Publicidade

O libro galego entre a ciencia e a inventiva: “Somos o que imaxinamos”

O investigador mariño Alberto González-Garcés mestura entre pequenas historias temas como os buratos negros e a xenética cos memes

“Sen historia e tradición non hai cultura, pero sen imaxinación non hai grandeza”. Esa idea mencionada por Nélida Piñón resoa como un eco na cabeza de Alberto González-Garcés. Agochado en lendas e ficcións, a historia do exdirector do Centro Oceanográfico de Vigo e do Comité Científico, Técnico e Económico da Pesca da Unión Europea segue viva como a ciencia que esconde nos seus relatos. Ata 40 pequenas historias que presenta nun libro, Somos o que imaxinamos.

Reflexivo e divertido, o libro do investigador mariño busca ser creativo ante realidades como os buratos negros. Estes non poden ser tan escuros se absorben toda a luz que os rodea, chancea González-Garcés. Con esa filosofía afronta outros temas como a orixe de Muros, a quen imaxinariamente vincula a Ulises, ou a evolución da medición dun metro. Di o escritor que, quizais, os memes perdurarán máis que os xenes. Estes mudarán, transformaranse, acabarán diluídos. Dos memes de Aristóteles, como unidade cultural, queda moitísimo, medita o galego.

Publicidade

A súa vida influencia de forma importante (e irremediable) este libro. O escritor percorreu o Pacífico, o Atlántico e o Mediterráneo e nas súas historias non podían faltar narracións vinculadas ao mar. É o caso de ‘Cigala72’, unha campaña tratada, como en todo o exemplar, con certa inventiva.

Un libro con moita imaxinación

“Este libro foi creado coa idea utópica de ser feliz escribindo e de contribuír á felicidade dos demais”, resalta González-Garcés. Non era fácil para el escribir poemas desde a diversión, porque o sente moito, sofre. Por iso quería cambiar de rexistro cunha obra que fala moito sobre ciencia, apunta, pero iso si, “dun modo divertido e imaxinativo”. Un exemplo é a unificación dos horarios no mundo, coa complexidade que supón poñer todos os reloxos na mesma hora.

Publicidade

A creación deste galego xoga moito co tempo. “Ou non sei se é o tempo o que xoga conmigo”, di o autor, que cre que o pasado é algo estraño. O escritor destaca que as persoas sempre pensan no futuro, no día seguinte, nos plans que queren. Incluso con outras persoas, como poden ser os fillos.

O investigador mariño é máis optimista nesta segunda obra. A primeira, Alta mar, mar aberta, foi un poemario, e máis íntimo. Neste, reconstruía vivencias sobre o mar e exploraba sobre a identidade cunha profunda autobiografía. De momento, non descarta unha posible terceira peza, aínda que non pode aseguralo.

Alberto González-Garcés é fillo do poeta Miguel González-Garcés, unha figura destacada da poesía galega. Algúns expertos da Real Academia Galega non descartan propoñer a Miguel para o Día das Letras Galegas nos próximos anos, en recoñecemento ao seu legado literario. Este, cunha obra que fusiona reflexión e sensibilidade lírica foi un escritor da Xeración do 36.

González-Garcés fillo escribe porque ten tempo e porque pode. Faino para desfrutar e para sufrir pero, sobre todo, para transmitir. Detrás dos seus relatos, agocha unha idea: pensamos que somos o que cremos, e non é así. “Somos o que imaxinamos, formamos un futuro coa nosa imaxinación”, asegura o autor. Agora, os lectores decidirán se estas reflexións, ao igual que eses memes de Aristóteles, perdurarán.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un vertedoiro dun quilómetro cadrado xunto a unha xoia do Parque Nacional

Un informe ministerial abre a porta á reapertura da zona preto da illa de Sálvora para depositar a dragaxe do Lérez, cerca da fábrica de ENCE

Volve a calor… pero non por moito: paréntese anticiclónica antes do regreso do aire frío

Fin de semana de temperaturas altas co sur roldando os 30 graos, pero o panorama mudará de novo a partir do domingo

A revolución inminente na escoita do cosmos para achegarse ao Big Bang desde Galicia

O proxecto LISA multiplicará a capacidade de investigadores como os do IGFAE que escudriñan os sinais do cosmos para entendelo

Identificada a misteriosa doenza paralizante que mingua as poboacións de gaivotas

Un estudo con participación do Oceanográfico de Vigo vincula ao botulismo a enfermidade que causa milleiros de mortes en aves mariñas