Detrás de El Barroquista agóchase Miguel Ángel Cajigal Vera; un historiador da arte que fixo da divulgación unha profesión. Comezou a súa andaina hai anos, nun blog que pretendía enfocarse exclusivamente en desmontar os prexuízos sobre o Barroco, pero o interese que espertaban as súas mensaxes nas redes animouno a ampliar o espectro e a falar de patrimonio cultural, museos e, por suposto, arte. Agora, este galego xa acumula máis de 200.000 seguidores na rede social X (antes Twitter) e ten unha comunidade coa que nunca soñou. El Barroquista atravesa así as barreiras da pantalla, dos caracteres limitados e, en certo modo, da ignorancia cun único obxectivo: contar historias sobre a historia.
Falamos co divulgador galego nunha conversación centrada en derrubar os vellos estereotipos que insisten en dividir as ciencias das letras e, tamén, das reviravoltas da súa profesión.
—Ten 200.000 seguidores na rede social X. É vostede o noso particular influencer galego? Polo menos, no que respecta á historia da arte.
—[Risas]. Non sei se se mide por cantidade pero é certo que chegar a unha comunidade dese tamaño en X, ademais doutras redes, é bastante insólito. Ao principio non pensaba que ía acadar semellantes cifras. De feito, a miña directora de tese sempre me lembra con humor que cando din a miña primeira charla sobre divulgación tiña 14.000 seguidores. No relatorio dixen que non ía subir moito máis, tendo en conta do que eu falo. Pensei que me ía estabilizar nos 20.000 e mira, 10 veces máis do que eu calculaba.
—Estas cifras demostran que a arte interesa… E moito!
—A arte e a historia interesan moito, moito, moito. E, sobre todo, as historias vencelladas coa arte. Hai un perfil bastante común entre as persoas que facemos divulgación cultural nas redes sociais e é que somos contadores de historias. Buscamos que a xente conecte co patrimonio artístico ou histórico para espertar o interese.
Divulgar é contar o que ti queres contar, pero tamén contarlle á xente o que demanda saber
—Como foi a súa chegada á divulgación?
—Foron uns comezos bastante eclécticos porque eu sabía que quería contar cousas, pero non sabía como nin onde. O primeiro que fixen foi facer un blog ao que titulei El Barroquista porque a miña idea era falar do Barroco, centrándome en que é unha etapa histórica e artística coa que a xente ten moitos prexuízos. E eu creo que moitos destes estereotipos están infundados porque, en realidade, á xente si que interesa o Barroco e si que lle gusta a arte do Barroco. Por exemplo, din unha charla sobre Vermeer nos Multicines Compostela e enchemos a sala. Foi unha época de creación moi potente, con exemplos como Caravaggio, Luisa Roldán, Johann Sebastian Bach…
Así empecei e tiven a prudencia e a sorte de reservar o identificador co meu nome nas diferentes redes sociais. Foi un momento de lucidez, non o atribúo a ningunha idea brillante. Pouco a pouco funme decatando de que o blog en realidade non era interesante porque ao final lete quen xa te coñece. É dicir, o alcance é moi pequeno. Nun blog escribes máis para ti que para que te lean. Non obstante, nas redes si que había debate e, dalgunha maneira, en X os chíos podían chegar a contar historias.
A situación desbórdase nun momento crítico, como foi o incendio da catedral de Notre Dame. Eu estaba véndoo e comentándoo en directo. Aquel segue a ser o día de maior actividade e intensidade da miña conta de X. Nun só día léronme máis de 20 millóns de persoas. É dicir, unha barbaridade. Hoxe en día esa cifra é inviable, despois dos xogos de Elon Musk. A máquina está moi escachada e é difícil chegar a esas cifras se non tes un apoio específico da empresa. O que aconteceu con Notre Dame foi para min un antes e un despois porque me serviu para decatarme da potencialidade que había detrás desa rede.
No campo do patrimonio cultural e da historia da arte traballamos constantemente con elementos da ciencia
—Agora xa abandonou a divulgación exclusiva do Barroco e ampliou os seus temas de divulgación. Por que?
