Cando a oposición popular impediu a construción dunha celulosa nas Neves

O concello pontevedrés acolleu en abril de 1976 unha reunión informativa sobre as posibilidades de instalar unha fábrica de papel que rematou co rexeitamento unánime dos veciños

8 de abril de 1976. 19 horas. Unha multitude afervoada responde á convocatoria. O ximnasio do concello pontevedrés das Neves acolle unha reunión informativa sobre as posibilidades de instalar unha celulosa no municipio. Seis representantes da empresa promotora, así como os alcaldes do Condado e varios académicos acudiron ao encontro, e tamén houbo unha asistencia masiva de veciños que abarrotaron o ximnasio e que, incluso, seguiron a xornada a través duns altofalantes instalados no exterior. Pero o pobo mostrou dende o primeiro momento a súa oposición ao proxecto: “Celulosa, non”.

Así o recolle unha crónica escrita polo xornalista José Rey no xornal El Pueblo Gallego. O 9 de abril de 1976, o diario faise eco do acontecemento, que amais da reportaxe correspondente tamén aparece en portada. Na imaxe principal vese claramente como os representantes de Celulosas de Guipúscoa tiveron que saír do ximnasio escoltados pola Garda Civil e atravesar o corredor humano creado pola multitude de veciños que exerceron unha firme e frutífera oposición. De feito, os traballadores da empresa promotora, tal e como recolle o xornal, pecharon a sesión dicindo o seguinte: “Pese á invitación que nos fixo o concello das Neves para que expuxeramos os plans da celulosa, vemos cal é a reacción popular, e como somos máis demócratas ca ninguén, ímonos”.

Publicidade

120 toneladas de papel ao ano

Así foi. Saíron arredor das 20:30 horas do recinto. Pero marcharon entre apupos, gargalladas e un “balbordo impresionante”. A frase “Celulosa, non” repetíase incesantemente, acompañada doutras que instaban aos representantes da empresa a abandonar o lugar como “Fóra, Fóra” ou “O pobo vencerá”. Esta última foi un lema que, dalgunha maneira, empregou o propio alcalde das Neves na súa intervención inicial. Para introducir a reunión, indicou que estaban alí congregados para escoitar a proposta de instalación da celulosa, pero que a soberanía pertencía ao pobo, polo que o rexedor local foi moi aplaudido. Non así un empresario local que, actuando como moderador e cedéndolle a palabra aos representantes de Celulosas de Guipúscoa, xerou un “clima tenso” e a veciñanza “atronou o local”.

Extracto da reportaxe publicada na páxina 14 do número do 9 de abril de 1976 do xornal El Pueblo Gallego.

A oposición popular foi clara dende o primeiro momento. Un dos primeiros pasos dos representantes foi proceder a explicar que era unha celulosa, ao que o pobo das Neves respondeu: “Non é necesario, xa temos unha en Pontevedra”. Así de contundente soou a referencia á fábrica que Ence instalou na capital de provincia en 1957. Non obstante, o tempo que durou a reunión informativa ofrecéronse datos sobre o funcionamento da posible celulosa das Neves. Produciría 120 toneladas de papel ao ano, a metade delas de papel branco. Tería unha cheminea de 150 metros e consumiría 500.000 metros cúbicos de madeira, dos que 320.000 serían de eucalipto e 180.000 de pino. E, finalmente, tería un cadro de persoal con 540 traballadores.

Publicidade

O pobo fronte á industria da celulosa

A exposición dos datos só causou máis apupos, sobre todo despois de mencionar as medidas que se aplicarían para evitar a contaminación que producirían a fábrica. O certo é que a oposición da veciñanza non foi algo novo, dado que a Garda Civil estaba despregada no ximnasio e, segundo relata o xornal, portaban radioteléfonos “para tratar de manter a orde”. A Mancomunidade de Montes do Condado foi quen convocou a sesión, para a que era preciso facer unha retirada previa de entradas no concello. Polo tanto, todo estaba disposto e moi controlado, prevendo o clamor que se ía producir contra os representantes da empresa.

“Os representantes da empresa consideran que neste clima non se pode seguir falando”. Así se resolveu a xornada informativa daquel 8 de abril de hai case 50 anos. Ao escoitar isto, o pobo comezou a berrar de novo para instar os traballadores de Celulosas de Guipúscoa a que abandonaran As Neves e, por tanto, os seus plans de instalar a fábrica de papel no municipio. De pouco serviron os moderadores, o clamor foi unánime: “Celulosa non, industrialización si”.

Uns cánticos que, igual que as pancartas, lembran en tempos recentes ás mobilizacións masivas que se están a celebrar en toda Galicia en contra de Altri, a celulosa que se pretende instalar en Palas de Rei e que conta co visto e prace ambiental da Xunta, pese á oposición social e científica. Unha historia que lembra, pese ás diferenzas, a como as protestas veciñais foron máis fortes que a industria da celulosa naquela primavera de 1976.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do Condado á Ulloa: a loita do pobo galego contra as celulosas dende hai 50 anos

O investigador da USC Damián Copena investiga a intensa mobilización social nos setenta contra un proxecto que se pretendía instalar en Ponteareas

Dos incendios á perda de diversidade: motivos polos que manter a moratoria do eucalipto

A prohibición conclúe a finais de ano, pero os últimos datos revelan que a superficie aumentou no primeiro tramo do veto

O Ulla únese aos ríos que esixen os seus dereitos ante a ameaza de Altri

O proxecto dunha macrocelulosa en Palas de Rei mobilizou en masa a unha sociedade galega que reclama unha democracia ambiental

De Sargadelos e Bazán ás torres das Pontes e Altri: valoramos o noso legado industrial?

O informe da Xunta que avoga por facer da cheminea de Altri unha "icona" devolve a pregunta da protección e coidado do pasado económico