un forte ataque de dor de cabeza

Un descubrimento galego acha novas claves para frear o avellentamento

Un estudo do CiMUS apunta ás dietas de restricións calóricas como base para evitar certas mutacións nas mitocondrias

O desamor doe: pode o paracetamol aliviar un corazón roto?

Varios estudos conclúen que o rexeitamento social desencadea reaccións no corpo e no cerebro semellantes ás da dor física

O 20% dos nenos galegos sofren alerxias, cos ácaros do po como a máis habitual

O cambio climático e o conxunto de factores aos que estamos expostos favorecen o incremento de persoas que a sofren