—Si, dende o momento en que vexo a potencialidade das redes doume conta de que divulgar é, por unha parte, contar o que ti queres contar; pero tamén é contarlle á xente o que demanda saber. Por iso agora o meu perfil non é só de Barroco, senón que se parece máis ao que son eu como historiador da arte. É dicir, unha persoa do campo do patrimonio cultural e, evidentemente, da historia da arte. Por iso eu sempre falo de tres cousas: museos, patrimonio cultural e arte.
A partir de aí tamén me decato de que hai unha parte de interpretación da realidade, de actualidade patrimonional, que non se estaba facendo. Ou que, dende o meu punto de vista, non facían os medios tradicionais, que tiñan outro tipo de intereses. Para que unha historia sobre patrimonio cultural saia nun medio e ocupe unha páxina teñen que pasar moitas cousas. Gciencia é un medio especializado, que vos vou contar.
—Cando coñeceu Gciencia?
—Dende bastante pronto. Teño a sensación de que xa sodes un medio de toda a vida.
—Como divulgador, como ve o panorama divulgativo en galego e en Galicia?
—O panorama é bo. Evidentemente as plataformas dixitais penalizan a cuestión lingüística. É moito máis doado ter unha maior audiencia se divulgas en castelán que en galego. A miña divulgación en redes, por exemplo, é maioritariamente en castelán, aínda que despois o meu traballo de divulgación tamén o fago en galego. Entre outras cousas, participando na radio pública. De todos modos, no que respecta á cuestión lingüística incluso poderiamos dicir que penaliza facela en castelán porque se a fixeras en inglés terías moita máis potencia. As canles verdadeiramente potentes, salvo excepcións, son as canles en inglés. En castelán, a máis importante pode ter entre un e dous millóns de seguidores, pero en inglés poden chegar aos 20 millóns.
—É dicir, hai unha evidente barreira lingüística na divulgación.
—E, ademais, unha barreira lingüística que é deliberada. É dicir, non estamos a falar de ferramentas inocentes. Os famosos algoritmos das plataformas están pensados para unha difusión determinada. Eu nótoo, por exemplo, cando fago un chío en galego, que ten moitísima menos visibilidade que cando o fago en castelán. E cando fago chíos en inglés teño moitísimas máis visibilidade que cando os fago en castelán. Esas plataformas pertencen a empresas privadas, non podemos perder iso de vista, e teñen unha estratexia en función do que fan con cada unha das linguas que se depositan nesas plataformas.
As letras e as ciencias son caras dunha mesma moeda
—Hai quen continúa defendendo a dicotomía “letras vs. ciencias”. É lóxico seguir perpetuando esta idea?
—A visión maniquea, máis sedutora, fácil, rápida e agradable é o partidismo Madrid-Barça e Celta-Depor. Pero, en realidade, o coñecemento está completamente conectado e esta é, precisamente, unha das miñas teimas. No campo do patrimonio cultural e da historia da arte traballamos constantemente con elementos da ciencia; do que a xente entende por ciencia pura. É dicir, química, física, ciencia dos materiais. Por tanto, esta división non ten moito sentido porque unha persoa ben informada ten que estar ben informada en calquera disciplina.
Tamén creo que tradicionalmente hai unha visión bastante tóxica do que é a traxectoria escolar e académica da xente, e como vivimos esa menor valoración das humanidades fronte ás ciencias. En realidade, un medio como Gciencia, especializado en ciencia, precisa das humanidades para conectar porque o xornalismo e a escrita son ciencias humanas. Eu teño moitos amigos científicos e colaboro con personalidades da divulgación cultural galega. Cando sentamos a facer un proxecto, o primeiro que pensamos é que estamos moi conectados. Somos caras da mesma moeda, pero non somos moedas distintas nin con diferente valor.
—Hai suficiente educación patrimonial? Durante o verán e nos últimos meses os medios fixéronse eco de múltiples ataques ao patrimonio, sobre todo en Santiago.
