Facer da cheminea da factoría de Altri unha icona paisaxística da Ulloa. É o que cre a Xunta que pode facerse da torre de 75 metros de altura que evacuará os gases do macrocomplexo da pasteira portuguesa en Palas de Rei. Unha afirmación da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural recollida nun dos 30 informes que forman parte da declaración de impacto ambiental e que nos devolve preguntas sobre o coidado das naves, fábricas e outros elementos que falan do que fomos no pasado máis recente.
“Unha trapallada máis para xustificar o inxustificable”. Así de rotundo se amosa o catedrático da USC Xoán Carmona Badía, un dos maiores expertos de patrimonio industrial galego, cando se lle pregunta polo informe do Goberno autonómico que avoga por converter a torre de Altri nun símbolo. Porque, como argumenta, a definición de patrimonio industrial ten a súa raíz, precisamente, no paso do tempo, nunca na proxección a futuro. “O patrimonio industrial defínese como aquelo que permanece dos restos dunha cultura industrial. É a cultura industrial doutro tempo, de atrás. Nunca pode ser un patrimonio do futuro, iso é unha definición que vai en contra de calquera das definicións que existen de patrimonio industrial”, sentenza.
Nos 800 Bens de Interese Cultural (BIC) catalogados pola Xunta, o legado industrial ocupa unha pequena parte na que destacan o complexo de Sargadelos, en Cervo (Lugo), o museo Massó de Bueu, o funicular aéreo de Valga ou a fábrica da Luz do río Mao, en Parada de Sil, entre outras. Unha lista na que aspira a entrar a torre de refrixeración da central térmica das Pontes. O procedemento volveu arrancar a finais do pasado mes de marzo logo de fracasar no seu primeiro intento no ano 2022. Agora, ca central pechada e en proceso de desmantelamento, semella que a solicitude chegará a materializarse.

Para o profesor da USC, a cheminea do complexo das Pontes, ademais de ter unha arquitectura particular que a fai “única” en España e toda Europa, é o símbolo do que significou para a térmica para a contorna. “É a testemuña dunha época, dunha parte industrial, pero tamén de toda unha comarca e dunha parte de Galicia que vivía dela. Debe quedar como recordo de toda unha época“, argumenta o catedrático, que cre que non só debe protexerse a cheminea, senón que esta catalogación tamén debería estenderse a, cando menos, o parque de carbóns.
A proximidade, factor clave pero non único
O concepto de patrimonio vai mudando cas sociedades, que incorporan ao seu acervo aqueles elementos, materiais ou inmateriais, que a definen. Porén, o significado que pode ter a torre da central das Pontes para un pontino nada ten que ver co que poida ter para un vigués. E viceversa se falamos da Panificadora ou da fábrica de Alfageme. Pero non sempre ten que ver exclusivamente cunha cuestión de proximidade, senón ca valoración que se lle concede, moitas veces ligada a factores de prestixio.
“En Galicia temos moitas igrexas románicas, e o románico ten un prestixio. Non necesitas explicarlle a ninguén o que significa para que o valore. O mesmo acontece cos castros ou as ruínas romanas. Non necesitan xustificarse. A pesar de que teñas dúas ou trinta ruínas romanas, se atopas unha nova, vai ser valorada, porque o romano ten valor. Na industria, non hai un consenso tan grande na sociedade do seu valor. E moitas veces perdemos arquitectura industrial que igual é máis valiosa que moitas igrexas románicas ou moitas casas romanas”, afirma o historiador da arte e da arquitectura Miguel Ángel Cajigal, máis coñecido como El Barroquista.
“Se alguén di de tirar unha ermida ou unha igrexa románica, poríamos o grito no ceo. Pero se alguén di de tirar unha nave industrial, aínda que sexa moi valiosa arquitectonicamente, enxeñeiramente ou que esconde unha parte da historia da cidade, entón parece que si, que pode tirarse sen maior problema”, engade o divulgador do patrimonio cultural.

