Lugo será refuxio climático para as ‘árbores dinosauro’

O xardín botánico Arboretum participa nun proxecto internacional de conservación do coñecido 'piñeiro wollemi'

O xardín botánico Arboretum-Pinetum Lucus Augusti partipará nun proxecto internacional crucial para a conservación do ‘piñeiro wollemi‘ (Wollemia nobilis), popularmente coñecido como a “árbore dinosauro”. Este esforzo global é resultado dun convite do renomeado Real Xardín Botánico de Sydney, en Australia, que pretende albergar seis exemplares desta rara especie nas instalacións do xardín botánico de Lugo. O Wollemia nobilis é unha árbore australiana en perigo de extinción e a intención da medida é preservar a riqueza xenética da especie e salvala dos perigos derivados da mudanza climática.

Descoberto en 1994 e distribuído desde mediados da primeira década deste século a varias institucións e particulares, o piñeiro wollemi é unha especie notábel polo seu aspecto, certamente arcaico, e por ser considerada un “fósil vivente”, é dicir, unha especie identificada desde hai algún tempo a través de restos fósiles e da cal finalmente foron encontrados uns poucos exemplares vivos na época actual. Precisamente, o seu epíteto informal de “árbore dinosauro” ou “dinosauro vivente” procede da comparación efectuada polo botánico recentemente finado Carrick Chambers, que afirmou no seu día que a descoberta de exemplares vivos de wollemia era o equivalente botánico a ter descoberto na actualidade un grupo de dinosauros prosperando nalgún lugar recóndito.

Publicidade

De entre as árbores distribuídas inicialmente no primeiro programa internacional de conservación do piñeiro wollemi, o noso arboreto conseguiu facerse con unha, que foi plantada en 2009. Desde entón, esta pequena conífera medrou de forma extraordinaria, converténdose no exemplar máis alto na súa especie de todos os plantados na Europa continental; iso, sen dúbida, grazas ás condicións climáticas e ás características do solo lucense, non moi diferentes das montañas australianas das que procede.

Reprodución vexetativa

Piñeiro Wollemi. Foto: Arboretum / Pinetum Lucus Augusti

Os exemplares distribuídos inicialmente eran todos eles clons obtidos por reprodución vexetativa a partir dun número moi reducido de individuos orixinais. De feito, ao principio, supoñíase que a especie carecía de diversidade xenética por causa de terse preservado en grupos extremadamente reducidos que, como moito, totalizan menos de cen espécimes. Mais, afortunadamente, ao longo da pasada década os investigadores que estudan as wollemias conseguiron identificar ata seis xenotipos diferentes, revelando que os exemplares distribuídos inicialmente non representaban máis que unha pequena parte do espectro xenético da especie.

Publicidade

Para garantir ás “árbores dinosauro” un futuro resiliente ás mudanzas climáticas e ecolóxicas, faise imperativo aproveitar esta variabilidade e promover a súa diversificación xenética. En resposta a estes desafíos, as autoridades competentes australianas, en conxunción coas entidades Botanic Gardens Conservation International e Forestry England, decidiron implementar un novo plan global de conservación in situ da especie, establecendo unha “metacolección” de wollemias que foi distribuída por varios xardíns botánicos ao redor do mundo, principalmente europeos.

Trátase de lugares seleccionados sobre todo pola súa capacidade para cumprir cos requisitos específicos da especie. Perante as mudanzas climáticas e a devastadora vaga de lumes que asolou o continente australiano hai dous anos, aconsellábase tamén establecer colonias fóra do país como medida preventiva. Neste contexto, o xardín Lucus Augusti foi elixido como un dos refuxios para as wollemias, e os seis exemplares que acaban de ser plantados neste arboreto representan un paso significativo neste esforzo global de conservación. É o único xardín botánico español seleccionado para este proxecto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Media Galicia en alerta vermella pola calor: estes son os 117 concellos afectados

A influencia das altas presións producirá que algúns episodios se prolonguen ata cinco días, sobre todo en Ourense, A Coruña e Lugo

▪️ Que é a cúpula de calor? O fenómeno detrás dos récords de temperatura en Galicia en pleno mes de maio

MeteoGalicia establece alertas amarelas por calor na zona do Miño de Ourense e no sur de Lugo, con previsións de ata 36 graos

Un pazo do século XVII nos Ancares entra na Lista Vermella do Patrimonio polo seu grave estado de ruína

A asociación Hispania Nostra incorpora a inmoble tras constatar danos estruturais severos na coberta e no interior

A lucense que agarda un dobre transplante de páncreas e ril e converteu o hospital nun lenzo da súa vida

Monse Fernández publica "Haxa salú!", editado pola Fundación Renal Española, no que relata longas estancias médicas e anécdotas do día a día