Non se sabe cantas persoas foron nin de que idades. Do único do que queda constancia é das pintadas con xices de cores que apareceron esta mañá na igrexa de San Martiño Pinario, en Santiago. Ferrol mola foi un dos lemas que debuxaron, con trazo groso, nas paredes das escaleiras do templo. Este acto vandálico non é unha anécdota nin un caso illado, dado que hai tan só uns días unha peregrina pintou no chan do Obradoiro, e tamén con xiz, o número 3472km, en referencia á distancia que percorreu no Camiño de Santiago. A estes dous casos hai que sumar a pintada dun pene a finais de maio nunha das fachadas da emblemática praza compostelá. “O patrimonio é un ben común e ten que ser respectado pero, desgraciadamente, atoparémonos cada vez máis con este tipo de pintadas”, reflexiona Miguel Ángel Cajigal Vera, historiador da arte e divulgador baixo o alcume de El Barroquista.
Malia que o xiz non é un material tan abrasivo como a tinta ou o spray, tampouco é inofensivo. Normalmente retírase con auga e xabón pero, ás veces, tense que limpar con auga a presión. “Pensamos que a pedra o resiste todo, pero non é certo. O granito é unha pedra relativamente delicada que se meteoriza moi fácil e pode disgregarse con certa rapidez. Calquera intervención sobre a súa superficie pode acelerar a deterioración da pedra”, lamenta Cajigal Vera. Pero o escenario complícase, segundo explica, porque as pintadas de San Martiño Pinario fixéronse nas paredes dunha escaleira barroca que xa está moi danada. “Por diferentes razóns, chegou ao noso tempo nun estado de deterioración maior que outros elementos arquitectónicos da cidade. Se xa está en mal estado e, por enriba, hai que limpala, iso acaba estreopeando moito o material”, apunta El Barroquista.
De todos modos, o historiador da arte recoñece que as pinturas con xices non son equiparables ás que se fan con spray ou rotuladores, dado que nese caso hai que aplicar métodos de limpeza máis agresivos. Por exemplo, o láser. Con todo, sexa o soporte que sexa o que se vai empregar para vandalizar un monumento histórico, vai ter efectos negativos sobre o edificio. Tomar conciencia disto non é doado dado que, tal e como traslada Cajigal Vera, as repercusións non se ven a curto prazo. “Non vai pasar nada de aquí a un ano ou dez porque a deterioración acentúase moito máis co paso do tempo. A maneira de reaccionar dos materiais ante este tipo de produtos ten marxe de incerteza e pode provocar problemas maiores dentro de 50 ou 100 anos”, asegura. Neste caso, nada mellor que tirar de refraneiro popular e lembrar que máis vale previr que curar.
De todos modos, máis alá dos danos que se lle poidan ocasionar aos edificios, El Barroquista denuncia a falta de respecto polo patrimonio e a carencia dunha boa educación patrimonial. “Estes días tamén se viralizou nas redes o caso dun turista que gravou as súas iniciais nas paredes do Coliseo. Había xente que o defendía. É unha auténtica barbaridade pensar así”, sostén o experto. Alerta, ademais, de que este tipo de vandalismo é bastante común nos monumentos e centros históricos máis turísticos de Europa e que, malia que o de Santiago está moi ben conservado, este tipo de actitudes vanse acrecentar. “Isto non está pasando de repente. A catedral xa leva unha racha, en moi poucos anos, de varias pintadas no Obradoiro e en Praterías. No ámbito patrimonial temos o temor de que vai ir a máis”, insiste o experto.
“A maneira de reaccionar dos materiais ante este tipo de produtos pode provocar problemas maiores dentro de 50 ou 100 anos”
MIGUEL ÁNGEL CAJIGAL VERA (El Barroquista), historiador da arte e divulgador
Dende a Asocación en Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal), o seu presidente, Carlos Henrique Fernández Coto, coincide coa visión achegada por El Barroquista. “O mosteiro non é un lugar común, é un monumento que forma parte dunha cidade patrimonio da humanidade. Hai unha falta de respecto cara ao patrimonio, cara á arquitectura e cara á historia. E tamén unha carencia de valores e de educación”, salienta o presidente de Apatrigal. Amais disto, Fernández Coto asegura que as tarefas de limpeza e restauración adoitan ser caras e dende a entidade estiman que retirar o spray pode custar arredor dos 1.000 euros por metro cadrado. Sen contar os danos que lle poden ocasionar á arqueoloxía botánica. “A parede pode ter algún tipo de lique”, detalla.
Por que o fan?
“Detrás das pintadas reiteradas está o efecto mimético“, explica El Barroquista, tratando de indagar nas razóns que se agochan detrás destes actos vandálicos. Por unha banda, os expertos instan a denunciar este tipo de comportamentos pero, por outra, son conscientes de que se se popularizan crean unha especie de efecto chamada. O historiador da arte pon outros exemplos coñecidos en Galicia, como o amoreamento de pedras no cabo de Fisterra ou na praia das Catedrais. E dende logo, as redes sociais só contribúen a multiplicar o seu efecto. “A denuncia que se fixo sobre a pintada da peregrina deulle publicidade a este tipo de actos. Evidentemente, temos que lidiar con isto. É o mesmo problema que temos con calquera outra falta ou delito que se denuncie nos medios”, apunta o experto.
Atopar unha solución non é doado e tanto Fernández Coto como Cajigal Vera coinciden na dificultade de deter estes actos vandálicos, asumindo que se require dunha tarefa máis profunda de educación e concienciación. “É unha especie de laberinto que non ten unha solución fácil. Probablemente haxa xente que estea agora mesmo con moita fachenda e enorgullecéndose da persoa que fixo esas pintadas”, lamenta El Barroquista. Por iso, os expertos solicitan que se apliquen as sancións sempre que sexan posibles, como forma de disuadir e castigar este vandalismo. Fernández Coto, por exemplo, lembra unhas pintadas que se fixeron nunha escultura de Chillida en Madrid. “Tivo que pagar 150.000 euros e un ano ou dous de cárcere”, asegura.
A diferenza deste caso, en Santiago descoñécese quen fixo as pintadas e, por tanto, non se poden tomar accións contra os vándalos. Os expertos depositan a súa confianza no mesmo elemento que os prexudica: as redes sociais. E establecer un diálogo dende cativos para concienciar da importancia do patrimonio e dos riscos que se asumen se se dana. “Isto xa traspasa o problema específico dunha pintada ou catro sobre a pedra feitas con xiz. Realmente o problema está na reiteración“, asegura Cajigal Vera. A solución, por tanto, está en actuar con contundencia e en difundir unha mensaxe clara: a importancia de conservar do patrimonio. Para iso, hai que ir máis alá do presente e mirar cara ao futuro. Como di Fernández Coto, poñendo o foco na casa, na escola e na tribo. E talvez así, as pintadas vándalicas pasen de costume a anécdota.