—A educación patrimonial mellorou moito e hai unha comunidade escolar, especialmente un corpo docente, que está moi sensibilizada. Pero tamén é certo que na propia docencia se reproduce esa división entre ciencias e letras, como se esa protección do patrimonio lle incumbise soamente á profesora de historia. E isto non debería ser así. En xeral, en Galicia e en España temos un problema serio coas humanidades porque están moito menos valoradas dende o punto de vista profesional. Esta é unha visión que desvaloriza inxustamente unha parte moi importante do coñecemento.
Despois está ao que eu me enfronto e vexo continaumente en redes. É dicir, xente que pensa que saber de humanidades é ler catro libros; ou que visitar moitos museos significa saber moito de arte. É moito máis difícil que alguén se atreva a corrixir a unha química orgánica ou a un físico cuántico que a un profesional dos museos, un filólogo ou unha tradutora.
—É dicir, vostede nótao no teu día a día.
—Si, eu nótoo claramente. É certo que en todas as profesións hai quen te corrixe porque, a fin de contas, o efecto cuñado é universal [risas]. Pero nas humanidades hai unha especie de patente de corso máis aberta. Calquera persoa que lea pensa que lendo xa aprende cando, en realidade, a historia da arte, da arqueoloxía, da filoloxía, son disciplinas científicas, académicas e cunha base profesional. Eu podo ter dúas mans pero iso non me converte nun experto en carpintaría, teño que ter máis formación. Porén, hai moita xente que pensa que se ve moitos documentais, xa sabe de historia e isto é un problema grave. Se alguén pensase que sabe de física cuántica por ver o Discovery Channel sería notoriamente ridículo, pero isto non pasa coa historia.
—Esta hostilidade, ou este cuestionamento das profesións vinculadas ás humanidades, vese amplificada polo uso das redes sociais?
—Nas redes hai unha postura que parece case natural que é levar a contraria. É dicir, fas unha información sobre o que sexa na que tocas seis ideas e a xente vai entrar para ler minuciosamente o que escribiches e destacar que a frase número 14 non é exactamente precisa. Non son psicólogo e non entendo de onde procede esta especie de pulsión por corrixir os demais que de repente xurdiu coas redes sociais. Non sei se é unha especie de desafío á autoridade pero é curioso porque podes ver cousas tremendamente divertidas.
Nas redes sociais hai moita xente que pensa que a dialéctica constrúe ciencia
A unha coñecida miña experta en historia antiga intentárona corrixir sobre a súa propia especialidade. A unha boa amiga, tamén divulgadora, recomendáronlle ler o seu propio blog. O momento cumio para min foi cando un rapaz inglés intentou explicarlle como funcionaba a Estación Espacial Internacional a un astronauta que estaba na Estación Espacial Internacional. Ese afán despois mestúrase co propio odio. As redes sociais son un caldo de cultivo descontrolado onde hai moita xente que pensa que a dialéctica constrúe ciencia. Se podo escribir un chío rebatendo unha teoría científica, é que estou rebatendo esa teoría científica. Non, simplemente estás xuntando palabras.
—Que acontece coas novas xeracións? O consumo de contidos é cada vez máis rápido. Ata que punto isto prexudica o coñecemento?
—A inmediatez sempre vai ser maior pero, ao mesmo tempo, nunca tivemos tantas ferramentas para contrastar. Non sei se eu son un optimista nato, pero a día de hoxe coas redes sociais parece que todo o mundo está preocupado polas fake news e as mentiras. En certo modo é unha preocupación consciente pero ás veces esquecémonos de que cando se inventou o xornalismo, cando empezaron a saír os diarios de maneira periódica na Inglaterra vitoriana, inventaban impunemente as noticias. É dicir, inventaban noticias sensacionalistas, o que se deu en chamar prensa amarela, para vender máis exemplares. Incluso falsificaban as declaracións dos implicados.
A diferenza é que naquel momento as posibilidades de contrastar a información eran case nulas. Ti mercabas un xornal sensacionalista que che contaba unha mentira e non tiñas maneira de corroboralo. Hoxe en día si tes como facelo a través de internet, de plataformas de fact checking, de medios especializados… Por iso ás novas xeracións hai que darlle ferramentas para que desenvolvan o sentido crítico, para que saiban detectar fake news e contrastalas cos seus propios medios. Así é como podemos combater bastante ben a desinformación.