Para falar da valoración do patrimonio, El Barroquista pon de exemplo o que aconteceu co incendio da catedral de Notre Dame de París hai seis anos. Unha catástrofe que foi sentida en todo o planeta, algo que non aconteceu co incendio que tamén destruíu boa parte da catedral de Nantes un ano máis tarde. “Notre Dame está en París, moita xente a visitou ou veu a película de Disney. Ao final, iso axuda a establecer vínculos directos con ese patrimonio. Namentres que se arde unha catedral que non coñeces, que non tes ningún vínculo creado con ela, é máis sinxelo que che importe tanto“, teoriza.
Galicia e a industria
O concepto do patrimonio industrial naceu en Inglaterra a partir da década de 1970 durante a crise do petróleo. O declive industrial nas illas trouxo aparellado unha resignificación dos espazos de traballo, que, ao pechar, empezaron a ser vistos doutro xeito polos obreiros. “Comezaron a ver que a fábrica non era só o espazo da escravitude, senón que tamén era un elemento de sociabilidade”, explica o profesor Carmona Badía.
En Galicia, ademais de darse o proceso industrializador máis tarde, a imaxe da Galicia ligada ao rural tamén fixo de lastre para que se tomase conciencia sobre o valor dos elementos ligados á actividade económica da historia máis recente. Unha apreciación na que, tamén para o profesor da USC, inflúe directamente a proximidade, o significado dunha factoría que foi o motor económico dun lugar ou no que traballaron pais ou avós.
Para ilustrar isto, recorda o caso da conserveira de Alfageme, no barrio de Bouzas, en pleno corazón do Vigo industrial e que provocou a mobilización da sociedade viguesa para evitar a súa demolición total. Agora, o novo plan de ordenación urbanística municipal protexerá o edificio grazas a ese movemento cidadán que organizou protestas e asembleas ás que, como lembra Carmona Badía, acudían traballadoras da fábrica que “botaran moito tempo da súa vida alí”.
“Ata fai pouco tiñamos moi pouca cultural industrial, non porque tivésemos pouca industria, senón porque había pouca dignidade e pouca confianza na nosa industria. Os galegos sempre nos definimos como moi enfraquecidos na industria, e creo que iso nunca foi certo”, opina o catedrático de Historia Económica, que cre que a protección patrimonial de elementos ligados á industria é unha cuestión que depende do “interese” das administracións.
Que facer con esas naves
Alén de protexer, o debate está en que facer con esas naves que reciben o indulto para non terminar convertidos en cascallos. Así rematou a antiga estación marítima da Coruña, desde onde partiron milleiros de galegos cara terras americanas na busca dun futuro que non atopaban en Galicia e que, para El Barroquista, hoxe podería ser un símbolo da historia da emigración. Demolida en 2002, eses terreos portuarios son hoxe o Palexco e un centro comercial reconvertido a espazo de negocios.
“Tirouse sen demasiada contestación pública e non pasou nada. A min, paréceme unha catástrofe desde o punto de vista patrimonial”, sinala El Barroquista, que apunta á nova valoración dos espazos portuarios na cidade da Coruña nos últimos anos grazas ás exposicións que organiza a Fundación Marta Ortega. “Está empregándose por toda Coruña como espazo cultural. Parece que hai unha nova valoración dese espazo, pero ese espazo sempre foi así, sempre foi válido”, engade.
Como aconteceu co edificio Massó en Bueu, moitas veces o destino dos edificios industriais protexidos é converterse nun museo que fale da súa historia. Noutras ocasións, destínanse a usos sociais, para facer de auditorios ou centros de formación, como a Fundación Laboral da Construción levantada sobre as ruínas dunha antiga curtudoría ás aforas de Santiago. Pero non sempre é posible, por emprazamento ou polas propias características da fábrica ou nave.

“En casos como a fábrica da luz do río Patelas, en Cuntis, simplemente conservalo paréceme o máis honesto”, resume El Barroquista, que recoñece que, en moitas ocasións, o patrimonio industrial desperta pouco interese entre a cidadanía. Aconteceu nunhas visitas organizadas aos estaleiros da antiga Bazán, no porto de Ferrol, un escenario “de película de Hollywood”.
“Moitas veces organízanse programas de visitas e a xente case non se apunta. E iso, ao final, acaba decincentivando que se ensine todo ese patrimonio, que moitas veces está en recintos que seguen sendo industriais e que é difícil de visitar”, apunta o historiador, que cre que esta falta de interese social acaba reflectindo nas iniciativas políticas para conservar este patrimonio.